O estudo detecta unha perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil e advirte de que esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo
Hai tres anos a Real Academia Galega, o Concello de Ames e o CEIP Agro do Muíño levaron a cabo un estudo sobre a situación sociolingüística deste centro de ensino da localidade amesá que constatou que a escola actúa como un axente "desgaleguizador". Aquel estudo, ao igual que outros realizados, afondaba unicamente nunha etapa do ensino, pero a partir daquela experiencia a RAG e o Concello de Ames levaron a cabo un Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un proxecto máis complexo que analizou a situación en todos os niveis, dende as Escolas Infantís ata o Bacharelato, e que foi elaborado por Henrique Monteagudo e Xaquín Loredo, Lidia Gómez e Gabino S. Vázquez-Grandío.
Este traballo, presentado este mércores pola tarde, conclúe que "o acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados ata o momento, centrados maioritariamente na adolescencia". En concreto, o estudo detecta unha perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil e advirte de que esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata chegar a "cifras extremadamente preocupantes". De feito, no inicio do ensino infantil a lingua habitual do 32% dos nenos e nenas en Ames é o galego (fronte a un 47% de castelán) e no comezo do ensino primario a porcentaxe de galego xa se reduciu ata o 21%.
“Dada a diversidade territorial do concello amesán probablemente os resultados poden ser extrapolados ao resto do periurbano e incluso a todo o territorio galego”, conclúe o informe
Na secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües. O informe destaca que “dada a diversidade territorial do concello amesán probablemente os resultados poden ser extrapolados ao resto do periurbano e incluso a todo o territorio galego”. Na investigación, que partiu de enquisas e da obervación directa nos centros de ensino, participaron máis de 2.000 familias, 264 docentes e case 1.800 escolares e estudantes dos 20 centros educativos públicos e privados do concello.
Na secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües
O estudo salienta que o proceso de cambio lingüístico cara ao castelán aumenta no paso do ciclo de infantil ao de primaria, un fenómeno "non constatado previamente nas pescudas sociolingüísticas levadas a cabo en Galicia". "Os cambios de centro educativo e, por tanto, de redes sociais, semellan ser relevantes nesta dinámica de abandono da lingua familiar, pois o alumnado galegofalante non conta no contexto escolar cunha contorna que lle permita desenvolverse con liberdade en galego, mentres que, por outra banda, non dispón das habelencias precisas para afrontar os cambios vitais de certa entidade, de xeito que remata por imitar as condutas lingüísticas dos “modelos” hexemónicos nas novas contornas", explícase no documento.
As actitudes cara á lingua galega son maioritariamente positivas, con máis dun 70% de respostas favorables tanto en Primaria como en Secundaria. Porén, o informe destaca a existencia deste case 30% de actitudes "indiferentes" ou directamente "negativas".
O informe destaca que "as políticas lingüísticas desenvolvidas ata o de agora estiveron centradas na educación secundaria, é dicir, anos despois de sucedida esta muda”
O informe destaca que "as políticas lingüísticas desenvolvidas ata o de agora estiveron centradas na educación secundaria, é dicir, anos despois de sucedida esta muda”. Explícase que "ao quedaren as etapas máis temperás fóra do foco da análise, chegou a darse por feito que a substitución tiña lugar fundamentalmente no contexto familiar, na lingua utilizada polos proxenitores cos fillos e fillas e mais no paso destes á Educación Secundaria. Pero, conforme afondamos no coñecemento das etapas educativas iniciais, vai saíndo á luz de xeito cada vez máis rotundo a extrema relevancia das etapas de Educación Infantil e de Primaria nos procesos de desgaleguización". O informe conclúe que "os datos convidan a cuestionar este modelo e reflexionar sobre as modificacións precisas para estas políticas".
Os centros de ensino "non só cumpren un papel central na formación propiamente académica dos escolares, senón que son o espazo en que se desenvolven unha serie de actividades de socialización"
Tamén se fai fincapé na importancia dos centros de ensino e dos espazos de socialización ligados a eles para asentar hábitos lingüísticos, despois de que durante os últimos anos se buscasen todas as explicacións para as mudanzas de idioma na contorna social xeral, as novas tecnoloxías ou os espazos de socialización alleos á escola. O informe desta que "o que se verifica ao entrar en contacto cos centros educativos é que estes non só cumpren un papel central na formación propiamente académica dos escolares, senón que son o espazo en que se desenvolven unha serie de actividades de socialización, en particular de carácter deportivo e lúdico, en que participan tamén axentes alleos ao universo estritamente escolar. E estas actividades, complementarias ou non estritamente académicas, reforzan notablemente a súa capacidade formativa tamén na dimensión lingüística".
"O alumnado de Ames percibe de forma intuitiva que a lingua castelá constitúe unha ferramenta fundamental para a construción dunha imaxe positiva nos últimos anos da etapa de Primaria, durante os cales ese proceso colle forza"
"O proceso de desgaleguización, ou de adaptación á lingua dominante do seu grupo social de referencia, refórzase especialmente naqueles contextos menos formais, nas relacións cos seus compañeiros e compañeiras, xunto co persoal educativo que considera máis próximo e naquelas actividades relacionadas co lecer e o tempo libre. Nas interaccións que se desenvolven durante o tempo de lecer ten lugar o proceso de construción dunha imaxe pública. O alumnado de Ames percibe de forma intuitiva que a lingua castelá constitúe unha ferramenta fundamental para a construción dunha imaxe positiva nos últimos anos da etapa de Primaria, durante os cales ese proceso colle forza", pódese ler no informe.
"Os e as galegofalantes "acaban adoptando maioritariamente o castelán para relacionarse cos seus pares, mesmo no caso de que manteñan o galego coa familia"
O resultado destas tendencias é que os e as galegofalantes "acaban adoptando maioritariamente o castelán para relacionarse cos seus pares, mesmo no caso de que manteñan o galego coa familia". Estas condutas, prolongadas no tempo, "poden rematar por provocar un abandono xeral das prácticas en galego mesmo no interior do núcleo familiar". Con todo, o informe deixa unha nota positiva, indicando que "esas prácticas lingüísticas non son irreversibles, pola contra, son susceptibles de ser revertidas noutro momento biográfico. A maiores, comprobouse a existencia de factores protectores relacionados coa xestión lingüística familiar, coas características cognitivas, emocionais, cognitivas e lingüísticas do alumnado, coa política lingüística do centro educativo ou co contexto sociolingüístico próximo".
Henrique Monteagudo conclúe que "o medio escolar non é amigable para o galego, é hostil"
Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, responsable da investigación, conclúe que "o medio escolar non é amigable para o galego, é hostil". Os centros de ensino "non proporcionan aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provocan a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias”, afirma Monteagudo, que apunta que “máis do 50% dos estudantes de secundaria declara non sentirse cómodo á hora de expresarse en galego en público”.
Con todo, Monteagudo pide ir máis aló do que sucede no interior das aulas. “Nos centros educativos organízanse tamén actividades de lecer, deportivas, formativas complementarias... Cando se considera o papel que ten a escola en materia de prácticas, competencias e mesmo actitudes lingüísticas cómpre un enfoque global que teña en conta todas estas actividades que se ofertan fóra do currículo”, di. Neste senso, o informe revela que arredor do 25% do alumnado de primaria de Ames nunca tivo presente a lingua galega en dous dos seus principais contextos de socialización: a relación entre iguais e as actividades extraescolares, engadindo que “de feito, neste último caso semella ter máis presenza unha lingua estranxeira que a lingua galega”.
O informe inclúe unha serie de propostas de actuación que requiren da implicación dunha “pluralidade de axentes”
O informe inclúe unha serie de propostas de actuación que requiren da implicación dunha “pluralidade de axentes”, desde a administración autonómica ata a local, tendo en conta as actividades extraescolares, o servizo de comedor ou a organización campamentos nos que os nenos e nenas pasan cada vez máis horas. Proponse reforzar a presenza do galego na Educación Infantil e primeiros anos de Primaria, fomentar a aprendizaxe da lectura e da escritura en lingua galega ou afianzar o galego nos contextos escolares galegófonos e abrir espazos significativos para este idioma nos máis castelanófonos. Neste senso, a partir dos resultados deste informe RAG e Concello de Ames traballarán no deseño dunha serie de propostas de intervención co obxectivo de frear a perda da transmisión xeracional do galego.