A RAG alerta de que o galego está preto do "limiar do colapso" con menos de 35.000 falantes entre 5 e 14 anos

Actividade de Apego.gal © Apego

O informe da RAG alerta de que "o declive cada vez máis pronunciado do galego estase achegando perigosamente ao limiar do colapso", pero abre unha porta á esperanza e sinala que grazas ao "sólido compromiso de sectores significativos da cidadanía galega" a actual tendencia negativa é "reversible"

Menos de 35.000 nenos e nenas entre os 5 e 14 anos falan galego habitualmente. Os datos de coñecemento e uso do galego publicados polo IGE o pasado 11 de outubro debuxaron un escenario moi preocupante para o futuro da lingua galega. A enquisa amosou que por primeira vez o castelán é o idioma máis falado en Galicia e puxo o foco, sobre todo, no devalo da lingua entre a infancia e a mocidade, especialmente nas áreas urbanas, unha tendencia que vén de vello, pero que se acentúa.

O pasado venres a Real Academia Galega fixo pública unha declaración institucional sobre a situación lingüística do país e un informe que analiza os últimos datos do IGE e a evolución sociolingüística de Galicia dende o ano 1992. O documento, asinado por Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Gabino S. Vázquez-Grandío debulla os indicadores dispoñibles sobre a situación do galego en distintos ámbitos para chegar a unha conclusión alarmante: "o declive cada vez máis pronunciado do galego estase achegando perigosamente ao limiar do colapso". 

Porén, iso si, abre unha porta á esperanza e sinala que grazas á "notable vitalidade do idioma" e ao "sólido compromiso de sectores significativos da cidadanía galega" a actual tendencia negativa é "reversible". O documento reclama para iso a posta en marcha con "urxencia" de políticas "eficaces", especialmente a través dun "cambio no modelo educativo".

En dúas décadas o número de nenos e nenas entre 5 e 14 anos que falan galego acotío pasou de 87.000 a menos de 35.000

A análise da Academia fai fincapé, sobre todo, na situación da lingua entre a infancia e a mocidade, un grupo de idade -entre os 5 e os 14 anos- que en dúas décadas pasou de contar con 87.000 falantes habituais (en 2003 58.500 nenos e nenas falaban só galego e outras 28.500 máis galego que castelán) a sumar menos de 35.000 (15.000 falan só galego e 19.600 máis galego que castelán). Neste tempo a poboación desa idade residente en Galicia mantívose con pequenas oscilacións (216.080 en 2003, 218.286 vinte anos despois). Sobre esas cifras, o galego presenta case 54.000 falantes habituais menos, e o castelán 51.500 falantes máis.

O documento alerta de que tamén se está a reducir a competencia de nenos e nenas para falar e escribir en galego. É dicir, xa non é que non o falen, senón unha porcentaxe ampla e crecente (un 32%) afirma que non o sabe falar. De igual xeito, o 38% recoñece que non o sabe escribir correctamente. A Academia sinala que "aínda que esta evolución negativa se poida achacar en parte á incorporación ao sistema educativo de fillos/as de poboación chegada de fóra de Galicia", os datos "testemuñan a incapacidade do sistema educativo para fornecer os estudantes máis novos de competencias axeitadas en lingua galega".

Para a RAG o modelo educativo actual incumpre o mandato da Lei de Normalización e mesmo do decreto do plurilingüismo actualmente vixente ao non fornecer os estudantes máis novos de competencias axeitadas en lingua galega

A vista dos datos, a RAG conclúe que "é claro que o modelo educativo actual non está cumprindo o mandato da Lei de normalización lingüística", que no seu artigo 14.3 establece que "as autoridades educativas da Comunidade Autónoma garantizarán que ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán". De igual xeito, advirte de que "nin sequera cumpre os obxectivos do decreto do plurilingüismo actualmente vixente", que no seu artigo 4º dispón que "os principios a partir dos cales se elabora este decreto son os seguintes: 1. Garantía da adquisición dunha competencia en igualdade nas dúas linguas oficiais de Galicia".

A Academia lembra a este respecto o estudo Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO, realizado por Loredo e Silva en 2020, que xa concluían hai catro anos que "só o alumnado habitualmente galegofalante acada a paridade de competencias, do mesmo xeito que é o único realmente bilingüe".

O documento subliña que "a desgaleguización da rapazada non se debe tanto á ruptura da transmisión interxeracional canto á presión desgaleguizadora do ensino"

O documento subliña que "a desgaleguización da rapazada non se debe tanto á ruptura da transmisión interxeracional canto á presión desgaleguizadora do ensino". E explica que "boa parte do retroceso do galego está a producirse durante o proceso de adquisición da lingua e non se debe unicamente á ruptura da cadea da transmisión interxeracional". "Nenos e nenas que polas súas condicións familiares serían galegofalantes noutro contexto, nos núcleos urbanos e periurbanos son empurrados durante a súa etapa escolar cara ao monolingüismo en castelán", advirte.

O texto lembra outros traballos precedentes que xa poñían de manifesto "as dificultades que atopan as familias que tentan transmitirlles activamente o galego aos seus descendentes", pois "a pesar do seu empeño, estas nais e pais expresan a frustración de ver como os seus esforzos esmorecen na etapa de escolarización, fronte a presión do contexto e a falta de apoio institucional". "Chega un momento en que os nenos e nenas galegofalantes non queren sentirse raros ou, nos casos extremos, están fartos de ser obxecto de segregación solapada e mesmo de burlas", destaca o texto, que conclúe que "a castelanización destes rapaces non ten nada que ver coa liberdade de lingua, e si coa presión ambiental para o abandono do galego".

Cada vez son menos os nenos e nenas que teñen o galego como lingua inicial (un 11%). A RAG destaca, ademais que os bilingües iniciais (outro 32%) "tenden cada vez máis cara ao castelán nas súas prácticas lingüísticas"

Cada vez son menos os nenos e nenas que teñen o galego como lingua inicial, o que é un indicador da transmisión interxeracional. Segundo o IGE na actualidade é tan só o 11% da rapazada entre 5 e 14 anos (fronte ao 32% de hai vinte anos). En total suman unhas 23 mil persoas, unha cifra moi baixa que simplemente multiplica por dous o número de nenos e nenas que tiveron como lingua inicial idiomas distintos do galego e do castelán.

Hai, ademais, outro 32% que ten galego e castelán por igual como lingua inicial. Con todo, lembra a RAG "os bilingües iniciais tenden cada vez máis cara ao castelán nas súas prácticas lingüísticas". O estudo compara os datos do IGE correspondentes ao 2023, cos de 2003 e tamén cos do Mapa Sociolingüístico de Galicia de 1992. Na gráfica anterior pode observarse como na actualidade, entre as persoas que aprenderon a falar nas dúas linguas or igual, son máis os que acaban falando máis castelán que galego.

Cambio de modelo educativo

"Non ten sentido continuar cunha programación curricular idéntica, cos mesmos obxectivos e as mesmas metodoloxías, para estudantes que teñen un contacto regular co galego na súa vida diaria e aqueles que non teñen ocasión de oílo nin de practicalo", di a RAG

O informe da Academia fai fincapé na necesidade dun cambio de modelo educativo que é "imprescindible" para "reverter a situación", pero que non é "suficiente", senón que "debe ir acompañado dun conxunto máis amplo de medidas, non só no ámbito do ensino regulado".

En calquera caso, neste ámbito pon o foco na "necesidade de revisar as orientacións curriculares", pois "resulta frustrante comprobar os pobres resultados da introdución do ensino do galego e en galego no que se refire á incorporación desta lingua ás prácticas lingüísticas da mocidade".

O texto sinala que "non ten sentido continuar cunha programación curricular idéntica, cos mesmos obxectivos e as mesmas metodoloxías, para os aprendices galegofalantes e castelanfalantes, isto é, para estudantes que teñen un contacto regular co galego na súa vida diaria e aqueles que non teñen ocasión de oílo nin de practicalo". E engade que se ten "criticado unha práctica didáctica rixidamente centrada no ensino gramatical do galego, maiormente na escrita (incluso, dun xeito restritivo, na ortografía e na normativa)"

Unha lingua rural e envellecida

Nos municipios de máis de 50.000 habitantes a substitución lingüística está moi avanzada e o predominio do castelán é esmagador (77%), mentres que o galego se mantén aínda relativamente forte nos de menos de 10.000 habitantes (75%)

Finalmente, o informe da Academia destaca que nos municipios de máis de 50.000 habitantes a substitución lingüística está moi avanzada e o predominio do castelán é esmagador (77%), mentres que o galego se mantén aínda relativamente forte nos de menos de 10.000 habitantes (75%). Ademais, engade que só nos municipios de 10.000 a 50.000 habitantes se dá unha situación propiamente bilingüe, con certo predominio do galego nos municipios de 10.000 a 20.000 e certo predominio do castelán nos de 20.000 a 50.000 habitantes.

Se en lugar de observar porcentaxes miramos o número real de falantes en cada tipo de concello, vemos como nos últimos vinte anos a gran masa de galegofalantes dos concellos menos poboados (maioritariamente rurais) foi esmorecendo ao tempo que estas zonas perdían poboación e avellentaban. Dende o 2003 o número de galegofalantes monolingües nas localidades de menos de 10.000 habitantes caeu en case 300 mil persoas. En paralelo, o castelán gaña falantes nas cidades e nas grandes vilas.

O informe chama a atención sobre os baixas cifras de galegofalantes habituais entre a rapazada da provincia ourensá, con datos moi semellantes aos da Coruña (17%) e moi afastados dos de Lugo (33%)

As áreas con máis mantemento do galego que establece o IGE están na súa maioría conformadas por municipios coas porcentaxes de poboación de 65 anos en diante máis elevadas de Galicia, superiores ao 30%. Constitúen excepcións relativas ou parciais Santiago e a súa contorna (cun grao medio de mantemento do galego), a área do Barbanza (mantemento medio-alto), a cidade de Lugo e a súa contorna e a Mariña luguesa (mantemento medio-alto).

Lugo e Ourense presentan as porcentaxes máis altas de galegofalantes no conxunto da poboación (66% e 67%), con moita diferenza en relación á Coruña (44%) e Pontevedra (37%). Porén, o informe chama a atención sobre os baixas cifras de galegofalantes habituais entre a rapazada da provincia ourensá, con datos moi semellantes aos da Coruña (17%) e moi afastados dos de Lugo (33%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.