O presidente anunciou en outubro que a axuda sería concedida automaticamente "sen que haxa que cubrir ningún formulario nin achegar ningunha documentación adicional", pero agora o DOG mantén unha tramitación semellante a anterior
Nin as persoas con dependencia que son coidadas na casa van recibir 5.000 euros, senón que só verán aumentada lixeiramente a axuda que xa estivesen a recibir, nin as familias con bebés verán reducida considerablemente a burocracia para obter a Tarxeta Benvida de 100 euros ao mes ampliables nalgúns supostos. Foron dous dos principais anuncios lanzados polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no debate de política xeral a comezos de outubro, e ao igual que sucedeu co bono para dependentes tamén agora a promesa sobre a Tarxeta Benvida queda diluída na convocatoria oficial para este 2024 publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia.
Segundo proclamara Rueda en outubro, "a Tarxeta Benvida pasará a concederse automaticamente a todos os fogares que cumpran os requisitos de renda (que son o 80%), sen que haxa que cubrir ningún formulario nin achegar ningunha documentación adicional". O presidente enmarcaba o anuncio nun "completo plan de simplificación administrativa que reducirá ao mínimo o papelame" nas axudas ás familias, mentres que o seu equipo divulgaba comunicados de prensa nos que incidía en que "a Tarxeta Benvida será enviada directamente ás familias que cumpran os requisitos" ou que "todos os fogares que cumpran os requisitos van recibir directamente a Tarxeta Benvida cando teñan un fillo".
As familias terán que seguir solicitando a tarxeta cun formulario practicamente idéntico ao que había ata agora e "preferiblemente" na por veces complexa sede electrónica da Xunta
Porén, a Orde coa que este xoves se establecen no DOG as axudas para este ano é moi similar á dos anos anteriores. As familias terán que seguir solicitando a tarxeta cun formulario practicamente idéntico ao que había ata agora e "preferiblemente" na por veces complexa sede electrónica da Xunta. Tamén deberán achegar igualmente á administración a documentación que non obre no seu poder, como xa sucedía ata o momento.
A Orde limítase a engadir, a respecto da do ano pasado, un artigo denominado "servizo proactivo" que sinala que "no suposto de que a Administración dispoña da información ou datos das persoas que poidan beneficiarse desta axuda, poderá dirixirse a elas, empregando a canle máis axeitada segundo perfil da persoa usuaria, ben a través da app da Xunta, SMS, correo ou outras, co obxecto de facilitarlles a presentación da correspondente solicitude". Pero se non ten eses datos, como sucede por exemplo habitualmente co Libro de Familia, as familias deberán achegalos elas.
A continuación engade que "a solicitude web dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia será intuitiva, sinxela e adaptada a cada un dos supostos en que poida atoparse a persoa usuaria, recadando os datos estritamente necesarios segundo a súa situación persoal e familiar" así como que "a presentación desta solicitude habilitará a Administración para a súa tramitación da forma máis eficiente, recadando a información que sexa precisa para facer efectivo o pleno acceso a todos os trámites da convocatoria por parte da persoa usuaria".
Porén, no seguinte artigo, o dedicado a "forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes", mantense, como en anos anteriores, que "as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta". E ese formulario, reproducido tamén no DOG, é moi similar ao de anos anteriores. Unha das novidades é un apartado para que as mulleres embarazadas poidan obter a tarxeta a partir da semana 21 de xestación, fronte a anos anteriores en que podían pedir a axuda antes do parto pero esta non se entregaba ata despois do nacemento. No caso desta nova modalidade a Xunta si facilita opción de consultar ela mesma ao Sergas o estado do embarazo sen que o teña que certificar a nai, cuestión que si deben facer as familias no caso de seguimentos do embarazo alleos á sanidade pública.
No resto de apartados o formulario, tanto nese anexo I como nos seguintes anexos que deben cubrir outros membros da unidade familiar ou no caso de variacións do nivel de renda, presenta un formato similar aos de anos anteriores.
Tras a publicación no DOG, a propia Xunta divulgou unha nota de prensa. Porén, nela nada se di xa da suposta redución da burocracia anunciada por Rueda en outubro e publicitada daquela polo Goberno galego nos seus comunicados. Pola contra, na nota deste xoves a Consellería de Política Social limítase a sinalar "dúas novidades": concesión da tarxeta ás mulleres embarazadas e ás familias que acollan de xeito permanente a un ou máis menores de ata 3 anos.