A foto fixa sobre a situación da lingua agocha no seu interior importantes diferenzas en función non só da idade das persoas entrevistadas, senón tamén do lugar no que vivan
Os datos de uso e coñecemento do galego publicados este venres polo IGE deixan indicadores moi preocupantes para a lingua propia de Galicia, tanto a nivel xeral coma no referido ás novas xeracións. Con todo, esta foto fixa agocha no seu interior importantes diferenzas en función non só da idade das persoas entrevistadas, senón tamén do lugar no que vivan.
A situación lingüística dunhas e doutras comarcas é moi diferente, á vista dos datos, con zonas urbanas moi castelanizadas dende hai tempo e áreas máis rurais nas que o galego continúa a ser de forma clara a lingua predominante.
Máis aló da evolución das cifras nuns e noutros lugares, a conclusión preocupante para o futuro do idioma é que o idioma presenta os seus indicadores máis negativos e a peor evolución precisamente nas zonas que gañan poboación e que contan cunha menor media de idade, mentres que mantén a súa fortaleza nas áreas que máis se están a despoboar e que contan cunha poboación máis envellecida. As estatísticas debuxan unha Galicia partida en dous, con comarcas que roldan o 90% de falantes de galego e outras que roldan o 20%.
Na maior parte do territorio son máis as persoas que só falan galego o que falan máis galego que castelán. É o que sucede na Costa da Morte (85% de galegofalantes), no interior da Coruña (83%), na montaña lucense (82%), no sur de Ourense (81%) ou en Deza e Tabeirós-Terra de Montes (80%).
No conxunto do país, o galego é a lingua maioritaria para o 46% da poboación. Porén, se observamos o mapa vemos que na maior parte do territorio son máis as persoas que só falan galego o que falan máis galego que castelán. É o que sucede, de forma clara, na Costa da Morte (85% de galegofalantes), no interior da Coruña (na área da Coruña suroriental, un 83%), na montaña lucense (Lugo oriental, 82%), no sur de Ourense (81%) ou en Deza e Tabeirós-Terra de Montes (Pontevedra nororiental, 80%).
Nestas áreas (o IGE ofrece esta información segmentada en vinte grandes áreas que agrupan varias comarcas nos máis dos casos) resulta chocante dicir que o galego deixou de ser a lingua maioritaria do conxunto do país.
Na comarca de Pontevedra só o 33% ten o galego como primeira lingua e a porcentaxe cae por debaixo do trinta por cento en Ferrolterra (28%), nas comarcas da Coruña e Betanzos (25%) e na de Vigo (20%)
As porcentaxes de galegofalantes son tamén claramente maioritarias en A Barbanza-Noia (75%), A Mariña (69%), Lugo sur (69%), O Carballiño-Ribeiro (67%), Lugo central (62%), Ourense central (58%), Caldas-O Salnés (58%) e mesmo Santiago (54%).
En cambio, o castelán xa é maioritario no sur de Pontevedra (só o 48% da poboación fala 'só galego' ou 'máis galego ca castelán'), na comarca de Ourense (43%) e O Morrazo (40%). Na comarca de Pontevedra só o 33% ten o galego como primeira lingua e a porcentaxe cae por debaixo do trinta por cento en Ferrolterra (28%), nas comarcas da Coruña e Betanzos (25%) e na de Vigo (20%), a área máis castelanizada.
A evolución é negativa en todas as áreas, agás na comarca de Ourense e no sur de Lugo. En termos relativos, a caída máis importante corresponde ás dúas meirandes áreas urbanas do país: A Coruña (-25%) e Vigo (-21%)
A evolución é negativa en todas as áreas, con dúas excepcións: a comarca de Ourense (a porcentaxe de galegofalantes pasa do 40% ao 43%) e Lugo sur, que abrangue as comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos, onde pasa do 67% ao 69%.
No Morrazo, Santiago e Pontevedra nororiental (Deza e Tabeirós-Terra de Montes) o galego retrocede moi lixeiramente. No resto de zonas o peso da poboación galegofalante cae de forma significativa, con máis de 10 puntos porcentuais de perda na Barbanza, A Coruña suroriental, Ourense central e Pontevedra sur.
En termos relativos, a caída máis importante corresponde ás dúas meirandes áreas urbanas do país: A Coruña (-25%) e Vigo (-21%). En Pontevedra sur (Paradanta, O Condado e O Baixo Miño) a caída relativa é do 19%. E igualmente en Ferrol-Eume-Ortegal, Barbanza-Noia e Pontevedra o descenso supera o 15%. Tamén nunha comarca non urbana como Ourense central a diminución relativa é moi importante, un 15% menos.
O uso do galego aumenta en Ourense, mantense en Santiago e Pontevedra e descende en Lugo, A Coruña, Ferrol e Vigo
En canto aos datos específicos das sete cidades galegas, os datos ofrecen algunhas sorpresas, pois os indicadores non son nalgúns casos tan negativos como cabería esperar. De feito, a porcentaxe de persoas que habitualmente fala 'galego sempre' ou 'máis galego que castelán' medra de forma clara en Ourense e de xeito máis cativo en Compostela e Pontevedra.
Hai descensos significativos, iso si, en Lugo (do 45% ao 39%), na Coruña (do 20 ao 15,5%), en Ferrol (do 18% ao 14%) e en Vigo (do 15% ao 13,5%).
Os datos semellan incrementar a fenda existente entre as áreas urbanas, nas que o uso do galego descende moi rapidamente, e as rurais
Os datos semellan incrementar a fenda existente, en primeiro lugar, entre as urbes máis castelanizadas -Vigo, Ferrol e A Coruña- e as máis galegofalantes -Santiago, Ourense e Lugo, malia a caída dos datos na cidade da muralla-.
E, en sentido máis amplo, entre as áreas urbanas, nas que o uso do galego descende moi rapidamente, e as rurais, que nalgúns casos (noutros non tanto) presentan un descenso máis lento das súas porcentaxes de persoas galegofalantes.
Vigo e A Coruña
En Vigo e A Coruña hai case un 30% de persoas que din non saber falar en galego. A porcentaxe de galegofalantes rolda o 15% nas dúas urbes
Nas áreas urbanas funcionais (AUF) de Vigo e A Coruña viven preto dun millón de persoas, ao redor do 37% da poboación galega. Son o principal motor económico do país e están entre as zonas con maior crecemento. Son, ademais -canda a Ferrolterra- as áreas menos galegofalantes. O que suceda co galego nesas dúas cidades será fundamental para o futuro do idioma. Que nos din as cifras publicadas este venres polo IGE sobre a situación da lingua nun e noutro concello?
Vigo presenta uns indicadores de uso lixeiramente máis negativos, cunha menor porcentaxe de falantes habituais de galego (13,5% fronte a 15,5%). Ambos os dous datos sitúanse moi lonxe da media galega (45,5%). Na Coruña hai, ademais, unha maior proporción de persoas que aprenderon a falar en galego (14,6% fronte a 10,5%).
Na Coruña a porcentaxe de persoas que só falan castelán e que en ningún momento usan o galego é do 60% (11 puntos máis que hai cinco anos), mentres que en Vigo é do 51%, unha suba de seis puntos.
Na Coruña a porcentaxe de persoas que só falan castelán e que en ningún momento usan o galego é do 60% (11 puntos máis que hai cinco anos), mentres que en Vigo é do 51%
Na cidade olívica hai, en cambio, unha maior proporción que persoas que saben falar ('moito' ou 'bastante') en galego: 71,6% fronte a 70,4%. As porcentaxes de persoas que din que se desenvolven mellor falando en galego son mínimas as dúas cidades (ao redor do 5%), moi lonxe da media do país (24,5%).
En cambio, as porcentaxes de persoas, tanto en Vigo coma na Coruña, que desexarían que houbese máis contidos en galegos nos medios de comunicación son moito máis elevadas, próximas ao 45% en todos os soportes (prensa impresa, internet, televisión, radio ou libros), aínda que por debaxio da media galega (55%)