A conciliación familiar élles complicada a case catro de cada dez persoas ocupadas en Galicia. Esa é unha das conclusións dos resultados da Enquisa Estrutural a Fogares do pasado ano 2016 que vén de facer públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE). Segundo se tira das cifras, ao 37,7% das persoas ocupadas no país resúltalles difícil ou moi difícil compaxinar a vida familiar e laboral, metres que ao 62,3% lles é doado ou moi doado.
Ao 37,7% das persoas ocupadas en Galicia resúltalles difícil ou moi difícil compaxinar a vida familiar e laboral
En concreto, ao 7,2% dos traballadores en Galicia resúltalles moi doado a conciliación, mentres que ao 55,10% élles doado; pola contra, o 29,38% recoñecen que lles é difícil compaxinar ambos aspectos da vida e ao 8,33% resúltalles moi difícil. Aínda que escasas, si hai algunha diferenza segundo o sexo: a porcentaxe de mulleres que aseguraron que lles resultaba doado ou moi doado compaxinar o traballo coa vida familiar sitúase por debaixo da dos homes: 61,33% fronte a 63,14%. Xa que logo, o 36,86% dos homes din que lles resulta difícil ou moi difícil fronte ao 38,68% das mulleres.
De afondar máis nos resultados da enquisa, o 29,3% das persoas ocupadas recoñece sentirse case sempre demasiado canso despois de traballar como para encargarse dalgunhas tarefas do fogar. Ademais, o 21,8% admite que o traballo sempre ou case sempre lles impide dedicar o tempo que quererían á familia.
Máis do 16% das mullleres ocupadas en Galicia recoñecen que a situación laboral condiciona a decisión de ser nai
No caso da maternidade, son algo máis do 16% das mulleres ocupadas en Galicia as que recoñecen que a súa situación laboral condiciona a súa decisión de ser ou non nai, ao tempo que o 12,7% asume que o traballo inflúe na idade á que terá fillos e o 14,5% que tamén determina o número de proxenitores que terá. En todos estes casos, a incidencia destas casuísticas nos homes é lixeiramente menor.
A enquisa do IGE aborda outras cuestións como as características dos empregos e as diferentes situacións laborais. Segundo os datos recollidos, en 2016 case o 40% das persoas ocupadas en Galicia (37,8%, case 300.000) prolongaron habitualmente a súa xornada laboral e máis da metade delas (58,5%), sen recibir compensación de ningún tipo por facelo. O 16,7%, pola súa banda, di ter recibido sempre unha compensación económica ou en tempo libre, mentres que o 24,8% di que só nalgunha ocasión.
Case o 40% dos traballadores prolongan habitualmente a súa xornada laboral e o 60% deles sen recibir compensación ningunha
O principal motivo polo que os asalariados e as asalariadas de Galicia prolongan a súa xornada habitual de traballo é porque teñen máis traballo do que poden facer no tempo asignado (o 54%). O 27,5% din que o fan porque é unha condición necesaria para poder manter o traballo.
Ademais, entre outros datos relevantes, a enquisa do IGE revela que o 68,3% das persoas ocupadas en Galicia traballa cinco días á semana, pero que máis dunha cuarta parte faino máis, ben sexa durante seis (o 20,1%) ou mesmo de luns a domingo (6,4%). Alén disto, o 48% traballa a xornada partida -tanto pola mañá como pola tarde-, mentres que o 27,5% faino en xornada continua de mañá.