“Imos reverter a emerxencia lingüística”: milleiros de persoas reclaman en Compostela o galego como lingua vital

A manifestación de Queremos Galego percorreu as rúas de Santiago baixo o lema “O galego, lingua vital”. Letras 2026. CC-BY-SA Eva F. Prieto

Baixo o lema “O galego, lingua vital”,  milleiros de persoas convocadas por Queremos Galego percorreron as rúas de Santiago este 17 de maio, para defender a lingua galega e loitar contra a emerxencia lingüística 

Baixo o lema “O galego, lingua vital”, milleiros de persoas convocadas por Queremos Galego percorreron as rúas de Santiago este 17 de maio, Día das Letras Galegas,  para defender a lingua galega e loitar contra a emerxencia lingüística.Señor Rueda: está a tempo de rectificar e deixar de ser o único presidente do mundo que renega do idioma do seu país”, indicou Marcos Maceira, voceiro da plataforma. "Mais insistimos: non imos esperar por vostede. Imos reverter a emerxencia lingüística con forza, unidade e o traballo conxunto dunha sociedade que quere o seu idioma porque é vital para a súa existencia e o seu desenvolvemento", engadiu.

Detalle da manifestación en defensa da lingua galega, este domingo. CC-BY-SA Cedida

Pasaban as 12 da mañá cando a mobilización partía da Alameda de Santiago para percorrer as rúas do centro e acabar na Praza da Quintana, totalmente ateigada. A marcha contou co apoio entidades tan diversas como os sindicatos CIG, UGT, CCOO ou STEG, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Anpas Galegas, Confapa, Fapa Ourense, Fundación Galiza Sempre, Vía Galega, Galiza Nova, Avante LGBT+ , BNG ou a Federación de Ateneos de Galicia. 

Na Quintana interviñeron a presidenta da asociación na defensa do galego de Asturas, Axuntar, Natalia Jardón; a presidenta da Asociación de Actrices e Actores de Galicia, AAAG, Eva Fórneas; a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas; e o voceiro da plataforma en defensa da lingua, Marcos Maceira, quen recordou que "esta forza colectiva é a dun pobo orgulloso e digno que non se rende na defensa da súa lingua", como fixo tamén Begoña Caamaño, homenaxeada pola Real Academia Galega este 17 de maio, "escribindo, falando e saíndo á rúa sempre que fixo falta con todas e todos nós, para virar o rumbo que teñen marcado para a nosa lingua".

Desde a plataforma explican que a emerxencia lingüística é o resultado das restricións ao galego no ensino, nos servizos públicos, na banca, no comercio, na cultura ou nos medios de comunicación. “Esa é a súa bandeira, a que figura no DOG e no Diario de sesións do Parlamento coa insistencia en prohibir o noso idioma no ensino por decreto, as infames modificacións legais para eliminalo dos servizos públicos ou da TVG", dixo Marcos Maceira este domingo, ao tempo que referiu  a eliminación da área de promoción da lingua nada máis chegar ao goberno de Lugo.

Queremos Galego reclama feitos, “medidas e accións concretas e só responden con anuncios que non chegan para tapar a vergoña”, indican. “Por iso temos que ser nós quen poña en marcha a única alternativa posíbel, viábel e realista que partiu dun proceso amplo e participativo: o protocolo lingua vital”, detalla Maceira.

O voceiro da plataforma defende que chegan a este 17 de maio “cos deberes feitos” e puxo o foco no “programa común” elaborado entre centrais sindicais, asociacións veciñais, culturais, de ensinantes, deportivas ou de profesionais. 

Representantes políticos ou sindicais, na manifestación de Queremos Galego. CC-BY-NC BNG

Queremos Galego reclama feitos, “medidas e accións concretas e só responden con anuncios que non chegan para tapar a vergoña”, indican. “Por iso temos que ser nós quen poña en marcha a única alternativa posíbel, viábel e realista que partiu dun proceso amplo e participativo: o protocolo lingua vital”, detalla Maceira 

“Asumimos o compromiso de levar a termo as case 300 accións do Protocolo lingua vital co obxectivo de que ninguén se vexa nunca máis na obriga de renunciar ao uso do galego e de que moitas e moitos máis falantes dean continuidade ao idioma que nos dá vida como pobo. Farémolo cun calendario, con mecanismos de actuación e de avaliación e sobre todo coa implicación de todas e de todos”, defendeu o tempo que explicou que lingua vital representa as garantías para o “exercicio irrenunciábel dos dereitos lingüísticos sempre e en todo lugar”, subliñou Maceira.

Tras recibir 1.300 achegas, produto do contacto con 57 entidades e un cento de voces expertas, a plataforma vén de lanzar á sociedade o seu plan "para reverter a emerxencia lingüística", a "alternativa" fronte ao "desleixo" do Goberno galego.

A líder do BNG afeou que o traballo do PP contra o galego “queren enmascaralo” baixo ese “letreiro do plurilingüísmo”, que cualificou de “timo”, porque non hai “nin máis galego, nin máis inglés”, o único que avanza é “o monolingüísmo en castelán”, lamentou

Pola súa banda Ana Pontón, portavoz nacional do BNG celebrou, no día das Letras, o orgullo que senten os galegos e galegas pola “lingua que nos fai estar no mundo cunha voz que nos conecta coa lusofonía”,  á vez que reivindicou un cambio de rumbo ante un momento crítico no que o  Partido Popular está empeñado en converter o galego nunha lingua de segunda. 

“Non chegamos aquí por casualidade, chegamos aquí despois de 17 anos de acoso e derruba do PP contra a lingua que máis no s une que é o galego”, considerou na súa declaración aos medios antes de participar na manifestación convocada en Santiago por Queremos Galego baixo o lema “O galego, lingua vital”, defendeu

Detalle da manifestación en defensa do idioma neste 17 de maio. CC-BY-SA Eva F. Prieto

A líder do BNG afeou que o traballo do PP contra o galego “queren enmascaralo” baixo ese “letreiro do plurilingüísmo”, que cualificou de “timo”, porque non hai “nin máis galego, nin máis inglés”, o único que avanza é “o monolingüísmo en castelán”, lamentou. A proba máis recente desta deriva lingüicida do PP situouna na primeira decisión do novo goberno en Lugo trala “vergoñenta” moción de censura ao “cargarse as políticas de apoio á lingua galega dicindo que son unha carga”.

“O galego non é unha carga, é a lingua dos nosos pais, avós avoas, que nos une a todas as persoas que vivimos no noso País e que queremos seguir vivindo en galego e dándolle mil primaveras máis á nosa lingua”, contrapuxo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.