O envellecemento da sociedade galega, o despoboamento de moitas zonas e a baixa natalidade son, seguramente, o problema máis importante dos que afectan a Galicia. Unha situación que, ademais, se está vendo agravada nos últimos anos pola crise económica, os altos niveis de desemprego e a nova emigración de decenas de milleiros de mozos e mozas, que marchan a outros territorios do Estado ou ao estranxeiro na procura de oportunidades. Malia a importancia deste tema, que ten implicacións fundamentais na xestión do territorio, no sostemento do Estado de Benestar ou na mesma supervivencia da lingua galega, o debate semella relegado na axenda pública, na que hai un consenso sobre a súa gravidade, pero sen que isto o sitúe como unha prioridade política e social. Faltan, ademais, medidas decididas, alén de retóricos chamamentos a "ter fillos" ou tímidas políticas de fomento da natalidade.
Hai uns meses publicouse o libro Galicia, un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, editado por Xerais e o Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego, un volume colectivo coordinado polo economista Manuel Blanco que buscaba afondar na cuestión dende distinto enfoques, unha obra produto de dous anos de traballo e seis foros de reflexión. Este mércores ás 19.30 horas o Museo do Pobo acolle un novo debate, titulado Solucións á crise demográfica de Galicia, no que participarán o propio Manuel Blanco, ademais de Xaquín Fernández Leiceaga (profesor de Economía Aplicada da USC), Carlos Ferrás Sexto (profesor de Xeografía Humana da USC) e Fernando Barros Fornos, (secretario da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago), unha caste de brainstorming para apuntar e peneiras posibles medidas concretas que poderían e deberían ser adoptadas de inmediato.
"Queremos que se cambie o enfoque. Ata agora houbo moita análise, pero non se debateu sobre a posta en marcha de medidas concretas, medidas paliativas para ir reducindo algúns dos efectos desta situación, pero tamén accións que vaian á base deste problema. Neste debate vanse propoñer unha serie de actuacións concretas que están a disposición das administracións e tamén do corpo social e das empresas", destaca Manuel Blanco. "Houbo tamén unha dose moi grande de laios, pero cómpre poñer solucións mensurables e avaliables enriba da mesa. A fase de laiarse, de choromicar, xa pasou. Cada ano que pasa o pobo galego é un pouco máis vello, pasamos de 45 mil nacementos por ano a 20 mil. E esta xente nova vai ter que soportar sobre os seus ombros cada vez un maior peso, unha maior carga para soster as axudas sociais de toda a poboación", engade.
"A fase de laiarse, de choromicar, xa pasou. Cada ano que pasa o pobo galego é un pouco máis vello, pasamos de 45 mil nacementos por ano a 20 mil. E esta xente nova vai ter que soportar sobre os seus ombros cada vez un maior peso"
Blanco sinala que é importante "sensibilizar a poboación", pero afirma que "levamos xa moitos anos traballando neste senso e non vemos reaccións na sociedade civil", polo que cómpre pasar ao tempo da toma de decisións. A base do problema é económica? "Dende logo, con cartos as penas lévanse mellor", di, pero lembra que "hai países europeos cunha boa situación económica e unha mala situación demográfica, como é o caso de Alemaña, que invisten moitísimos cartos en todo este tipo de políticas de fomento da natalidade, prazas de gardaría, axudas á conciliación e demais, e a xente non responde. E outros países que invisten menos nisto, como Irlanda, e que teñen mellores resultados". De igual xeito, subliña que "se levas 25 anos cunha taxa de fecundidade entre 0,9 e 1,1 fillos por parella, é que algo pasa, e non é só a crise económica, porque non levamos 25 anos de crise. E se Galicia é a terceira rexión de Europa con máis baixa natalidade, é que algo pasa, porque hai zonas bastante máis miserables e pobres que Galicia e non chegaron a este punto".
"Se levas 25 anos cunha taxa de fecundidade entre 0,9 e 1,1 fillos por parella, é que algo pasa, e non é só a crise económica, porque non levamos 25 anos de crise"
Manuel Blanco pide reflexión e un pacto de país sobre estas cuestións: "Hai que acadar un máximo consenso social e un máximo consenso político. Con isto non podes facer coma cos plans educativos, estar cambiándoos cada catro anos. En Francia, en Irlanda, en Islandia e en moitos outros sitios isto é unha política de Estado. As forzas políticas e sociais pactaron estas medidas como unha prioridade nacional e mantéñenas aínda que haxa dificultades económicas nalgún momento. Ten que haber un pacto de país e chegar a un consenso que dure dúas, tres ou máis lexislaturas".
"En Francia, en Irlanda, en Islandia e en moitos outros sitios isto é unha política de Estado. As forzas políticas e sociais pactaron estas medidas como unha prioridade nacional"
Recomenda tamén observar a situación doutros países da nosa contorna e as solucións que alí se adoptaron, pero -iso si- tendo sempre presente que cada lugar ten as súas propias circunstancias: "Isto de mercar receitas doutros países é válido se eses países teñen as túas mesmas condicións, contexto e características, comenzando polo orzamento dispoñible. Pódense copiar fórmulas ata certo punto, se cadra temos que inventar nós as nosas propias, baseadas na nosa situación concreta. Haberá que ver se estas fórmulas poden funcionar ou non en Galicia e, ademais, se podemos sostelas", di.
Menos de vinte mil nacementos por ano
A taxa de natalidade en Galicia situouse en 2013 no 7,17 por mil, con menos de vinte mil nacementos fronte a máis de trinta mil defuncións
A taxa de natalidade en Galicia situouse en 2013 no 7,17 por mil, con menos de vinte mil nacementos fronte a máis de trinta mil defuncións. A taxa é, ademais, dous puntos máis baixa que a media do Estado Español. En trinta anos o número de nacementos caeu á metade e, a pesar de que entre 1995 e 2008 experimentou un lixeiro crecemento (motivado entre outros motivos pola chegada á idade adulta da xeración dos baby-boomers), de novo iniciou un descenso nos últimos cinco anos.
Ademais, a media de fillos estimados por muller (un dato coñecido como indicador conxuntural de fecundidade) sitúase en Galicia no 1,04 (datos de 2013), por debaixo da media española (1,27) e moi lonxe da media da UE (1,58, segundo datos de Eurostat de 2012), con cifras que oscilan moito pero que superan notablemente as rexistradas en Galicia: Alemaña: 1,38. Francia: 2,01. Italia: 1,43. Portugal: 1,28. Suecia: 1,91. Reino Unido: 1,92. A redución do número de persoas inmigrantes (maioritariamente novas) chegadas a Galicia e a España nos últimos anos, froito da crise económica, tamén fixo diminuír notablemente o número de nacementos.
Os partos cada vez se producen en idades máis avanzadas, sendo xa os 35 anos a idade na que se producen máis nacementos. De feito, hoxe en día hai en Galicia unha taxa de fecundidade superior nas mulleres de 40 anos ca nas mulleres de 25. Outra característica da natalidade en Galicia é que a proporción de familias que só ten un fillo é moi superior á doutros países europeos.
Os partos cada vez se producen en idades máis avanzadas, sendo xa os 35 anos a idade na que se producen máis nacementos
Para explicar esta situación hai que ter en conta moitos factores, comezando porque en Alemaña a baixa laboral por maternidade co 100% do salario é de 14 semanas, pero a ela hai que sumar unha baixa dun ano de duración co 67% do salario para a nai e outra da mesma duración e condicións para o pai. Ou que, por exemplo, España é un dos países con menor flexibilidade nos horarios laborais. Lugares como Suecia ou Noruega teñen taxas de natalidade moi superiores á galega a pesar de seren países nos que a incorporación da muller ao mundo laboral é practicamente unánime e nos que a porcentaxe de mulleres en cargos directivos está entre as máis altas do mundo.