Unha familia puxo por erro no formulario unha data de nacemento distinta á do libro de familia, pero a consellería non atendeu ese documento oficial nin aceptou corrixir o erro da solicitude e agora é condenada a retomar o expediente
A Xunta estableceu que a Tarxeta Benvida, a axuda de entre 100 e 200 euros ao mes durante o primeiro ou os tres primeiros anos de vida, ten un prazo de solicitude de dous meses desde o nacemento ou adopción. Unha familia puxo por erro no formulario de solicitude unha data anterior e a Consellería de Política Social denegoulla porque no momento de presentación xa pasaran os dous meses. Cando a familia pediu corrixir o erro a Xunta nin sequera tramitou o seu recurso argumentando que tamén este superara outro prazo.
Pero agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dá a razón aos afectados e volve criticar o “formalismo” da Xunta na tramitación destes asuntos. Un formalismo que a xustiza lle vén reprochando de xeito reiterado noutros casos previos nos que tampouco comprobou como debía a documentación entregada por outras familias.
Segundo os feitos relatados na nova sentenza, a familia afectada escribiu no formulario de solicitude da Tarxeta Benvida unha data de nacemento errónea, anterior á real. Xunto co formulario achegou á Xunta copia do libro de familia e certificado de empadroamento, documentos os dous nos que aparecía a data correcta de nacemento. Pero o director xeral de Familia só atendeu á data sinalada no formulario. E como xa pasaran máis de dous meses entre esa data e o momento de presentación da solicitude, denegouna.
"A simple consulta do libro de familia que se acompañaba permitía descubrir que se cometera un erro”, di a sentenza, polo que a solicitude “estaba claramente presentada dentro do prazo de dous meses
Cinco meses despois de recibir a denegación, tras decatarse do erro na súa solicitude, a familia presentou un escrito co que solicitou unha corrección, e volveu achegar o libro de familia. Pero o director xeral volveu argumentar novamente que se superara outro prazo, desta volta o de recurso, e nin sequera tramitou a petición de corrixir o erro. Porén, agora o Tribunal Superior di que foi a Xunta quen cometeu un dobre erro, o de non contrastar a data consignada na solicitude coa dos documentos que a acompañaban e o de rexeitar o recurso posterior da familia porque aínda estaba en prazo.
Segundo o TSXG, fronte ao erro da familia houbo tamén un “erro da resolución administrativa ao non contrastar a data de nacemento que se sinalaba na solicitude coa documentación presentada”. “A simple consulta do libro de familia que se acompañaba permitía descubrir que se cometera un erro”, di a sentenza, polo que a solicitude “estaba claramente presentada dentro do prazo de dous meses” esixido na convocatoria das axudas.
E sobre a negativa da Xunta a tramitar o recurso que presentou a familia, o TSXG di que o Goberno galego interpretou de xeito tamén errado que o escrito que lle presentaron era un recurso de reposición, para o que o prazo era dun mes, fronte aos cinco que tardou a familia en formulalo. Pero o tribunal lembra que a familia non dixo que o seu fose un recurso de reposición senón que a propia administración debía consideralo como un recurso extraordinario de revisión, que se formula ante un erro que ten que ser “ostensible, manifesto e indiscutible”, sen necesidade de achegar máis documentación senón que se pode comprobar co expediente xa existente, como era o caso. E para este tipo de recursos o prazo era de ata catro anos.
O tribunal tamén salienta que a familia nin sequera contratara ningún profesional xurídico para formular o recurso e que a xurisprudencia prima o “antiformalismo” nese tipo de actuacións. Isto é, que a Administración, ante a dúbida de que tipo de recurso era o da familia se esta non o identificaba, debía primar o seu “dereito de defensa”. E incide en que “basta coa expresión nun recurso administrativo das razóns que poidan fundamentar os motivos de impugnación, aínda que non se expresen formalmente estes, para que haxa de admitirse o recurso interposto, e se non se cualificou expresamente polo recorrente o recurso formulado ou está ausente dita cualificación iso non impide a súa tramitación sempre que se deduza o seu verdadeiro carácter”.
A sentenza conclúe que “non só” a Xunta debeu admitir o recurso de revisión formulado pola familia “senón que tamén concorre o motivo de revisión” xa que este era un erro evidente facilmente contrastable co resto da documentación achegada. Por iso o TSXG ordena a Política Social retomar a solicitude que denegara por supostamente presentarse tarde.
Xa son varias as sentenzas do TSXG que condenaron a Xunta por denegar axudas da Tarxeta Benvida por formalismos
Praza.gal vén revelando diversas sentenzas nas que o TSXG condena a Xunta por denegar a Tarxeta Benvida por formalismos similares. Hai un ano unha primeira sentenza reprochou o “rigor formal extremo” co que Política Social denegou a axuda a unha familia numerosa que tiña dereito a ela. Naquela sentenza o tribunal criticou á Xunta que “non era tan difícil” comprobar cunha simple suma o dato de ingresos da familia no que se escudara para rexeitar a solicitude senón que “máis ben era cuestión de boa vontade e boa administración”. Nunha segunda sentenza, o mesmo TSXG reprochou a Política Social que non admitise documentación que a nai achegou para xustificar a súa recente separación e que considerase fóra de prazo a entrega dunha sentenza sobre a custodia da menor que foi emitida posteriormente por un xulgado, co que non estaba en mans da nai cumprir coas datas do procedemento.
Nun terceiro caso a familia, como no agora revelado, trabucouse ao cubrir o formulario de solicitude e indicou que tiña dous fillos en lugar de cinco, e cando pediu corrixilo presentando o título de familia numerosa Política Social rexeitouno. Pero o TSXG lembrou que é a propia Xunta quen emite os títulos de familia numerosa e que debía ser coñecedora dese dato.