O galego tamén escasea entre a rapazada de Compostela: só o 6% do alumnado o usa acotío

Alumnado do CIFP Compostela CC-BY-SA Concello de Compostela

Os últimos datos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) achegou sobre o uso do galego ratificaron o que as conversas nun colexio, parque ou espazo de lecer denotan cada día en Galicia. Rapazada e mocidade falan cada vez menos galego, cunha caída no seu uso que non se detén. Apenas o 16,2% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos falan habitualmente na lingua propia do país —segundo os datos de 2023— fronte ao 26,1% de cinco anos antes. Entre os 15 e os 29 anos, os datos son algo mellores, cun 28,2% de galegofalantes, pero lonxe do 37% do ano 2018.

O Concello encargou á RAG o 'Mapa sociolingüístico escolar de Santiago', unha análise con enquisas a case 4.000 estudantes para avaliar a situación do galego na capital

As análises, ademais, reflicten tamén que a rapazada fala cada vez menos galego na casa e que o seu uso descende aínda máis cando entra no colexio ou no instituto. Arredor do 18% dos menores de entre 5 e 14 anos di falar máis en galego cos seus compañeiros e compañeiras na escola, cando hai vinte anos roldaba o 40%. A porcentaxe non chega nin ao 5% nas cidades, onde case un 40% nin tan sequera sabe falar o idioma correctamente.

A situación do galego entre os e as máis novas non é igual en todas as cidades, aínda que todas comparten o escaso uso e o descenso no número de galegofalantes. Mesmo na capital, Santiago, que nunca ocupou os peores postos en canto ao emprego da lingua propia, o galego esmorece entre a rapazada. Así o advirte un estudo encargado polo Concello á Real Academia Galega (RAG) e que ten como "antecedente directo" o elaborado en Ames tamén pola entidade. Aquel indicaba que o "efecto desgaleguizador" do sistema educativo comeza na escola infantil e consolídase na adolescencia.

Agora, a Academia vén de publicar unha parte da investigación do Mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela que o Concello encargou ao Seminario de Sociolingüística e que elabora Martín Vázquez Fernández. Un estudo que tira de varias enquisas e unha ampla mostra que inclúe case 4.000 estudantes (3.808), 390 docentes e 224 familias de diferentes etapas educativas, centrados os datos que se achegan na ESO, ensinanzas postobrigatorias, bacharelato e FP.  

O informe advirte dun "claro predominio do castelán como lingua inicial e habitual entre o alumnado compostelán": o 75% emprégao de xeito cotián ou maioritario

As cifras son contundentes e amosan "un claro predominio do castelán como lingua inicial e habitual entre o alumnado compostelán", sendo o idioma de uso cotián exclusivo ou maioritario do 75%, fronte a apenas un 10% de uso predominante do galego. Uns datos que melloran para a lingua galega entre aqueles alumnos e alumnos que residen ou naceron fóra da cidade, no rural, pero que non impiden un proceso de "substitución lingüística" marcado pola quebra ou perda da transmisión interxeracional da lingua. 

Todo nunha urbe, como destaca o estudo, con "particularidades" que influían nunha maior fortaleza da lingua propia: a "tardía urbanización" en contraste coa Coruña ou Vigo que atrasou os procesos sociais vinculados a esta, como os sociolingüísticos; ou a importancia das localidades veciñas e a zona rural de Santiago que "facían que o galego tivese unha presenza maior debido á atracción da cidade". 

Tamén houbo sempre unha "situación diferencial" respecto do galego pola súa condición de "capitalidade institucional e pola súa relevancia cultural", sendo sede das principais institucións autonómicas, o que "contribúe a consolidar usos formais do galego na Administración e posibilita un uso instrumental da lingua con valor engadido". Ademais dunha produción cultural en galego e unha forte presenza da lingua no teatro, a literatura ou os medios públicos autonómicos, o que "reforza o seu uso simbólico e social". 

A análise confirma un padrón: a "baixa retención do galego" aínda que sexa lingua inicial ante a "forza" dun contexto onde o castelán "opera como lingua hexemónica"

Con todo, o estudo conclúe a confirmación dun padrón, o da "baixa retención do galego nos casos onde esta é a lingua inicial" con "procesos de desgaleguización máis frecuentes que de galeguización" que "evidencian a forza do contexto sociolingüístico urbano, no que o castelán opera como lingua hexemónica, mesmo entre o alumnado inicialmente galegofalante". 

En detalle, o castelán é a lingua coa que se inicia unha maioría clara do alumnado (55,4 %), fronte a só un 12,3% que ten o galego como lingua inicial. Case o 30% afirma ter as dúas linguas por igual como idiomas iniciais, mentres que arredor do 3% asegura ter outras linguas como a primeira, unha circunstancia "probablemente asociada a fenómenos migratorios". 

En canto á lingua habitual, o 75,8 % do alumnado declara "usar habitualmente só ou maioritariamente o castelán", fronte a apenas un 10,4 % que sinala como lingua habitual só ou maioritariamente o galego. O 11,9 % afirma usar ambas as linguas por igual, mentres que a categoría outra/s abrangue un 2 %.

O castelán é a lingua inicial de máis da metade do alumnado compostelán e a habitual de máis do 75%, fronte ao 12% e ao 10% do galego respectivamente

Os datos, detalla o estudo, poñen "en evidencia un contexto de forte desequilibrio lingüístico no espazo urbano compostelán", xa que o bilingüismo inicial (29,6 %) "non se traduce necesariamente na autopercepción de prácticas equilibradas no uso habitual das linguas". A diagnose é o dun "proceso de substitución lingüística afectado pola transmisión interxeracional", unha constante amosada por numerosas análises xa nos últimos tempos, tanto a nivel galego como local. 

Como detalla o informe, entre o alumnado que declara o castelán como lingua inicial, máis do 96 % mantén un uso monolingüe ou maioritario do castelán como lingua habitual (33,4 % só castelán e 62,7 % maioritariamente castelán), mentres que só unha "proporción residual" declara un uso equilibrado ou máis galeguizado. 

"Esta fidelidade é coherente cun contexto sociolingüístico en que o castelán mantén unha forte hexemonía", destaca o estudo. Porque no caso do alumnado que declara o galego como lingua inicial, a situación é inversa: só un 16,3 % mostra abandono total ou parcial do galego como lingua habitual, mentres que máis da metade conserva un uso predominante do galego (34,8 % maioritariamente en galego e 23,5 % só galego). Un 25,4 % declara un uso equilibrado, o que pode interpretarse "ben como mantemento ou ben como indicio de presión castelanizadora segundo o contexto".

O 96% do alumnado que ten o castelán como lingua inicial mantena como habitual; no caso dos que teñen o galego, só algo máis da metade a conserva como cotiá

Xa que logo, a ampla maioría do alumnado, case un 90%, mantén a lingua habitual como a súa lingua. No 10% restante, o balance é negativo para o galego: un 7,6 % do alumnado experimenta un proceso de desgaleguización, fronte a só un 2,6 % que se galeguiza. 

"Aínda que os casos de cambio lingüístico son relativamente minoritarios, a dirección principal do cambio apunta cara á perda do galego, o que supón un indicador relevante para avaliar a eficacia da política lingüística e revela padróns da socialización lingüística dos máis novos", destaca o estudo da RAG. 

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e membros da corporación, co presidente da RAG, Henrique Monteagudo CC-BY-SA RAG

Por outra banda, e como ocorre noutras zonas, a orixe ou residencia do alumnado determina o uso da lingua, un aspecto relevante nunha cidade como Santiago, que acolle nos seus centros educativos abundante rapazada de concellos limítrofes e achegados ou familias que emigraron á cidade desde o rural. Así, entre os nados en Compostela predomina claramente o castelán como lingua inicial (56,8 %), mentres que só un 10,7 % declara o galego e un 30,8 % ambas as linguas por igual.

O 11% do alumnado nado en Santiago ten o galego como lingua inicial fronte ao 21% do nacido noutras zonas de Galicia

No caso do alumnado nado noutras zonas de Galicia, a presenza do galego é maior como lingua inicial (21,4 %), cunha menor porcentaxe do castelán como lingua de uso exclusivo (41,9 %), o que "reflicte unha transmisión lingüística máis favorable ao galego". 

En canto á lingua habitual, tamén hai diferenzas notables. O alumnado nacido en Santiago mantén maioritariamente o castelán como lingua habitual exclusiva (20,1%) ou maioritaria (57,9 %), mentres que só un 8,3% declara usar o galego maioritaria ou exclusivamente, e un 12,3 % usa ambas as linguas por igual. Entre o alumnado nado noutras zonas de Galicia, destaca un uso máis frecuente do galego (21,1% en total entre uso exclusivo e maioritario) e unha menor dependencia do castelán, aínda que este segue a predominar (64 % sumando uso exclusivo e maioritario).

Inflúe o lugar de residencia

No caso do lugar de residencia, os datos marcan tamén unha tendencia. Entre os que residen fóra de Santiago obsérvase unha maior presenza do galego como lingua inicial: un 20,7 % fronte a un 8,6% na cidade. Tamén aumenta lixeiramente a proporción de estudantado que declara que aprendeu as dúas linguas por igual (30 % fronte a 28,9 %), mentres que a porcentaxe de castelanfalantes iniciais cae do 60,4 % en Santiago ao 46,6 % fóra da cidade. 

Só o 6% do alumnado que reside na cidade ten o galego como lingua habitual, fronte ao 19,3% do que vive fóra

En canto á lingua habitual, "o uso exclusivo ou maioritario do castelán é dominante" entre o alumnado residente en Santiago (81,6 % en total), mentres que no grupo de fóra da cidade esta cifra redúcese ao 64,8 %. Pola contra, o uso habitual exclusivo ou maioritario do galego pasa dun escaso 6 % na cidade a un 19,3 % entre os residentes fóra dela. A porcentaxe de alumnado que declara usar galego e castelán por igual tamén aumenta lixeiramente neste último grupo (13,9 % fronte a 11%). 

O estudo tamén fai referencia ás diferenzas que por barrios ou zonas hai no uso do galego na capital galega. O centro histórico e os barrios do Ensanche son "un espazo de claro predominio do castelán", mentres que o galego mantén unha "presenza máis sólida nas zonas menos urbanizadas do municipio". 

Veciñanza de Santiago na contorna da Alameda, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Hai, ademais, unha "correlación moi clara coa densidade de poboación": nas áreas de maior concentración demográfica —como a cidade histórica, o Ensanche ou As Fontiñas— predomina o uso do castelán, mentres que nas zonas de menor densidade —como as parroquias de Sabugueira, Fecha, ou Marantes, entre moitas outras— o galego presenta unha maior presenza. 

O autor do informe aclara que, malia a tendencia xeral ao retroceso no galego entre a mocidade, os datos "non son homoxéneos nin lineais", ao existir "espazos de resistencia e de mantemento parcial da lingua", especialmente "no alumnado procedente do rural, nos centros públicos e en determinadas franxas do alumnado bilingüe inicial"

"Galego restrinxido"

En resumo, indícase que a situación sociolingüística do alumnado en Santiago está "determinada pola confluencia de tres grandes variables: o hábitat, a mobilidade residencial e as prácticas lingüísticas familiares e escolares". "Estes factores interactúan xerando un contexto de contacto desigual entre linguas, en que o castelán actúa como lingua de acceso e de relación no espazo urbano, mentres que o galego fica restrinxido a espazos máis delimitados e fráxiles", conclúe. 

Ante estes datos e análise, o estudo advirte de que é "urxente reforzar as medidas de planificación lingüística con base territorial, que teñan en conta as especificidades sociolingüísticas dos diferentes barrios e parroquias do concello". Tamén revisar os instrumentos normativos e didácticos que regulan o uso das linguas nos centros, apostando por estratexias que promovan a inclusión do galego, especialmente nas interaccións entre iguais, naquelas zonas altamente castelanfalantes". 

Por último, recomenda que a planificación lingüística escolar "considere a orixe e mobilidade do alumnado como variables clave, integrando accións específicas para contextos con alta diversidade de procedencias".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.