A conselleira de Política Social publicita en persoa na tenda da Coruña a incorporación da multinacional sueca á listaxe de establecementos nas que se poden gastar as axudas da Xunta para as familias con nenos pequenos
A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, celebraron este luns un acto nas instalacións de IKEA na Coruña para publicitar a incorporación da multinacional sueca á listaxe de establecementos comerciais nos que se pode pagar coa Tarxeta Benvida, que canaliza as axudas da Xunta para as familias que veñen de ter fillos. Os dous altos cargos do Goberno galego salientaron que a tarxeta poderá empregarse a partir do 1 de decembro non só na tenda coruñesa senón tamén nas oficinas de planificación de mobiliario e decoración que a multinacional ten en Santiago, Vigo e Ourense.
A Tarxeta Benvida é unha tarxeta precargada de cen euros ao mes no primeiro ano de vida que pode estenderse ata os catro anos de vida ou aumentar o importe nos casos das familias máis necesitadas, as familias numerosas ou as que viven en concellos rurais. A propia Xunta salientou este luns que "son moitos os comercios, farmacias e establecementos que permiten empregar esta tarxeta", pero o Goberno galego optou desta volta por publicitar a incorporación dunha multinacional como IKEA coa pretensión expresa de "que as familias planifiquen a chegada do seu fillo coa máxima ilusión e coas mínimas preocupacións económicas posibles".
Hai un mes, no debate de política xeral, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta reformará o sistema de concesión da Tarxeta Benvida para que deixe de ser a través da presentación dun formulario de solicitude por parte das familias e pase a outorgarse por defecto a quen cumpra os requisitos. Unha decisión que chega tras sucesivas sentenzas que veñen criticando o exceso de formalismos e rigor cos que a Xunta denega a tarxeta a familias que teñen dereito a ela.