Vigo é a cidade onde menos se fala galego; Lugo e Santiago, onde máis

O uso do galego presenta notables diferenzas entre as diferentes cidades, segundo o IGE CC-BY-NC-SA Praza Pública

O uso do galego varía moito segundo a área ou concello de Galicia que analicemos. Unha ollada aos datos achegados polo IGE amosa como as áreas da Coruña suroriental, que comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide, a Costa da Morte son as que presentan maior porcentaxe de poboación que ten o galego como lingua habitual sempre ou que a usa máis que o castelán, con cifras superiores ao 93% e ao 92% respectivamente. Pola contra, a área de Vigo é, con bastante diferenza, a zona onde menos se usa a lingua propia, seguida da da Coruña (que comprende a comarca coruñesa e a de Betanzos) e a de Ferrol-Eume-Ortegal. 

A área de Vigo é onde menos xente fala galego habitualmente (25,5%) fronte á zona de Arzúa, Ordes e Melide (93%)

Así, na área viguesa, que comprende a comarca de Vigo, fala habitualmente en galego ou máis galego que castelán pouco máis dun cuarto da poboación (25,5%) fronte ao 33,6% da área da Coruña e o 33,7% da de Ferrolterra, Eume e o Ortegal, outra das áreas, a do norte da provincia da Coruña, onde a evolución da lingua propia é peor nos últimos anos.  

Tendo en conta a evolución da porcentaxe de persoas que en cada área definida polo IGE fala "sempre" en galego ou "máis en galego que en castelán", o maior descenso no uso da lingua propia nos últimos cinco anos deuse na área de Ourense (-8,2%) e na de Vigo (-5,5%), mentres que os maiores incrementos tiveron lugar na da Coruña (+14%), Caldas-O Salnés (+14%) e Barbanza-Noia (+12%). 

O maior descenso no uso do galego deuse nas áreas de Ourense e Vigo

Destaca tamén o lixeiro incremento no emprego do galego na área de Ferrol-Eume-Ortegal (+3%) ou o descenso na de Santiago (-5,7%) e Ourense central (-5,1%), que comprende Allariz e Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras.

Ademais, de fixármonos nos grandes concellos galegos, Vigo sitúase como o municipio con menos uso do galego, xa que tan só o 15,2% da poboación fala sempre na lingua propia ou emprégaa máis cós castelán, o que supón un descenso de case catro puntos con respecto a 2013. Ferrol situaríase a continuación, con só un 17,7%, aínda que é a única das urbes galegas onde se incrementou o uso do idioma nos últimos cinco anos. 

Tan só o 15,2% da poboación de Vigo fala sempre en galego ou úsao máis có castelán

A porcentaxe de poboación que usa o galego maioritariamente mantívose case inalterable na Coruña no último lustro, ao pasar do 21,6% ao 20% en cinco anos, ao igual que en Pontevedra (do 24,3 ao 23%), sendo outras das cidades onde menos se emprega a lingua propia. 

No outro extremo, Lugo e Santiago son as cidades onde máis se emprega o galego en Galicia. Na capital lucense, o 44,7% da poboación fala galego sempre ou máis que o castelán, unha porcentaxe moi semellante á de Compostela, cun 43,9%. A continuación situaríase Ourense, cun 33,5%, aínda que na cidade das Burgas o retroceso foi duns cinco puntos desde 2013. 

Vigo, Ferrol e A Coruña son as cidades onde máis xente di falar sempre castelán e onde menos poboación di falar en galego sempre

Na outra banda, as cidades onde máis xente di falar sempre en castelán son Ferrol, co 52,7%; A Coruña, co 48,6%; e Vigo, co 45,3%. Tamén é nestas tres urbes onde menos poboación di falar en galego sempre: na localidade viguesa tan só o 3,9%; na Coruña, o 5,3%; e en Ferrol, o 6,7%. 

Pola contra, en Compostela e en Lugo, segundo os datos que se tiran do IGE, máis do 20% da cidadanía fala sempre en galego. 

Por áreas de poboación, o galego segue a ser máis utilizado aló onde menos habitantes hai. Así, nas localidades de menos de 10.000, o 81,2% das persoas fala galego sempre ou máis galego que castelán, incrementándose mesmo a porcentaxe con respecto a hai cinco anos. 

Tamén se incrementa un chisco o uso nas localidades entre 10.000 e 20.000 habitantes, onde chega ao 59,1%; e nas de entre 20.000 e 50.000 habitantes, onde a porcentaxe é case do 50% da poboación. 

O problema para o galego sitúase nas localidades con máis de 50.000 habitantes, onde o galego só é maioritario nun cuarto da poboación, dez puntos menos que hai quince anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.