Queremos Galego presenta o Plan Lingua Vital: "Asumimos a responsabilidade fronte ao desleixo"

Asistentes ao acto de Queremos Galego para presentar o protocolo 'Lingua Vital' CC-BY-NC-SA Eva Fernández Prieto / Queremos Galego

O chamamento a "cambiar de rumbo" a prol do galego, lanzado por Queremos Galego en 2024 tras a publicación dos datos do IGE que sinalaron que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia, amplificado nas mobilizacións de febreiro e maio do ano pasado, condénsase en propostas concretas. Tras recibir 1.300 achegas, produto do contacto con 57 entidades e un cento de voces expertas, a plataforma lanza á sociedade o seu plan "para reverter a emerxencia lingüística", a "alternativa" fronte ao "desleixo" do Goberno galego.

A plataforma lanza o documento de propostas para "reverter a emerxencia lingüística" para "actualizar" e "complementar" o Plan Xeral de Normalización de hai dúas décadas

A presentación, na compostelá Praza da Quintana, combinou ingredientes de manifestación, asemblea e acto festivo marcado pola chuvia. "Coidamos que é hora de que, como sociedade, asumamos a responsabilidade da que desertaron as institucións. Fixémolo a través do Proceso social Lingua Vital coa participación de todas as entidades, colectivos e organizacións de Galiza que queren mudar o rumbo do galego", explica un documento que, sinala parte do estipulado no apenas "respectado" Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado por unanimidade en 2004, amplamente incumprido e que a Xunta encomendou revisar e actualizar.

Presentación do protocolo 'Lingua Vital', este 14 de marzo en Santiago CC-BY-NC-SA Eva Fernández Prieto / Queremos Galego

Celia Armas, Mónica Fernández Valencia e Xosé Henrique Costas, no nome das persoas que coordinaron este "proceso amplo, participativo e plural", foron os encargados de presentar o documento. Canda eles, David Minoves, presidente do Centre Internacional Escarré per a las minorías étnicas i nacionals (CIEMEN), no seu caso representando a entidade promotora da Declaración universal dos dereitos lingüísticos, "un dos documentos nos que está baseado o protocolo", explica a plataforma.

A iniciativa aborda oito eidos, dende a xeneralidade dos dereitos lingüísticos á súa concreción en ámbitos coma o ensino, economía, tecnoloxía ou cultura

"Lonxe de promover unha visión afábel, moderna e útil da lingua galega, o propio goberno Galego axitou vellos prexuízos e minou a estima de parte da sociedade cara á lingua levado por intereses mesquiños e electoralistas", considera Queremos Galego" para encadrar unha proposta que procura "actualizar" e "complementar" o PXNLG en oito eidos. Dende a xeneralidade dos dereitos lingüísticos á súa concreción nos servizos públicos, o ensino, o ámbito socioeconómico; medios de comunicación e tecnoloxía, cultura e proxección exterior.

"A Administración debe transcender o seu papel de garante de dereitos e converterse nun referente de uso e prestixio, transitando dunha política de mera recomendación cara a un marco de garantía e obrigatoriedade", indican para reclamar a implicación dende a Xunta ata o Estado pasando polos concellos. En todas as súas actuacións e moi especialmente no ensino, onde a reivindicación clave pasa por derrogar o decreto do ano 2010 como primeiro paso para "garantir que ao final da etapa educativa obrigatoria o alumnado alcance a plena competencia oral e escrita en galego".

Documento íntegro do Protocolo 'Lingua Vital Xa

No referido ás relacións sociais e económicas, o documento final do Proceso Lingua Vital advirte de que "as leis que recoñecen dereitos lingüísticos existen", pero "a súa aplicación é limitada e moitas veces, ignorada", o cal "afecta profundamente á percepción social do galego e á autoestima" da poboación galegofalante. Trátase, advirten, de que a normalización lingüística non dependa só de "esforzos individuais e de iniciativas puntuais" en contextos tan diversos como a sanidade ou os servizos sociais, a integración das persoas migrantes, o deporte ou o lecer.

"Este é o verdadeiro pacto pola lingua, hai sitio para todas as persoas, colectivos e institucións que queiran garantir o futuro do idioma"

Marcos Maceira, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, ve no acto deste sábado a demostración de como entidades sociais "asumiron a responsabilidade" de trazar a "alternativa" á "política lingüística de desleixo, miseria e apartheid xestionada por desertores e irresponsábeis" dende a Xunta. Este, conclúe, é "o verdadeiro pacto pola lingua" e nel "hai sitio para todas as persoas, colectivos e institucións que queiran garantir o futuro de Galiza e do seu idioma".

Pontón: "Rouban aos nenos e nenas o dereito e a liberdade de falar galego"

A presentación do Protocolo Lingua Vital contou co apoio de organizacións sindicais como a CIG e CCOO e, pola banda política, recibiu soporte dunha delegación do BNG encabezada pola súa portavoz nacional. En opinión de Ana Pontón esta proposta de "acordo social a favor da lingua" implica que Queremos Galego fixese "o traballo que a Xunta non fai: unir a sociedade para presentar propostas que garantan futuro para a nosa lingua".

Asistentes á presentación do protocolo 'Lingua Vital', na praza da Quintana de Santiago, este sábado CC-BY-NC-SA BNG

Sostén Pontón que "o que quere a maioría" da cidadanía é "que a nosa lingua teña futuro" e para que iso suceda cómpre "cumprir" o PXNLG de 2004 e derrogar a normativa que o contravén, como o decreto das linguas no ensino e así impedir que a Xunta siga "roubando aos nenos e nenas o dereito e a liberdade de falar en galego". "Queremos que a lingua das nosas avoas e nais sexa a das nosas fillas e netas", resume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.