Galicia é o territorio do Estado no que máis diminúen os nacementos, que acadan un novo mínimo histórico

Galicia rexistrou no ano 2018 un novo mínimo histórico de nacementos © Xunta

"Queremos que Galicia sexa o mellor lugar para nacer e para ser neno". Deste xeito resume a Xunta dende hai anos a súa política social destinada a promover a natalidade e a apoiar ás familias e á conciliación. Porén, a realidade é que o número de nacementos no noso país non deixa de descender e, ademais, faino de forma máis acusada que en calquera outra comunidade do Estado.

No 2018 houbo en Galicia case dúas mortes por cada nacemento

O INE vén de publicar os datos correspondentes a 2018, un ano no que se houbo 16.550 nacementos en Galicia, dous mil menos que no 2017, que xa rexistrara un mínimo histórico. A cifra acumula dez anos de descensos, dende os 23.175 de 2008, ano no que rematou a leve recuperación da natalidade motivada polo crecemento económico e os fillos e fillas da xeración do baby-boom. Empeora polo tanto o saldo vexetativo, un indicador negativo dende o ano 1987 que se sitúa xa en -15.854. No 2018 houbo case dúas mortes por cada nacemento.

A natalidade acada un novo mínimo histórico e Galicia presenta a peor tendencia de todo o Estado

O número de nacementos descende en todo o Estado, que presenta un saldo vexetativo negativo de 56.262 personas. Porén, Galicia é a comunidade autónoma na que máis de reducen os nacementos e a natalidade. No conxunto de España rexistráronse un número de nacementos inferior nun 6,1%, pero no noso país a caída supera o 10%. Tan só Asturias presenta unha taxa de natalidade máis reducida que a galega (5,60 nacementos por cada mil habitantes fronte aos 6,13 de Galicia). Porén, a evolución da natalidade en Asturias non está a ser tan negativa e Galicia podería pasar a ocupar o derradeiro lugar nos vindeiros anos.

Como curiosidade, en 2018 Mateo e Sofía foron os nomes escollidos con maior frecuencia para os nenos e nenas nacidos en Galicia. A pouca distancia aparecen Martín, Lucas, Hugo e Leo e tamén Noa, Daniela, Martina e Sara.

Mesmo así, o Goberno galego segue presumindo das súas políticas de fomento da natalidade. O pasado 28 de maio o deputado do PP Alberto Pazos salientou no Parlamento que a Xunta “leva investidos nesta lexislatura máis de 355 millóns de euros na loita contra o declive demográfico” e afirmou que “para o PPdeG e para o Goberno galego o problema demográfico de Galicia é algo máis que unha prioridade, é a prioridade”. Ante as críticas dos grupos da oposicón, Pazos enumerou o Bono Coidado, a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia, as Casas-Niño ou o anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia.

Os nacementos descenderon un 14,8% dende a entrada en vigor das medidas da Xunta de fomento da natalidade

Porén, a realidade é que as medidas postas en marcha pola Xunta nos últimos anos semellan non ter producido efecto ningún. A finais de 2015 e nos primeiros meses de 2016 o Goberno galego puxo en marcha  o cheque-bebé e a tarxeta-benvida). Dos 19.427 nacementos que se rexistraron no ano 2015 pasouse a 16.550 tres anos despois, un descenso do 14,8% dende a entrada en vigor desas accións.

As medidas da Xunta para reverter o proceso de envellecemento non semellan ter efectos © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.