O pasado xoves o Consello de Europa publicou o informe da primeira metade do 5º ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas elaborado polo Comité de expertos deste tratado, asinado polo Estado Español no ano 2001. Neste documento, alértase do incumprimento dalgún dos compromisos adquiridos polas distintas administracións en relación coa normalización do uso das linguas minorizadas do Estado, especialmente no ensino e na xustiza. A través deste informe, o Consello de Europa insta á Xunta a eliminar "as limitacións do ensino en galego en todos os niveis educativos" e alerta de que "o coñecemento xeral do galego parece diminuír".
"O número de materias impartidas en galego nas escolas onde se introduciu o inglés chega a descender ata o 33%", recolle o informe, atendendo ás denuncias recibidas
O Comité de expertos desbota polo tanto os argumentos achegados hai uns meses polo Goberno galego, que nun informe presumía de que a educación en Galicia é "totalmente bilingüe", ao "usarse tanto galego como castelán na aula", afirmando que o modelo imperante desde 2010 lle permite ao galego "ter o privilexio de ser lingua vehicular" na ensinanza, onde esta lingua e mais o castelán "úsanse en porcentaxes idénticas". Non é a primeira vez que o Consello de Europa carga contra a política lingüística do Goberno galego no ensino, que xa censurou a finais do ano 2019 e anteriormente nos anos 2012 e 2016.
No informe, o Consello de Europa destaca que o Comité de expertos "recibiu información que suxería que a distribución de idiomas entre as materias escolares non é igual", sinalando que "o número de materias impartidas en galego nas escolas onde se introduciu o inglés chega a descender ata o 33%". Así mesmo, alerta de que "o galego está presente só nunha fracción dos centros de educación infantil" e de que "o material didáctico en galego tamén é insuficiente".
O Comité de Expertos alerta de que "o galego está presente só nunha fracción dos centros de educación infantil"
O informe lembra que "como resultado desta situación, a porcentaxe de nenos menores de 15 anos que non falan galego é do 23,9%", segundo os datos máis recentes publicados polo IGE a finais do ano 2019. En efecto, segundo a enquisa quinquenal do IGE correspondente ao ano 2018, o coñecemento do galego do 23,9% da poboación entre 5 e 14 é "pouco" ou "nada", 7,5 puntos máis que no ano 2008. "Esta tendencia podería levar a un aumento constante dos que non saben falar galego en absoluto", engade o informe. O Comité de expertos reitera "a importancia de proporcionar un nivel suficiente de educación lingüística en todos os niveis de ensino" e sinala que o actual "marco legal existente é contrario aos compromisos de España", concluíndo que "non se eliminaron todas as limitacións para o ensino en galego".
A Mesa pola Normalización Lingüística insta á Xunta a "sentar, falar e chegar a un acordo sobre o galego no ensino" cos sindicatos, movementos de renovación pedagóxica, asociación de nais e pais e a propia Mesa, que elaboraron unha proposta de bases para a normalización no ensino.
Eivas na xustiza
No Estado Español non se garante "o dereito ao uso de linguas rexionais ou minoritarias nos procedementos xudiciais", sinala o informe
Así mesmo, no que atinxe á xustiza, o informe alerta (como xa fixo en anos anteriores) de que no Estado Español non se garante "o dereito ao uso de linguas rexionais ou minoritarias nos procedementos xudiciais". O Consello de Europa sinala que o principal culpable é o artigo 231 da Lei orgánica do Poder Xudicial, que establece que os xuíces e todo o persoal xudicial normalmente utilizarán o castelán e poderán usar a lingua oficial da rexión autónoma diferente do español se ningunha das partes se opón.
"En termos prácticos, os xuíces moi poucas veces usan un idioma diferente ao español e as partes que doutro xeito elixirían o idioma oficial local adoitan cambiar ao español", sinala o Comité de expertos, que explica que "cando unha das partes persiste no uso da lingua cooficial, recórrese xeralmente a usar un intérprete no canto de que todo o procedemento se realice neste idioma". "Isto leva a un uso moito menor das linguas rexionais e minoritarias nos tribunais do que se esperaría tendo en conta a porcentaxe de falantes na poboación", engade
O informe pide que o artigo 231 faga "explícito" que os procesos penais, civís e administrativos "deben levarse a cabo na lingua rexional ou minoritaria correspondente a petición única dunha das partes"
O informe do Consello de Europa pide que o artigo 231 faga "explícito" que os procesos penais, civís e administrativos "deben levarse a cabo na lingua rexional ou minoritaria correspondente a petición única dunha das partes".
O documento tamén recolle que segundo as informacións facilitadas polas entidades consultadas, "aínda hai casos en que as delegacións locais do Estado se negan a tramitar documentos e arquivos ou aceptar queixas en galego, mesmo cando se lles solicita expresamente que o fagan e cando a lexislación recoñece o dereito a usar o galego".
O galego en Asturias, León e Estremadura
O informe tamén recolle queixas sobre a situación da lingua galega no occidente de Asturias e León e mais en Estremadura
O informe tamén recolle queixas sobre a situación da lingua galega no occidente de Asturias e León e mais en Estremadura. E pide, por exemplo, que o Goberno asturiano inclúa o nome do idioma galego-asturiano no seu Estatuto de autonomía e leve a cabo "unha política estruturada para a protección da lingua" nas comarcas do Eo-Navia.
De igual xeito, solicita do Goberno de Castela e León que "tome medidas inmediatas para protexer o galego" en León. E, así mesmo, demanda ao goberno de Estremadura que "tome medidas inmediatas" para protexer a fala, o galego falado nesa rexión.