Falamos con Henrique Monteagudo, Fernando Ramallo e Mónica Fernández Valencia (presidenta da CTNL) sobre os datos de coñecemento e uso do galego publicados polo IGE que amosan que por primeira vez o castelán é a lingua con máis falantes
Os datos de coñecemento e uso do galego publicados polo Instituto Galego de Estatística o pasado 11 de outubro deixaron un impactante titular: o castelán é por primeira vez o idioma predominante en Galicia. Ou, o que é o mesmo, o galego é unha lingua minoritaria, que cada día é falada por menos persoas que o castelán. O estudo puxo cifras a un devalo evidente da sociedade e á unha realidade que hai tempo xa se producía entre as xeracións máis novas e tamén nas áreas urbanas.
Os datos xerais non sorprenderon en exceso ás persoas que veñen analizando a realidade sociolingüística do país, pois dan continuidade a unhas tendencias iniciadas hai décadas. Pero neles si que chamaron a atención algúns fenómenos como a significativa porcentaxe de mozos e mozas que recoñecen non ser que de falar en galego ou a proporción, próxima ao 50%, de persoas menores de 30 anos que aseguran que en ningún momento empregan o galego. É dicir, que a lingua desapareceu por completo das súas vidas.
Nos días seguintes á publicación dos datos o Goberno galego reaccionou poñendo o foco no incremento da poboación inmigrantes como explicación para o descenso de falantes entre a mocidade, un factor cun determinado peso relativo pero que só explica unha pequena parte do devalo. Ademais, comezou un debate público sobre que se pode facer para reverter a actual tendencia negativa. A Xunta propuxo un novo "pacto pola lingua" e BNG e PSdeG reclamaron cambios normativos en favor do galego.
Os tres entrevistados coinciden na valoración negativa dos datos ("malos sen paliativos") e din que non foron unha sorpresa: "se fas unha análise da evolución sociolingüística en Galicia nos últimos trinta anos e as políticas públicas postas sobre a mesa o devalo do galego era xa unha evidencia e esta situación era previsible"
Trasladámoslle a algunhas voces expertas esa mesma pregunta: que se pode facer para frear o devalo do galego, poñendo o foco especialmente nas xeracións máis novas. Falamos co sociolingüísta Henrique Monteagudo, profesor da USC e, ademais, secretario da Real Academia Galega, que publicou este artigo poucas horas despois de coñecer os resultados da enquisa. Conversamos tamén con Fernando Ramallo, catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, que formou parte do Comité de expertos da Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa. E, así mesmo, entrevistamos a Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización do Concello de Ourense e presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
Como non podía ser doutro xeito, os tres coinciden en valorar como moi negativos os datos coñecidos hai tres semanas ("malos sen paliativos", di Monteagudo) e, ademais, como "esperables". "Na análise que fixemos dende a Academia sobre os datos do 2013 xa diciamos que, vista a tendencia que viña dende atrás, no 2023 o galego ía ser lingua minoritaria, como así aconteceu, lamentablemente", sinala Monteagudo. E, de igual xeito, Fernández indica que "non foron unha sorpresa senón a constatación dunha tendencia que se viña observando nos últimos anos". E, o mesmo opina Ramallo, que apunta que "se fas unha análise da evolución sociolingüística en Galicia nos últimos trinta anos e as políticas públicas postas sobre a mesa o devalo do galego era xa unha evidencia e esta situación era previsible".
O efecto desgaleguizador do sistema educativo
"Os estudos xa nos dicían que o fallo non estaba tanto na transmisión interxeracional, senón o que acontece nas instancias educativas, da educación infantil en adiante, que están remando contra o galego", di Monteagudo
O elemento que máis preocupa "é a situación da lingua na infancia e na mocidade porque aí está o futuro da lingua", afirma Fernández. Uns datos sobre os que Monteagudo comenta que se axustan ás sucesivas investigacións que a RAG vén facendo nos últimos anos no Concello de Ames, un concello que pola súa composición demográfica pode representar o conxunto do país. "Os estudos xa nos dicían que o fallo non estaba tanto na transmisión interxeracional, senón o que acontece nas instancias educativas, da educación infantil en adiante, que están remando contra o galego", di.
"En Ames vimos como a metade das familias son galegofalantes, pero ao chegar nenos e nenas ao ensino Infantil pérdese un 10% de falantes, na Primaria outro tanto, despois a Secundaria e ao acabar a ESO o 70% xa son monolingües en castelán", explica Monteagudo, que engade que destaca que "entendemos as contornas educativas como espazos e axentes de socialización tanto ou mais que como lugares de transmisión formal de contidos educativos", destacando a relevancia non só da lingua empregada nas aulas, senón tamén nos espazos non formais -recreos, actividades extraescolares, deportes...-. "Aí está gran parte do problema e é un problema difícil de abordar", engade.
Mónica Fernández pon o foco en que o sistema educativo está a fallar: "unha vez máis ponse en evidencia que o ensino non garante o coñecemento da lingua ao final do ensino obrigatorio, é urxente derrogar o decreto do plurilingüismo porque a maiores exclúe o galego do ámbito científico".
"Ponse en evidencia que o ensino non garante o coñecemento da lingua ao final do ensino obrigatorio; é urxente derrogar o decreto do plurilingüismo", di Mónica Fernández
E o mesmo fai Fernando Ramallo, que pide cambios normativos e de estratexia: "fai falla un cambio na educación serio, rigoroso e urxente e o que se necesita é un decreto que non se centre, como o decreto de plurilingüísmo, na adquisición de competencias", senon que o que cómpre "alén dunha planificación de status, de corpus e de adquisición da lingua" é "unha planificación ideolóxica, unha planificación de concienciación social", comenta. "A lingua ten que falarse pola súa utilidade, polo seu valor de uso en todas as circunstancias e no día a día. Hai que reivindicar o valor de uso da lingua e traballar realmente esa concienciación", engade.
O catedrático da Universidade de Vigo reclama "volver á inmersión lingüística, cando menos durante os primeiros anos, para que despois o alumnado fale a lingua que considere", traballando coa inmersión "como criterio fundamental e de base". E pide que esta estratexia de inmersión deixe de ser o tabú en que se converteu xa non dende a chegada de Feijóo á Presidencia da Xunta en 2009, senón mesmo antes.
Fernando Ramallo reclama "un cambio na educación serio, rigoroso e urxente" e un decreto "que non se centre na adquisición de competencias" senón que incida na "concienciación social" para convencer do "valor de uso" da lingua
"Cómpre unha concienciación social sobre que significa vivir en Galicia, vivindo en galego ou cando menos compartindo o espazo co galego", di, engadindo que "non pode ser que se entenda o galego cunha lingua exclusivamente relacionada coa parte emocional, senón que hai que ir á parte racional, que é onde están as principais eivas". E explica que "non só hai que cambiar o decreto, senón que hai que cambiar a forma en que se está ensinando a materia de lingua galega, pois a parte de sociolingüística debería ser o eixo central, traballando gramática, fonética e o que queiras pero dende esta perspectiva".
O impacto da inmigración, unha excusa que "non se sostén"
"Cando saíron os datos de 2013, a culpa era das familias, da transmisión lingüística. Agora resulta que a culpa é dos inmigrantes. Hai que deixarse desta postura escapista e de asignar culpas a outros", di Monteagudo sobre a reacción da Xunta aos datos
Nos datos publicados polo IGE "hai elementos novos", recoñece Monteagudo, "como o efecto do maior peso demográfico da inmigración, en parte porque ata agora non se lle emprestara atención ao fenómeno". "Hai unha inmigración foi forte dende comezos do século, aínda que é certo que nos últimos anos se intensificou e como o efecto é acumulativo, as cifras son máis rechamantes", explica.
Pero Monteagudo rexeita que este factor sexa determinante e, sobre todo, que poida exculpar ao Goberno galego da súa responsabilidade: "cando saíron os datos de 2013, a culpa era das familias, da transmisión lingüística. Agora resulta que a culpa é dos inmigrantes. Hai que deixarse desta postura escapista e de asignar culpas a outros", di. "Como escusa, non vale moito", engade, e salienta que "agora temos xa moitísimos fillos e fillas das persoas que chegaron a Galicia nas dúas primeiras décadas do século". "Que está facendo o sistema educativo? Estamos conseguindo que teñan competencias en galego?", pregúntase.
Lembra neste senso o forte incremento da porcentaxe de mozos e mozas que non é que decidan non falar en galego, senón que afirman non ter o coñecemento suficiente para facelo. "Que non me digan a min que nisto o sistema educativo non ten nada que ver. Aquí temos unha lei que di que ao final dos ciclos educativos obrigatorios ten que haber unha competencia equiparable nas dúas linguas. Polo tanto, está habendo un incumprimento manifesto da lei", subliña Monteagudo.
Monteagudo lembra que temos xa moitísimos fillos e fillas das persoas que chegaron a Galicia nas dúas primeiras décadas do século e pregúntase: "Que está facendo o sistema educativo? Estamos conseguindo que teñan competencias en galego?"
E tamén Fernando Ramallo é claro ao afirmar que "culpar a poboación inmigrante da situación actual do galego non se sostén". Lembra que "os datos din que 80% dos monolingües en castelán naceron en Galicia" polo que "atribuírlles esta responsabilidade é unha forma estratéxica e calculada de despegarse da propia realidade". "Os rapaces e rapazas inmigrantes tamén están no sistema educativo e polo tanto tamén teñen que estudar o galego", polo tanto "a responsabilidade non se pode centrar aí, descoidando a responsabilidade do sistema educativo e os cambios que ten que haber nel".
O mesmo pensa Mónica Fernández que cualifica como "preocupante" que desde o Goberno "retorzan os datos para non aceptar unha visión negativa que provoque un cambio de rumbo nas políticas lingüísticas". Dende a Xunta "non se está a facer unha diagnose acertada da realidade", di, engadindo que "se non se acepta esta deriva e se analizan ben as causas é moi difícil achegar solucións".
"Se as persoas que chegan a Galicia perciben que aquí temos unha lingua propia que o seu coñecemento vai facilitar a súa integración, que lles vai permitir acceder a postos de traballo..., van ser as primeiras que queiran aprendela", destaca a responsable da CTN
"Se as persoas que chegan a Galicia perciben que aquí temos unha lingua propia que o seu coñecemento vai facilitar a súa integración, que lles vai permitir acceder a postos de traballo..., van ser as primeiras que queiran aprendela", destaca a responsable da CTNL, pero "mal imos mentres o acollemento siga sendo a exención da materia de galego no sistema educativo e a ausencia de plans de acollemento lingüístico para a poboación acabada de chegar". Aínda que, en cambio, cita como exemplos positivos os plans de acollemento lingüístico postos en marcha en Carballo ou Ames.
Monteagudo lembra que a inmigración non é "un fenómeno novo" e destaca: "na primeira década deste século, antes da crise, chegaron xa moitísimos inmigrantes a Galicia. Que mensaxe se lle deu a esta poboación que chegaba? Que o galego non servía para nada, que aquí hai liberdade de lingua, etc...". "As mensaxes que lle chegaban a esta poboación era que non tiña nin por que aprender galego. E agora resulta que se estrañan dos datos e que a culpa é dos inmigrante. Se hai 10, 15 ou 20 anos se foran tomando medidas para promover o uso do galego entre esta poboación, agora a situación sería completamente distinta", di.
Menos transmisión interxeracional nun contexto de presión ambiental castelanizadora
"A transmisión interxeracional está de capa caída porque para que exista ten que haber pais e nais que se expresen en galego, esa xeración xa era cada vez menos galegofalante", sinala Ramallo
Os datos do IGE refliten que cada vez menos nenos e nenas teñen o galego como lingua inicial (só o 11% das crianzas que hoxe teñen entre 5 e 14 anos aprendeu a falar en galego, máis outro 33% que o fixo nas dúas linguas. De igual xeito, son cada vez menos os pais e nais que lles falan en galego aos seus pequenos e pequenas; o 47% xa só se dirixe a eles e elas en castelán e só un 24% emprega o galego de forma maioritaria.
"A transmisión interxeracional está de capa caída porque para que exista ten que haber pais e nais que se expresen en galego, esa xeración xa era cada vez menos galegofalante", explica Ramallo, que engade que "despois hai outros elementos externos á familia que fan que se interrompa esa transmisión da lingua nos rapaces e rapazas que teñen o galego como lingua inicial". "A realidade é que a sociedade está altamente castelanizada e iso inflúe nas prácticas lingüísticas que a mocidade ten cos seus pares", di.
Monteagudo destaca o peso da "presión ambiental, da presión á hora de incorporarte a redes de socialización nas que o castelán é a lingua dominante, especialmente nos ámbitos urbanos e periurbanos"
"É todo unha cuestión de presión ambiental, da presión á hora de incorporarte a redes de socialización nas que o castelán é a lingua dominante, especialmente nos ámbitos urbanos e periurbanos", concorda Monteaguso, que fai fincapé neste senso na importancia "da construción da imaxe social de cada lingua". Destaca, ademais, que os datos amosan que unha porcentaxe significativa dos nenos e nenas aos que seus pais e nais lles falan galego, non teñen o galego como lingua inicial, debido ao impacto que comeza a ter un ensino infantil (no que moitas crianzas entran antes de facer un ano e comezar a falar) cada vez máis castelanizado.
Mónica Fernández fai fincapé en que mentres ás familias se lles pide "un esforzo de coidado do galego", este esforzo despois non é acompañado nin correspondido con iniciativas e ofertas culturais, mediáticas ou de actividades
Tamén Mónica Fernández fai fincapé en que mentres ás familias se lles pide "un esforzo de coidado do galego", este esforzo despois non é acompañado nin correspondido con iniciativas e ofertas culturais, mediáticas ou de actividades. A oferta de contidos audiovisuais, de videoxogos, de actividades extraescolares e deportivas ou de propostas comerciais de todo tipo é abafadoramente superior en castelán.
Neste senso, a presidenta da CTNL quere "poñer en valor o traballo colaborativo que se está a facer desde os Servizos de Normalización Lingüística dos concellos", por exemplo a través do programa Apego dirixido a familias con crianzas de 0 a 6 anos, que incide na importancia da transmisión interxeracional, na dotación de recursos para a crianza en galego e na creación de espazos de socialización.
Que facer? Medidas urxentes nun momento "delicado"
Fernando Ramallo cre que máis que un gran pacto ou plan para o galego, o que cómpre "é poñer sobre a mesa medidas urxentes e ben planificadas e ben dotadas economicamente"
Os moi negativos datos dados a coñecer polo IGE forzaron ao Goberno galego a propoñer un "pacto pola lingua", a través dun amplo "acordo social" que actualizase o actual Plan de Normalización (que vén de facer vinte anos e que vén sendo incumprido en gran medida) para o que se daría 15 meses de prazo. Fronte a esa proposta, Fernando Ramallo cre que máis que un gran pacto ou plan para o galego, o que cómpre "é poñer sobre a mesa medidas urxentes e ben planificadas e ben dotadas economicamente". E engade que "se cadra non é necesario que haxa 450 medidas como recolle o plan actual e a vinte anos vista, senón un número máis reducido de accións pero que se poñan en marcha xa: dez, quince, vinte medidas, con orzamentos inmediatos e un horizonte temporal realista e avaliable".
Para Ramallo, "non podemos agora dedicar dous anos a facer un novo plan. O mundo vai moito máis rápido e se non estamos á altura diso, despois teremos que lamentarnos". Por isto reclama estas accións "urxentes", especialmente no ensino para que "cando saian dentro de cinco anos os novos datos do IGE, se poida reflectir xa o efecto destas medidas".
Para Mónica Fernández Valencia, é importante "apoderar a poboación galego falante" e non deixar que a responsabilidade de manter o uso da lingua "caia exclusivamente sobre ela"
En opinión de Mónica Fernández, "a situación da lingua galega non é boa pero non é irreversible". "Cómpre vontade política, un pacto real polo galego, que parta dunha diagnose real, da aceptación da problemática, a fixación duns obxectivos claros que se reflictan en medidas concretas acompañadas de persoal cualificado e de orzamento suficiente".
A presidenta da CTNL pide comezar por "retomar" o actual Plan Xeral de Normalización, aínda vixente, coas actualizacións que cómpra facerlle. E, a nivel político, "traballar para non identificar as accións normalizadoras coa imposición da lingua" pois "o discurso de asociar promoción ou defensa de dereitos coa imposición lingüística callou na sociedade, foi e é alimentado polo propio Goberno".
Para Mónica Fernández Valencia, é importante "apoderar a poboación galego falante" e non deixar que a responsabilidade de manter o uso da lingua "caia exclusivamente sobre ela". "A propia administración debería velar polos dereitos das persoas galego falantes na xustiza ou na sanidade", pon como exemplo. Neste senso, ademais, pide fomentar o traballo colaborativo entre administracións "cunha Rede de Dinamización Lingüística real e útil, que deixase de funcionar exclusivamente como fornecedora de actividades culturais".
Para Monteagudo, "fai falla establecer prioridades" e di que "unha das cuestións clave é a protección da mocidade galegofalante, porque se non a mantemos, daquela si que o edificio se nos vai pola base"
Para Henrique Monteagudo "non hai solucións máxicas". Di que "hai cousas máis fáciles de resolver, cando menos no papel, coma o modelo lingüístico educativo, de xeito que pode buscarse un novo modelo que protexa os galegofalantes", pero advirte de que "despois hai outras cuestións moito máis difíciles". Por este motivo cre que "fai falla establecer prioridades".
"Penso que unha das cuestións clave é a protección da mocidade galegofalante, porque se non a mantemos, daquela si que o edificio se nos vai pola base. É necesario un modelo educativo e un apoio para os nenos e nenas galegofalantes dos ámbito urbanos e periurbanos e para os nenos e nenas dos ámbitos rurais", di. Aposta tamén por facer o esforzo de "manter o galego nas relacións sociais da mocidade", unha tarefa na que "unha das claves é implicar a moitos axentes, por exemplo os concellos, porque deles dependen clubs deportivos, asociacións culturais, actividades paraeducativas...".
"No 2050 podemos estar nunha situación crítica se non se toman medidas xa", alerta Ramallo, que di que "corremos o risco de que dentro dunhas décadas o galegosexa unha lingua residual, circunstancial ou moi activista"
Monteagudo reclama "medidas concretas que ademais de estar nun papel necesitan un respaldo operativo e orzamentario" (o orzamento para lingua está un 60% por debaixo do de 2009) e conclúe que "necesitamos enviar unha mensaxe de esperanza á sociedade" porque "as mensaxes de desesperación e de impotencia xa proliferan". E cre que esa "esperanza" pasa porque as forzas políticas "comecen un diálogo en serio sobre o tema" que dea paso tamén a "un proceso de participación social". "A primeira clave", conclúe, é "a vontade política para facelo".
Estamos xa nun punto sen retorno? Para Fernando Ramallo, "aínda non, pero non estamos lonxe, estamos nun momento delicado", sobre todo "se non se poñen enriba da mesa medidas de acción inmediata". "Vai desaparecer o galego? Pois non, porque hai aínda moitos falantes, pero corremos o risco de que dentro dunhas décadas sexa unha lingua residual, circunstancial ou moi activista". E advirte: "no 2050 podemos estar nunha situación crítica se non se toman medidas xa".