O tribunal censura ao Goberno galego que “non era tan difícil” comprobar o dato no que se escudou para rexeitar a solicitude dunha Tarxeta Benvida senón que “máis ben era cuestión de boa vontade e boa administración”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Consellería de Política Social a que outorgue a unha familia numerosa con catro fillos a axuda completa da Tarxeta Benvida a que ten dereito polo nacemento do cuarto fillo e que a administración denegara por un “rigor formal extremo”. O tribunal censura á Xunta a súa falta de vontade para comprobar que a familia cumpría cos requisitos para obter a axuda con expresións como que optou pola “saída fácil” de denegala cando non requiría máis que unha “sinxela comprobación”.
“Non era tan difícil a constatación do dato, máis ben era cuestión de boa vontade e boa administración”, chega a dicir o TSXG, que lembra que a Xunta vén actuando reiteradamente de xeito similar.
Segundo o relato dos feitos que fai o TSXG, a familia solicitou a axuda por nacemento de fillos que a Xunta outorga baixo a denominación de Tarxeta Benvida e cuxa contía gradúase en función da renda e o número de fillos, podendo ir desde os 100 euros ao mes só durante o primeiro ano ata 200 euros ao mes durante os tres primeiros anos do neno ou nena. Esa última situación era a da familia en cuestión, que viña de ter o seu cuarto fillo e solicitaba a axuda máxima por tres anos. Porén, a Xunta só lla outorgou por un ano co argumento de que non puido determinar nin polos datos existentes na Axencia Tributaria nin pola documentación achegada pola nai cales foran os ingresos da familia dous anos antes.
O feito é que no procedemento de solicitude da Tarxeta Benvida a propia Xunta solicita ás familias autorización para consultar ela mesma os datos da Axencia Tributaria. E alí estaban os datos que precisaba a Xunta, pero non nunha única declaración senón en dúas, porque aquel ano a familia presentara unha declaración complementaria, feito nada extraordinario nas declaracións da renda. Ante esa situación, en lugar de comprobar as dúas declaracións e sumar os importes correspondentes, a Xunta optou por denegar a axuda para os tres anos e outorgouna só para un ano.
O Goberno galego nin sequera ofreceu á familia a posibilidade de corrixir a solicitude que dicía que estaba incompleta senón que tivo que ser esta quen recorreu na vía administrativa. A propia familia presentou ante a Xunta a documentación que a administración podía comprobar na Axencia Tributaria, pero volveron denegarlle a axuda e obrigárona a recorrer ante a xustiza.
A sentenza censura que a Xunta actuase así "unha vez máis" e "especialmente, nun tema tan sensible como a axuda á infancia, á convivencia familiar e ao fomento da demografía"
“Unha vez máis, paradoxalmente, en materia de subvencións e, especialmente, nun tema tan sensible como a axuda á infancia, á convivencia familiar e ao fomento da demografía, a Administración fai uso dun rigor formal extremo que mal se compadece cos intereses a tutelar”, di a sentenza. “Manter, como fai a Administración, que non puideron determinarse a través da documentación achegada coa solicitude os ingresos da unidade familiar” nin tampouco a través da consulta á Axencia Tributaria por existir varias declaracións, argumenta o tribunal, “non parece máis que unha saída fácil á que se acolleu [a Xunta] para limitar o tempo a subvencionar e reducir o importe da axuda”. Era, engade, “unha sinxela comprobación”, na que “bastaba” sumar catro cifras das declaracións da renda da familia, que o propio tribunal suma na sentenza, para comprobar que a familia tiña dereito á máxima axuda posible.
O tribunal tamén critica que neste caso, aínda que puidese existir un erro inicial por parte da familia solicitante, ningún prexuízo suporía para outras persoas interesadas que a Xunta lles abrise a posibilidade de corrixir a solicitude. “Non podemos deixar no esquecemento que, no presente caso, non nos movemos no ámbito dun procedemento de concorrencia competitiva suxeito a limitada dispoñibilidade orzamentaria; aquí non existe competencia entre os solicitantes da axuda nin hai límites económicos que puideran dificultar a concesión de todas as axudas pretendidas”, lembra a sentenza.
"Bastaba" sumar catro cifras para coñecer os ingresos da familia e “quedou evidenciado que este tribunal, mediante unha simple suma aritmética, puido cuantificalos”, di a sentenza
No proceso xudicial a Xunta chegou a pedir que, no caso de que o xulgado dese a razón á familia, non se lle dese a axuda de xeito automático senón que o proceso volvese ao punto de valoración novamente das declaracións da renda da familia. Pero o tribunal denégallo. “Resulta sorprendente que, agora, se preste a Administración a levar a cabo o que puido e debeu facer no seu momento”, volve censurar o Tribunal Superior, que di ter “suficientes elementos de xuízo” para condenar á Xunta a pagar xa a axuda á familia sen máis trámites.
O argumento da consellería de que non podía coñecer os ingresos da familia dous anos antes do nacemento do neno porque había varias declaracións da renda é desbotado porque “quedou evidenciado que este tribunal, mediante unha simple suma aritmética, puido cuantificalos”. “Non era, por tanto, tan difícil a constatación do dato; máis ben era cuestión de boa vontade e de boa Administración”, conclúe a sentenza.
O TSXG reprocha “unha vez máis” o “rigor formal extremo” da Xunta en materia de subvencións xa que, como vén informando Praza.gal, son xa varias as sentenzas que condenan o Goberno galego por feitos similares. Este diario tamén contou as dificultades burocráticas que atopa unha familia á hora de solicitar a Tarxeta Benvida. [Ter un bebé en Galicia (capítulo 1): Benvido, pero non moito].