Rueda teima en que o uso do galego cae pola inmigración e di que a inmersión empeora o rendemento escolar

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao Goberno galego deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

"Levan 15 anos de bulling ao galego, e tristemente está tendo resultados", di Pontón, que lamenta que o PP rompeu os acordos hai década e media "única e exclusivamente por intereses partidistas"

Tras coñecerse hai dúas semanas os resultados da última gran enquisa sobre o uso do galego, que constata que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia, o Parlamento acolleu este mércores o primeiro cara a cara entre o presidente Rueda e a líder da oposición, Ana Pontón. Foi nunha sesión de control ao Goberno galego na que a portavoz do BNG preguntou polos efectos da súa política lingüística. E a resposta que obtivo de Rueda foi ratificarse nela, asegurando que seguirá aplicándoa "cunha premisa, a liberdade".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, intervindo na sesión de control deste mércores; ao seu carón, a vicevoceira Olalla Rodil CC-BY-NC-SA BNG

O debate iniciouno Pontón pedindo imaxinar "o primeiro ministro de Inglaterra votando en contra do inglés, ou o presidente Macron tras unha pancarta contra o francés". "Xa o fixo o señor Rueda", engadiu a continuación, lembrando a participación do presidente, cando estaba na oposición, nunha manifestación en contra da normalización do galego.

"Levan 15 anos de bulling ao galego, e tristemente está tendo resultados", lamentou Pontón, quen advertiu de que "o galego se desangra como consecuencia das súas políticas" pero para o PP "os culpables son outros".

"No BNG somos optimistas porque o galego sempre saíu adiante", dixo tamén Póntón, quen asegurou que "o amor ao galego prevalecerá pese a vostede señor Rueda".

Na súa resposta Rueda evitou valorar o uso minguante da lingua e centrouse en salientar que "nunca antes houbera índices de coñecemento tan altos". Tamén advertiu contra modelos educativos que aposten pola inmersión lingüística, dos que hai algúns exemplos exitosos en Galicia, remitíndose a estudos que vinculan con ela a caída "do rendemento escolar en Catalunya". E insistiu no argumento principal da Xunta de que a caída do galego débese a que "a Galicia viñeron 115.000 persoas non galego falantes", en referencia a unha inmigración cuxas cifras non se corresponden co que di o Goberno galego. "Non é a única causa, pero é a causa principal", teimou o presidente.

Pontón pide ao PP que volva ao consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado con Fraga en 2004 e do que os populares renegaron despois

Na súa segunda intervención Pontón dixo que a postura do PP só ten dúas explicacións: "por amargor contra o galego ou por un mísero puñado de votos que é o que vostedes buscaban", dixo. E quedou con esa segunda opción. "Por que romperon o acordo?", preguntouse, en referencia aos consensos existentes ata hai case dúas décadas. "Única e exclusivamente por intereses partidistas", respondeuse a nacionalista. E concluíu lembrando que "neste país xa hai un gran pacto sobre o galego, o Plan Xeral de Normalización Lingüística, documento aprobado por unanimidade en 2004, durante o Goberno de Manuel Fraga, do que despois renegou o PP.

Besteiro cualifica os Orzamentos da Xuta como "grises, pouco ambiciosos, na forma de ser que teñen vostedes"

Na sesión de control deste mércores tamén se falou dos Orzamentos da Xunta para 2025 que veñen de presentarse. Fíxose a iniciativa do PSdeG, cuxo líder, José Ramón Gómez Besteiro, cualificounos como "grises, pouco ambiciosos, na forma de ser que teñen vostedes". O socialista lamentou que as contas públicas contemplen unha suba das peaxes das dúas autoestradas galegas, que primen o pagamento da débeda da Xunta ou que insistan en rebaixas fiscais ás rendas máis altas. 

Besteiro no Pleno deste mércores CC-BY-SA PSdeG

Pola contra, o presidente Rueda replicou asegurando que os seus Orzamentos son "realistas" e que "a xente confía nos que nos comportamos así". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.