Feijóo xustifica a falta de medidas concretas da súa lei demográfica en que “non pode hipotecar a gobernos sucesivos”

O presidente Feijóo na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA Praza Pública

O presidente asegura que “a inmensa maioría” das recomendacións do CES serán incorporadas nun texto que atribúe aos “profesionais de recoñecido prestixio que nos asesoraron”

A Lei de impulso demográfico que a Xunta está a tramitar ten “compromisos moi xenéricos” e pouco concretos, segundo vén de ratificar o Consello Económico e Social (CES), porque “por razóns de responsabilidade non pode hipotecar a gobernos sucesivos de forma indefinida aproveitando un final de lexislatura”. Quen así o xustifica e o propio presidente Feijóo, que asegura, pola contra, que atenderá “a inmensa maioría” das recomendacións que lle fai o órgano de representación social.

O informe do CES á Lei de impulso demográfico foi feito público este luns e nel se critica que no texto “abundan meras declaracións de intencións e compromisos moi xenéricos” cunha “limitada dotación orzamentaria dirixida a novas actuacións”. Esas críticas xa foran lanzadas polos partidos da oposición e diversos colectivos cando a Xunta fixo público o seu borrador o pasado verán, e este xoves o líder do PSdeG criticou que a norma é un intento de última de hora de Feijóo, a poucos meses de rematar a lexislatura, de facer ver que o seu Goberno está a actuar en materia demográfica.

Toma de posesión en setembro do actual presidente do CES, o ex-conselleiro Agustín Hernández CC-BY-SA Xunta de Galicia

Feijóo di que o texto actual é “consecuencia dos traballos do observatorio de demografía” creado pola Xunta “con profesionais de recoñecido prestixio que nos asesoraron”

Este xoves, na súa rolda de prensa tras a reunión semanal do Consello da Xunta, Feijóo foi preguntado polas críticas do CES, que desde setembro está presidido polo ex-conselleiro Agustín Hernández. Co conflito aínda aberto pola incapacidade do Goberno galego para dotar de pediatras o paridoiro de Verín, o presidente foi cuestionado sobre se a falta de disposicións imperativas na lei se debe ao medo da Xunta a non ser quen de cumprir a súa propia lei. Feijóo, admitindo en parte o argumento empregado por Caballero de que a lei chega no final da lexislatura, asegurou que a redacción pouco concreta da norma débese a “razóns de responsabilidade” para non “hipotecar a gobernos sucesivos de forma indefinida aproveitando un final de lexislatura”. “Non nos gusta facer as cousas en contra dos intereses xerais”, engadiu. Porén, malia considerar así que establecer na lei disposicións imperativas non sería o adecuado, o presidente asegurou que “a inmensa maioría” das recomendacións do CES serán incorporadas ao texto. 

“Somos a comunidade con máis axudas do Estado no ámbito demográfico”, di Feijóo

Feijóo tamén intentou desviar a responsabilidade sobre a lei que impulsa a Xunta asegurando que o texto actual é “consecuencia dos traballos do observatorio de demografía” creado pola Xunta “con profesionais de recoñecido prestixio que nos asesoraron”. Tamén xustificou que na lei non aparecen cuestións xa aprobadas pola Xunta como que os segundos e sucesivos fillos non paguen polas garderías públicas, e reclamou ao Goberno central que colabore economicamente con esa medida para que se poida estender tamén aos primeiros fillos. “Somos a comunidade con máis axudas do Estado no ámbito demográfico”, concluíu o presidente. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e Feijóo na presentación da lei de impulso demográfico © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.