Algo de galego na casa, moito menos ao chegar á escola: así se perde a lingua na mocidade

Indicadores sobre o uso do galego por parte da rapazada nos fogares e na contorna escolar sobre a imaxe dun patio de colexio © Montaxe: Praza.gal

O galego fálase cada vez menos na casa, aínda que en moitas comarcas mantén unha potencia significativa. Pero as cifras de uso do galego por parte da infancia descenden aínda máis cando nenos e nenas entran na escola

Este venres 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Materna, en recoñecemento do Día do Movemento pola Lingua, que se conmemora en Bangladesh desde 1952, cando varios estudantes morreron a mans da policía paquistaní durante as protestas en defensa do idioma bengalí. A lingua materna (tamén chamada lingua de instalación, lingua natural ou lingua nativa) é o primeiro idioma que aprende unha persoa. 

Ata hai unhas décadas, a lingua de berce, o idioma en que a inmensa maioría de nenos e nenas do país aprendían a falar era o galego. Aínda no ano 2003 as estatísticas do IGE amosaban que o 32,4% das crianzas que nese momento tiñan de 5 a 14 anos aprendera a falar en galego, o 45,9% en castelán e o 20,5% nas dúas linguas. Vinte anos despois, no 2023, tan só o 10,7% dos nenos e nenas comeza a falar en galego, fronte a un 51,9% que o fai en castelán e un 32,6% nos dous idiomas.

A lingua falada por pais e nais cos seus fillos e fillas seguiu unha evolución semellante. En 2003 o 45% faláballes só en galego ou máis en galego que en castelán. E vinte anos despois a porcentaxe reduciuse a algo máis do 25%, amosando o devalo da transmisión interxeracional. O galego fálase menos na casa, pero aínda mantén -sobre todo en determinadas comarcas e, en xeral, na Galicia rural- unha potencia significativa. Porén, as cifras de uso do galego por parte da infancia e da mocidade descenden aínda máis cando nenos e nenas entran na escola. 

Apenas o 17,7% da rapazada de 5 a 14 anos di falar máis en galego cos seus compañeiros e compañeiras, cando hai vinte anos esta porcentaxe se achegaba ao 40%. Nas cidades a porcentaxe non chega ao 5%

O IGE amosa que a lingua habitual na contorna educativa, alén do idioma en que se impartan as clases ou que empregue o profesorado é o castelán, de maneira cada vez máis hexemónica. Na estatística correspondente ao 2023, apenas o 17,7% da rapazada de 5 a 14 anos di falar en galego cos seus compañeiros e compañeiras, cando hai vinte anos esta porcentaxe se achegaba ao 40%.

As cifras, obtidas a través da análise do conxunto de microdatos achegados polo IGE, amosan que a perda de falantes entre a casa e a escola se produce en todos os tipos de concellos -dende as cidades ata os concellos de menos de 10.000 habitantes, moitos situados no rural-, pero tamén revela diferenzas moi importantes entre uns e outros. É dicir, realidades lingüísticas moi distintas entre a Galicia urbana, a vilega e a rural, con lugares nos que o galego é aínda unha lingua de uso frecuente, mesmo nos patios dos centros de ensino, e outros nos que é xa un idioma máis que minoritario, residual. O que xera unha presión ambiental que reduce as opcións de que un neno ou nena que fala galego na casa o siga a falar cando está cos seus amigos e amigas.

Nos concellos de menos de 10.000 habitantes máis do 50% dos pais e nais falan cos seus fillos e fillas maioritariamente en galego. Nas cidades a porcentaxe de familias nas que o galego é maioritario non chega ao 13%

Vemos, neste senso, que mentres que nos concellos de menos de 10.000 habitantes máis do 50% dos pais e nais falan cos seus fillos e fillas maioritariamente en galego (e só o 34,5% en castelán), nas cidades a porcentaxe de familias nas que o galego é maioritario non chega ao 13% (fronte ao case 79% do castelán). As diferenzas reprodúcense na escola, cun 39,5% de rapaces e rapazas de 5 a 14 anos que falan en galego coas súas amizades nos concellos máis pequenos, fronte a unha porcentaxe que non chega ao 5% nas cidades. 

As comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, Costa da Morte, Arzúa e Melide, o Sur de Lugo, a montaña Lucense e o Sur de Ourense aparecen como as zonas nas que mellor se mantén o uso do galego no ámbito do fogar

O mapa anterior amosa as diferenzas a nivel comarcal en canto á lingua empregada nos fogares para falar coas crianzas de 5 a 14 anos. Cómpre ter en conta, iso si, que esta explotación dos microdatos do IGE realizada por Praza.gal perde fiabilidade nalgúns dos cruces, especialmente nas comarcas menos poboadas e que polo tanto incorporaron menos entrevistas no traballo realizado polo instituto público. A enquisa, de algo máis de 21.500 enquisas, incluíu algo máis de dúas mil a nenos e nenas de menos de 15 anos, con máis de 200 nas comarcas máis poboadas (é dicir, as urbanas) pero menos de 50 nas de menor dimensión.

As comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, Bergantiños e Costa da Morte, Arzúa e Melide, o Sur de Lugo (Chantada, Terra de Lemos...), a montaña Lucense (A Fonsagrada, Os Ancares...) e o Sur de Ourense (A Limia, Verín, Celanova...) aparecen como as zonas nas que mellor se mantén o uso do galego no ámbito do fogar á hora de falar con nenos e nenas. O mapa é resultado de restar as respostas que din empregar 'só galego' ou 'máis galego' e aquelas que afirman falan 'só en castelán' ou máis en castelán'.

Sen sorpresas, as comarcas nas que menos pais e nais empregan o galego cos seus fillos e fillas son as urbanas, encabezadas pola Coruña, Ferrolterra, Vigo, Pontevedra e Ourense pero con datos semellantes para O Morrazo e O Baixo Miño. Dentro das cidades tan só Santiago e Lugo amosan unha realidade diferente, aínda que hai que ter en conta que nos seus datos se inclúen os doutras comarcas do seu extrarradio rural.

Tan só na Costa da Morte, a Montaña lucense, o sur de Ourense, Barbanza e Noia, Lugo e Terra Cha, A Mariña, Deza e Tabeirós-Terra de Montes, Arzúa, Ordes e Melide o galego semella resistir como lingua de comunicación habitual para a rapazada

O gráfico seguinte, que amosa os datos comarcais de uso do galego na contorna escolar (á hora de falar cos compañeiros e compañeiras de clase) dos nenos e nenas de 5 a 14 anos revela tamén grandes diferenzas, pero sobre todo reflite en moitos lugares unha realidade lingüística na que o galego está practicamente desaparecido. Nas comarcas da Coruña-Betanzos, de Ferrol-Eume-Ortegal, Vigo, O Morrazo ou Pontevedra menos do 5% emprega maioritariamente o galego, e en Ourense pasa por pouco dese 5%. Mesmo en comarcas como Caldas e O Salnés, Chantada e Terra de Lemos, O Baixo Miño ou Ourense central as porcentaxes móvense entre o 7% e o 17%.

Tan só nas comarcas da Costa da Morte, a Montaña lucense, o sur de Ourense, Barbanza e Noia, Lugo e Terra Cha, A Mariña, Deza e Tabeirós-Terra de Montes, Arzúa, Ordes e Melide o galego semella resistir como lingua de comunicación habitual para a rapazada, con porcentaxes de uso maioritario entre o 35% e o 59%.

Dende hai anos diversos estudos veñen alertando do efecto desgaleguizador que está a provocar o sistema educativo, que cada vez se estaría a producir antes, iniciándose xa na Educación Infantil e amplificándose en Primaria e Secundaria. A Academia destacou noutro estudo o importante papel das actividades extraescolares e deportivas na "desgaleguización" do alumnado.

Dende hai anos diversos estudos veñen alertando do efecto desgaleguizador que está a provocar o sistema educativo, que cada vez se estaría a producir antes, iniciándose xa na Educación Infantil e amplificándose en Primaria e Secundaria.

A lectura que diversas persoas expertas realizaron dos datos publicados polo IGE nos últimos meses do pasado ano incidiron en poñer o foco no papel que o ensino ten no devalo do uso do galego por parte da mocidade. "Os estudos xa nos dicían que o fallo non estaba tanto na transmisión interxeracional, senón o que acontece nas instancias educativas, da educación infantil en adiante, que están remando contra o galego", destacaba Henrique Monteagudo nesta reportaxe na que apostaba por "un novo modelo educativo que protexa os galegofalantes".

De igual xeito, Fernando Ramallo reclamaba "un cambio na educación serio, rigoroso e urxente" e un decreto "que non se centre na adquisición de competencias" senón que incida na "concienciación social" para convencer do "valor de uso" da lingua.

Henrique Monteagudo apostaba en conversa con Praza por "un novo modelo educativo que protexa os galegofalantes". De igual xeito, Fernando Ramallo reclamaba "un cambio na educación serio, rigoroso e urxente"

Na mesma liña pronunciouse a Real Academia Galega nun informe que alertaba de que o galego está preto do "limiar do colapso" con menos de 35.000 falantes entre 5 e 14 anos. A Academia sinalou, ademais, que "non ten sentido continuar cunha programación curricular idéntica, cos mesmos obxectivos e as mesmas metodoloxías, para estudantes que teñen un contacto regular co galego na súa vida diaria e aqueles que non teñen ocasión de oílo nin de practicalo", incidindo nas diferenzas existentes entre uns e outros rapaces e unhas e outras zonas.

Os datos do IGE alertaban, ademais de que un terzo dos e das menores de 15 anos non sabe falar correctamente en galego, un indicador que acendeu as alarmas e puxo no foco directamente a xestión da Consellaría de Educación. A Lei de normalización lingüística e o propio decreto do plurilingüismo vixente establecen que o alumnado que remata o ensino obirgatorio deben empregar con corrección a lingua galega, en igualdade co castelán. No debate político aberto, o Goberno galego mesmo recorreu a encargar unha nova enquisa a unha empresa privada para matizar os datos do IGE e, ademais, inicialmente buscou explicar o devalo do uso do galego na mocidade na maior chegada de poboación inmigrante.

Nas cidades o 39,2% da rapazada entre 5 e 14 anos non sabe falar galego correctamente

Unha pescuda nos datos completos do IGE amosa que, efectivamente, os nenos e nenas que naceron no estranxeiro teñen un escaso dominio do galego (o 68% recoñe non saber falalo pouco ou nada). Porén, o 25% dos nenos e nenas nacidas en Galicia tamén presentan este coñecemento limitado da lingua. Un informe comparativo feito público polo Consello da Cultura destaca que a mocidade galega en idade escolar fala peor a lingua propia que cataláns e vascos.

Outra realidade que achegan os microdatos do IGE é que nas cidades o 39,2% da rapazada entrr 5 e 14 anos non sabe falar galego correctamente, unha porcentaxe que nas vilas entre 10.000 e 50.000 habitantes se move entre o 25% e o 28% e que nos concellos de menos de 10.000 habitantes é do 19%. Por comarcas, A Coruña, Ferrolterra, Vigo, O Morrazo e Valdeorras son os lugares cun peor coñecemento do galego entre as crianzas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.