A Enquisa de condicións de vida das familias publicada polo IGE ofrece un panorama moi negativo para a lingua galega, que á vista destes datos estaría a piques de deixar de ser a lingua máis falada en Galicia. En 2013, os e as falantes habituais de galego -a suma daqueles que declaran falar "en galego sempre" ou "máis galego que castelán"- situábase no 50,9% da poboación, descendendo dende o 56,4% de 2008 e o 61,2% de 2013. Os falantes habituais de castelán representan xa o 47,95% do total.
O que é máis preocupante para a lingua galega é que esta tendencia negativa non semella que se vaia frear inmediatamente, á vista dos datos por idades. Cada xeración fala menos galego que a anterior: Tres de cada catro rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74,88%) son castelanfalantes, once puntos máis que hai cinco anos. Na franxa seguinte, a evolución é semellante: O 63,3% dos mozos e mozas galegas entre os 15 e os 29 anos son castelanfalantes.
O outro gran factor, tamén moi preocupante, é o do hábitat. Nas cidades e zonas urbanas fálase máis castelán que galego. Nas sete cidades galegas o 72,51% dos seus habitantes afirma falar "só" ou "máis" en castelán, cun 42,12% de monolingües nesta lingua. A proporción de monolingües en galego é do 12,57%. O castelán tamén é maioritario nas vilas entre 20.000 e 50.000 habitantes (55,73% fronte a 44,27%). O galego segue sendo maioritario nos concellos entre 10.000 e 20.000 habitantes (58,74%) e nas de menos de 10.000 (78,78%) Se analizamos as sete cidades galegas atopamos, iso si, grandes diferenzas. Mentres que a porcentaxe de castelanfalantes totais ou parciais é absolutamente maioritaria en Ferrol (85,11%), Vigo (80,94%), na Coruña (78,39%) e Pontevedra (75,69%), nas outras tres urbes a proporción é máis baixa: Ourense (61,37%), Compostela (53,1%) e Lugo (50,57%).
O IGE ofrece tamén datos por zonas, que permiten constatar que a castelanización é maior nas áreas urbanas de Vigo, A Coruña, Ferrol e Pontevedra, pero que avanza tamén en comarcas como O Morrazo ou Ourense e os seus concellos veciños, nas que a proporción de galegofalantes descende ao redor de dez puntos en cinco anos. Nestes seis territorios o castelán xa é maioritario. Analizando a evolución dende 2008 observamos unha castelanización moi acelerada en comarcas como Caldas-O Salnés, onde a porcentaxe de galegofalantes pasou do 65% ao 55,5% e mesmo en lugares como A Mariña, Barbanza-Noia ou Ourense Sur, onde os falantes habituais de galego seguen sendo clara maioría, pero descenden rapidamente.
Pola contra, hai certas zonas, como O Carballiño-Ribeiro, Lugo Oriental, Pontevedra Sur, Pontevedra Nororiental, A Coruña Suroriental, Lugo Central ou Lugo Sur, nas que a proporción de galegofalantes se mantén estable nos últimos cinco anos
2008 | 2013 | Evolución | |
---|---|---|---|
Galicia | 57,02 | 51,49 | -5,53 |
A Coruña suroriental | 89,43 | 89,7 | +0,27 |
Ferrol-Eume-Ortegal | 40,34 | 32,78 | -7,56 |
Costa da morte | 91,91 | 85,88 | -6,03 |
A Barbanza-Noia | 88,42 | 79,04 | -9,38 |
Área da Coruña | 35,87 | 29,4 | -6,47 |
Área de Santiago | 63,32 | 58,73 | -4.59 |
Lugo sur | 70,77 | 69,51 | -1,26 |
Lugo oriental | 87,08 | 90,33 | +3,25 |
Lugo central | 68,25 | 67,18 | -1,07 |
A Mariña | 82,72 | 75,81 | -6,91 |
O Carballiño-O Ribeiro | 81,5 | 85,8 | +4,3 |
Ourense central | 79,35 | 73,18 | -6,17 |
Ourense sur | 89,62 | 82,32 | -7,3 |
Área de Ourense | 54,33 | 43,39 | -10,94 |
Pontevedra nororiental | 79,88 | 80,16 | +0,28 |
Pontevedra sur | 58,99 | 60,01 | +1,02 |
Caldas-O Salnés | 65,19 | 55,58 | -9,61 |
O Morrazo | 50,44 | 39,95 | -10,49 |
Área de Pontevedra | 39,48 | 38,36 | -1,12 |
Área de Vigo | 33,26 | 26,99 | -6,27 |
% de falantes habituais de lingua galega por áreas. Fonte: IGE