Máis da metade das persoas coordinadoras dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) nos centros de ensino cren que o chamado decreto do plurilingüismo —cuxa aplicación en colexios e institutos comezou hai quince anos— contribuíu "pouco ou nada" á normalización do galego. Máis aínda, a práctica totalidade delas (o 95%) asegura que o alumnado fala igual ou menos galego que antes.
Máis da metade dos equipos de dinamización consideran que o decreto do plurilingüismo contribuíu "pouco ou nada" á normalización do galego
Estes datos tíranse do informe do Consello da Cultura Galega (CCG), a primeira análise detallada do labor dos EDLG nos centros de ensino, que sinala tamén que arredor do 40% destes equipos admite que se imparten máis aulas en castelán das que marca o Decreto 79/2010.
Esta normativa, impulsada por Núñez Feijóo nada máis chegar á Xunta, substituíu o anterior decreto, que garantía un "mínimo" do 50% da docencia na lingua propia, rachando así co estipulado polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade en 2004 no Parlamento, e pola Lei de Normalización Lingüística. Reduciu a presenza do galego e vetouno en materias científicas.
Agora, década e media despois, os EDLG fan balance da súa contribución, así como da evolución do uso do galego no alumnado. Nun estudo que parte dos datos obtidos a partir dun cuestionario contestado por unha elevada mostra representativa de 420 colexios e institutos de toda Galicia, a través dos coordinadores dos equipos de dinamización.
Poucas voces mellores para avaliar a situación da lingua na ensinanza, tendo en conta que, como detalla o propio informe, o perfil do coordinador ou coordinadora responde ao dun docente do centro, maioritariamente de Lingua e Literatura Galega, que se implica no EDLG polo seu "compromiso coa lingua" e que leva unha media de case seis anos á fronte. Ademais, son estes equipos de dinamización os encargados de elaborar o proxecto lingüístico do centro, así como plans de normalizacións e proxectos para o fomento do idioma.
O seu ditame é tan revelador como cru. "Os datos amosan unha visión crítica", advírtese no documento, que lembra que un 56% dos e das coordinadoras dos EDLG consultados consideran que o decreto do plurilingüismo "contribuíu pouco ou nada" ao proceso de normalización da lingua. Unha cuarta parte, ademais, si cre que contribuíu "algo", mentres que só un 14,3% advirte de que a polémica normativa axudou "moito ou bastante" en normalizar o emprego da lingua propia.
No rural, a metade dos centros cre que o decreto contribuíu pouco ou nada á normalización; nas áreas urbanas, o 60%
A valoración máis positiva do decreto, lembra o informe, dáse en centros do medio rural, un 19,1%, que consideran que contribuíu moito/bastante á normalización lingüística, fronte ao medio semiurbano (9,6%) e urbano (14,4%). Con todo, a opinión maioritaria, tamén no rural, é que o decreto contribuíu pouco ou nada. Case a metade dos centros (48,9%) así o expresan. Nos centros das cidades e de áreas semiurbanas, pola súa banda, a visión é aínda máis negativa, xa que case o 60% considera que pouco ou nada achegou o decreto aos seus supostos propósitos.
En canto ao tipo de centro, a "visión máis crítica" dáse nos de ESO, Bacharelato e FP, onde un 72,8% dos EDLG considera que o decreto contribuíu pouco ou nada, e só un 7,5% valórao positivamente. Pola contra, os centros de Infantil e Primaria amosan unha valoración algo máis favorable: un 18,3% opina que contribuíu moito ou bastante, e só un 46% o considera pouco ou nada, mentres ue os mixtos presentan unha postura intermedia pero máis próxima a Infantil e Primaria que aos centros de Secundaria.
O 60% dos EDLG cre que a rapazada fala menos galego que antes; o 35% considera que o seu mantense estable
Respecto da percepción dos coordinadores e coordinadoras sobre a evolución do uso do galego por parte do alumnado nos últimos anos, a resposta é contundente: case todos —o 95% dos consultados— consideran que se fala menos galego ou o mesmo que hai uns anos.
En concreto, o 59,3% cre que a rapazada fala menos galego que antes, mentres que só o 5,5% considera que o fala máis. O 35,2% restante considera que o seu uso mantense estable. As diferenzas por contorna amosan un contraste claro: nos centros rurais, un 48,1% considera que o uso do galego se mantén estable e un 47,3% cre
que diminuíu, polo que "esta é a única categoría onde o mantemento do uso supera a percepción de retroceso".
Pola contra, nos centros semiurbanos (69,9%) e urbanos (60,1%), a maioría percibe un descenso claro no emprego da lingua de Galicia.
Por último, tamén destaca entre as respostas das persoas coordinadoras dos EDLG respecto da percepción sobre a evolución dos prexuízos cara ao galego nos últimos anos. Máis da metade (o 53,3%) cre que se manteñen sen cambios, pero case un 30% (28,8%) sinala que aumentaron, mentres que só un 17,9% opina que diminuíron.
A inmensa maioría do profesorado consultado (o 80%) considera que os prexuízos cara ao galego continúan ou mesmo aumentaron nos últimos anos
Xa que logo, máis do 80% das persoas encargadas dos equipos de dinamización do galego nos centros de ensino consideran que os prexuízos cara á lingua propia aumentaron ou se manteñen nos últimos anos.
A situación coincide co panorama que debuxaran análises detalladas do Consello da Cultura ou da Real Academia Galega. Logo de que, por primeira vez na historia da autonomía, o PP primeiro e a Xunta despois, enviaran a mensaxe de que a normalización do galego fora demasiado lonxe, o discurso da suposta "imposición" e do "conflito lingüístico sen precedentes" acabou callando.