Varios milleiros de persoas reclaman un cambio de rumbo para o galego

A praza da Quintana ateigada de xente na concentración en defensa do galego deste domingo CC-BY-SA Praza Pública

A convocatoria unitaria de Queremos Galego! pide á Xunta volver ao consenso arredor da lingua de hai dúas décadas roto por intereses electorais do PP

O venres 11 de outubro quedará marcado como a data na que a Xunta, a través do Instituto Galego de Estatística (IGE), acreditou oficialmente que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia. Un punto de inflexión que no último mes levou o Goberno galego a abrir un período de consultas para acadar un "pacto polo galego" que revitalice a lingua propia. Pacto que xa existía ata hai dúas décadas, arredor da Lei de Normalización Lingüística de 1983 e do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, como veñen recordando á Xunta de xeito maioritario desde a oposición política ata a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou movementos sociais, situando en 2007 o momento da ruptura por intereses electorais do PP.

Neste contexto este domingo Queremos Galego! convocou un acto unitario na praza da Quintana de Santiago ao que asistiron varios milleiros de persoas para reclamar que o Goberno galego "mude o rumbo" coa lingua. Unha convocatoria que contou co apoio expreso de BNG e PSdeG, coa presenza en primeira liña dos seus líderes, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, así como de sindicatos, entidades sociais ou editoriais.

A convocatoria realizouse arredor de tres "puntos mínimos": "vixencia dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua aprobado por unanimidade en 2004", elaboración por parte de todas as administracións dun "calendario de acción 2024-2027" para aplicar e actualizar as medidas do plan "cos recursos necesarios", e avaliar os resultados das medidas unha vez aplicadas. Uns puntos mínimos que van acompañados de "medidas urxentes" a desenvolver en eidos como o ensino -coa derrogación do decreto do uso da lingua aprobado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo en 2010-, a cultura, as actividades comerciais ou a administración pública. 

O acto deste domingo, conducido polo profesor, activista, escritor e músico Xurxo Souto, que fixo berrar varias veces a toda a praza "medre o galego!", comezou coa lectura da declaración unitaria por parte de Tareixa Navaza, e concluíu cunha actuación das Tanxugueiras, "exemplo na música de como a lingua galega e o pobo galego poden vencer todas as dificuldades se hai vontade", salientou a organización.

Nas súas intervencións ante a prensa previas ao acto, Pontón e Besteiro coincidiron en considerar que a situación da lingua é reversible se a Xunta muda as súas políticas. 

"Rueda ten que escoitar o clamor", di Pontón, e Besteiro pide "aliarnos todos para mudar esta situación"

Pontón salientou que o galego "é a lingua que recibimos das novas avoas e nais" e "queremos que sexa a lingua das nosas fillas". Porén, "está nunha situación crítica tras 15 anos de políticas galegófobas". Aínda así, a situación "é reversible se cambia a política da Xunta", dixo, para proclamar que "Rueda ten que escoitar o clamor" e permitir "mil primaveras máis para o galego".

Pola súa banda, Besteiro lamentou que "en 15 anos Feijóo e Rueda conseguiron levar o galego a lingua minoritaria". O socialista pediu "aliarnos todos para mudar esta situación" cunha "gran alianza social".

Tras o acto deste domingo na praza da Quintana, a Mesa pola Normalización Lingüística avanza, segundo anunciou o seu presidente, Marcos Maceira, que xa se está a preparar outro para o 23 de febreiro, Día de Rosalía, na praza do Obradoiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.