Case o 40% dos centros de ensino de Galicia recoñecen que nas aulas se usa máis castelán do que establece o decreto do plurilingüismo, unha porcentaxe que no caso dos de ESO, Bacharelato e FP se eleva aínda máis. A metade dos institutos asume que non se cumpre coa lingua vehicular asignada e que o emprego da lingua castelá é superior mesmo ao que marca a polémica norma.
Estes son algúns dos datos que se tiran do informe do Consello da Cultura Galega (CCG) que supón a primeira análise detallada do labor dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) nos centros de ensino. O estudo parte dos datos obtidos a partir dun cuestionario contestado por unha elevada mostra representativa de 420 colexios e institutos de toda Galicia.
No documento analízase, entre outros aspectos, a percepción das e dos coordinadores destes equipos sobre o cumprimento da lingua vehicular asignada no Plan Lingüístico do Centro (PLC) ou a contribución á normalización do decreto do plurilingüismo, que se comezou a aplicar hai agora 15 anos. Os resultados permiten deitar luz sobre unha realidade denunciada pero tantas veces agochada: en moitos centros de ensino nin tan sequera se cumpre cos mínimos para o galego que marca o decreto e impártense máis horas en castelán das que establece a norma.
A análise do Consello da Cultura inclúe unha enquisa a 420 equipos de dinamización na que case o 40% admite que nas aulas se usa máis o castelán do que marca o decreto
No inicio daquel curso 2010-11, os centros de ensino non universitario en Galicia comezaron a aplicar o Decreto 79/2010, que regula desde entón a distribución dos idiomas vehiculares nas aulas. A contestada normativa reducía a presenza do galego, vetábao en varias materias de ciencias e derrogaba o anterior decreto, que garantía un "mínimo" do 50% da docencia en lingua galega. Rachaba así co estipulado polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade en 2004 no Parlamento, e pola Lei de Normalización Lingüística.
Feijóo aludira a un "conflito lingüístico sen precedentes" e a unha suposta "imposición" para aprobar desde a Xunta un decreto recibido con duras críticas, masivas manifestacións e ditames xudiciais en contra que lle impediron aplicar algunhas das medidas máis controvertidas.
A metade dos institutos (ESO, Bacharelato e FP) recoñecen que o uso do castelán nas clases é maior ao que marca o proxecto lingüístico
Porque por primeira vez na historia da autonomía, o PP primeiro e o Goberno galego despois enviaron a mensaxe de que a normalización do galego fora demasiado lonxe. Aquel discurso callou, sobre todo entre a xente nova, como acreditaron análises detalladas do Consello da Cultura ou da Real Academia Galega.
Os prexuízos contra o galego acentuaron un retroceso que hai un ano o IGE plasmou con crueza ao constatar que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia ou que o número de galegofalantes entre a rapazada e a mocidade cae a mínimos históricos, o que levou á Academia a advertir de que o galego está perto do "limiar do colapso".
A RAG e moitas outras entidades, institucións ou partidos sinalan o decreto do plurilingüismo —e mais os prexuízos fomentados para xustificalo— como unha das claves que explican o devalo no uso da lingua propia. Pero tamén advertiron durante anos que a xa recortada e mínima presenza do galego nas aulas —un máximo do terzo do total de horas de clase e/ou sempre equilibrado coas horas en castelán— era aínda menor da que marcaba a norma. Un estudo da Academia corroborou, por exemplo, que a presenza do galego era "residual" nos centros privados. Estaba baseado nunha mostra de 26 centros e case 600 rapaces de 4º da ESO no curso 2018-19. O informe do CCG abrangue os centros de ensino de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP e baséase nas respostas obtidas en 420 centros sobre un universo duns 1.290 entre abril e maio do pasado ano.
"Desviación significativa"
Os datos recollidos sinalan que un 37,6% dos EDLG sinala que "se usa máis a lingua castelá do que está establecido, o que revela unha desviación significativa con respecto ao PLC", e que só un 3,6% dos consultados perciben que se utiliza máis galego do previsto na planificación. Un 58,8% considera que si se cumpre coa lingua vehicular establecida no Plan Lingüístico do Centro, documento pedagóxico-administrativo onde os centros, ademais doutros datos, deben especificar a distribución lingüística curricular atendendo sempre aos criterios que marca o decreto.
A análise por provincias amosa, ademais, un maior grao de cumprimento na de Lugo (73,2%) e na de Ourense (69,2%), que na de Coruña (55,3%) e Pontevedra (54,9%), estas dúas últimas por debaixo da media xeral (58,8%). No caso do territorio pontevedrés, destaca polo maior incumprimento debido ao uso excesivo do castelán (43,9%).
Como destaca o estudo, a presenza de centros que usan máis galego do establecido "é moi reducida en todas as provincias", con cifras anecdóticas. Agás na Coruña (7,5%), "onde se rexistra o valor máis elevado neste sentido".
No rural, case o 75% dos centros din cumprir coa distribución lingüística que marca o decreto, pero nos urbanos son menos da metade
Pero as maiores diferenzas, e "especialmente reveladoras", di o texto, danse segundo a contorna onde estean situados os centros. No ámbito rural, o 73,3% dos EDLG consultados asegura que se cumpre o previsto no PLC,
mentres que esta porcentaxe baixa a un 57,4% no semiurbano e a un 47,7% no urbano. A tendencia inversa obsérvase no uso excesivo do castelán: nos centros urbanos, o 51% sinalan que se emprega máis castelán do establecido, fronte ao 38,2% nos semiurbanos e só o 21,4% nos rurais. "O uso superior do galego ao previsto no PLC é tamén máis común no rural (5,3%), pero segue a ser unha realidade minoritaria", indica a análise.
Xa que logo, máis da metade dos centros de ensino das cidades recoñecen que se emprega máis castelán do establecido, fronte a un 48% que di que se cumpre co plan lingüístico e, xa que logo, co equilibrio entre linguas que marca o decreto.
Por outra banda, os datos tendo en conta o nivel educativo son tamén moi reveladores. Os centros de Infantil e Primaria presentan o maior grao de cumprimento (67,8%), seguidos polos centros mixtos (62%). No entanto, son os de Secundaria, Bacharelato e FP os que amosan "os peores resultados": só o 44,9% dos EDLG destes centros asegura que se cumpre co plan lingüístico de centro e máis da metade (o 50,3%) "indica un uso superior do castelán ao previsto".