O CES critica a falta de medidas concretas e orzamento da Lei de Impulso Demográfico proposta pola Xunta

O CES considera que "a vinculación ao territorio e ás zonas en risco de despoboamento debe ser o eixo central dunha lei de impulso demográfico" CC-BY pxhere

O pasado verán o Goberno galego iniciou a tramitación da Lei de impulso demográfico, un proxecto que busca dar resposta ao "maior desafío que afronta Galicia a medio e longo prazo”, segundo declarou daquela o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Porén, tanto nese momento os partidos da oposición como agora o Consello Económico e Social (CES) subliñan a ausencia de medidas concretas no texto, sobre todo as referidas á promoción económica e xeración de emprego no medio rural ou ao apoio á fixación de poboación nova ou á chegada e retorno de poboación emigrante.

"No anteproxecto presentado abundan meras declaracións de intencións e compromisos moi xenéricos, desvirtuándose o alcance real que tería que ter esta lei", di o CES

O CES, presidido dende o pasado mes de setembro polo conselleiro Agustín Hernández, deu a coñecer este luns o seu ditame sobre o anteproxecto de lei, un documento no que este órgano consultivo realiza unha valoración moi negativa da proposta. "No anteproxecto presentado abundan meras declaracións de intencións e compromisos moi xenéricos, desvirtuándose o alcance real que tería que ter esta lei: avanzar de xeito significativo no impulso demográfico de Galicia", afírmase no ditame, que conclúe que "se está a perder a oportunidade de dar resposta efectiva ás intencións que reflicte a Lei".

O Consello Económico e Social critica ademais o procedemento seguido pola Xunta, sinalando que "non aparece xustificada no expediente a solicitude do ditame por vía de urxencia, como resultaría en todo caso necesario" e deixando así ao CES "nun papel secundario e con menor oportunidade de poder incidir na mellora deste anteproxecto".

Fabiola García e Alberto Núñez Feijóo na presentación do anteproxecto © Xunta

O CES considera que "a vinculación ao territorio e ás zonas en risco de despoboamento debe ser o eixo central dunha lei de impulso demográfico"

A lei achega poucas novidades concretas ás políticas que xa se veñen desenvolvendo, a pesar de chegar nun contexto de progresivo despoboamento en Galicia, que no ano 2018 e nos primeiros seis meses do 2019 rexistrou a cifra máis baixa de nacementos na serie histórica, cun descenso do 15% dende a entrada en vigor do cheque-bebé, hai tres anos e medio. Unha situación que é especialmente grave nas zonas rurais. Só 42 concellos gañaron poboación na última década e 271 perderon habitantes e, ademais, só 13 concellos teñen máis nacementos que mortes.

Recolle, iso si, o compromiso de que o investimento en políticas de familia durante os vindeiros cinco anos aumentará "un mínimo do 50% sobre o aumento porcentual do gasto non financeiro dos orzamentos xerais" da Xunta. Pero a maior parte das restantes medidas  refírense a accións e programas xa en marcha ou anunciados. Polo demais, aínda que a lei abrangue temas como o fomento do emprego, a política de vivenda, a promoción do retorno de emigrantes, o apoio ás zonas rurais, as políticas de conciliación ou o apoio económico ás familias con máis necesidades, as súas propostas fican en compromisos xenéricos de mellora. 

O ditame bota en falta "medidas específicas dirixidas á fixación de poboación no medio rural e costeiro con pouca poboación, garantindo servizos e prestacións similares ás zonas máis poboadas"

Neste senso, o ditame do CES destaca que "pola súa especial incidencia na fixación da poboación e no impulso demográfico cómpre resaltar a falta de concreción nos artigos directamente relacionados coa ordenación do territorio e das actividades económicas vinculadas a este". O documento destaca especialmente a ausencia de medidas concretas sobre a asistencia sanitaria á reprodución, o estímulo das actividades económicas ou a accesibilidade dos servizos públicos e mobilidade.

O CES considera que "a vinculación ao territorio e ás zonas en risco de despoboamento debe ser o eixo central dunha lei de impulso demográfico", conclúe o órgano consultivo, que considera necesario "facer unha referencia ás dificultades derivadas da situación socioeconómica e laboral como elemento condicionante da dinamización demográfica, concretadas en poucas oportunidades de acceso á vivenda e nas dificultades de acceso a un emprego estable e de calidade". Ademais, o CES bota en falta "medidas específicas dirixidas á fixación de poboación no medio rural e costeiro con pouca poboación, garantindo servizos e prestacións similares ás zonas máis poboadas".

Escola infantil na Estrada Dominio Público Abalo Alonso Arquitectos, Elizabeth Abalo, Gonzalo Alonso, Francisco González Varela

O órgano consultivo chama a atención finalmente sobre "a limitada dotación orzamentaria dirixida a novas actuacións”

Así mesmo, o Consello Económico e Social salienta que a atención á dependencia e o coidado ás persoas maiores "pode ser un factor relevante de desenvolvemento económico e de fixación de poboación en zonas demograficamente deprimidas" e reclama que "debe garantirse que todas as persoas teñan acceso a este servizo público", apostando pola súa universalización.

O ditame chama a atención finalmente sobre "a limitada dotación orzamentaria dirixida a novas actuacións”. O CES considera "fundamental" que as políticas activas de impulso demográfico "conten cunha dimensión orzamentaria adecuada á realidade".

Por outra banda, o CES afea tamén o feito de que a Xunta introducise cambios lexislativos noutras normas a través deste proxecto e considera que esta "non é a ferramenta adecuada para introducir cambios lexislativos en leis colaterais coas que, como neste caso, non hai unha vinculación directa entre o obxecto e contido da propia Lei e o cambio que se quere introducir".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.