- VÍDEO | Vinte falando: En que fala a xente nova na Galicia do 2019?
- Neofalantes en Twitter: "O meu propósito deste ano é falar galego"
O pasado setembro o Instituto Galego de Estatística actualizaba os datos de uso e coñecemento da lingua galega. As cifras amosaban que o galego resiste como lingua maioritaria entre a metade da poboación, aínda que cun enorme 'pero': esa resistencia aséntase fundamentalmente na poboación maior de cincuenta anos. Mentres, pola banda da mocidade as persoas que din falar habitualmente en galego ou "máis en galego que en castelán" xa non chegan ao 40% e a proporción cae por baixo do 30% no caso da infancia de 5 a 14 anos. O panorama ten aínda máis sombras no que atinxe ao coñecemento infantil: a cuarta parte dos nenos e nenas sabe falar galego "pouco ou nada", case seis puntos máis que a comezos de século.
Na mocidade a presenza do galego non chega ao 40% e na infancia cae por baixo do 30%, polo que todo semella indicar que unha eventual recuperación do uso habitual do idioma pasa pola poboación neofalante
As propias bases de datos do IGE ofrecen algunhas respostas sobre a orixe deste devalo e tamén suxiren pistas sobre as fórmulas para o inverter. A transmisión do galego das xeracións maiores ás máis mozas sufriu unha evidente creba nos últimos anos e todo semella indicar que unha eventual recuperación do uso habitual do galego pasa pola poboación neofalante. Isto é, por quen tiveron o castelán -ou outro idioma- como lingua materna ou inicial, pero co paso do tempo optan por empregar maioritariamente o galego na súa vida cotiá.
Segundo o IGE, pouco máis do 18% das nenas e nenos de entre 5 e 14 anos deron as súas primeiras palabras en galego; entre maiores de 65 a proporción supera o 60%
Segundo o IGE, pouco máis do 18% das nenas e nenos de entre 5 e 14 anos deron as súas primeiras palabras en galego. Esta porcentaxe, correspondente ao ano 2018, é un chisco superior -medio punto- á da anterior edición do estudo, do ano 2013; pero está moi por baixo da rexistrada a comezos de século, no ano 2003, cando máis do 30% da rapazada aprendera a falar en galego. Atendendo os mesmos datos, xa só entre maiores de 65 anos máis da metade da poboación tiña o galego como lingua inicial no ano 2018.
Tras lustros de claro devalo, na poboación menor de 40 anos xa son minoría as persoas ás que, durante a infancia, pais e nais lles falaban só ou maioritariamente en galego
Aínda que cuns valores algo máis altos, o uso do galego nas familias alén do momento da aprendizaxe a falar tamén apunta na mesma dirección. Na poboación menor de 40 anos xa son minoría as persoas ás que, durante a infancia, os seus pais e nais lles falaban só ou maioritariamente en galego.
Entre a mocidade (15-29 anos) apenas supera o 40% aínda que o indicador mellorou unhas décimas con relación a 2003 e na infancia de 5 a 14 anos, apenas o 31% de pais e nais falan en galego aos fillos; son case catro puntos máis que hai cinco anos pero trece menos que a comezos de século. Daquela, en 2003, o galego predominaba en máis da metade dos fogares agás entre a poboación de 5 a 14 anos.
Como no caso da lingua inicial, o galego é claramente hexemónico entre a poboación de maior idade. Máis do 60% das persoas de 50 a 64 anos lembran que os seus pais e nais lles falaban total ou maioritariamente en galego. Entre quen agora teñen máis de 65 anos a proporción ascende ata o 80%; así e todo, son case seis puntos menos que no ano 2003, segundo o IGE.
A resistencia do galego como lingua maioritaria da metade da poboación apóiase nas persoas maiores de 50 anos
Estas diferenzas reflíctense no uso cotián das dúas linguas oficiais en función da idade. Apenas unha cuarta parte da infancia fala "sempre" en galego ou "máis galego que castelán" e entre as mozas e mozos de 15 a 29 anos esta proporción xa baixa do 40%. Tampouco chega á metade entre a poboación de 30 a 49 anos e só supera o 50% con claridade entre quen xa cumpriron de 50 a 64 (58,13%) e especialmente entre maiores de 65, onde practicamente tres de cada catro persoas falan sempre ou máis en galego.
Dada a presenza do galego como lingua inicial ou de uso habitual entre a xente máis moza, os datos apuntan á poboación neofalante como unha das vías de futuro para a revitalización do uso do galego. Nesa diagnose veñen concordando total ou parcialmente nos últimos anos diversos colectivos de defensa da lingua e mesmo a propia Xunta.
A Mesa cre que os datos "amosan a vontade dunha importante parte da poboación por manter o uso da lingua a pesar dos impedimentos"
Así, por exemplo, na súa análise dos datos do IGE A Mesa pola Normalización Linguística amosaba preocupación por cifras como o incremento da ignorancia da lingua propia entre a xente máis moza, pero tamén esperanza polos datos que "amosan a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua a pesar dos impedimentos". Deste xeito, o colectivo "destaca" o "aumento das persoas que escriben en galego como un acto consciente" como unha das mostras da "vontade social de manter a lingua". Para o presidente da asociación, Marcos Maceira, "a situación de crise que vive o galego" podería "reverterse se a Xunta acompañase a vontade social de reparación lingüística que amosan os datos da enquisa".
O plan de Política Lingüística para a mocidade subliña a necesidade de "fomentar o neofalantismo" e "poñer especial atención nos neofalantes, habitualmente mozos e mozas urbanos ou vilegos"
Pola banda da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o seu Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 ten un dos seus focos, precisamente, na poboación moza neofalante. "A etapa da mocidade é en moitas ocasións aquela na que se produce un cambio lingüística que determinará as preferencias e usos que se terán na idade adulta" e por iso, considera o documento, "cómpre poñer especial atención nos neofalantes de galego, habitualmente mozos e mozas urbanos ou vilegos".
Este proxecto considera que se "debe fomentar o neofalantismo e a implicación directa dos colectivos" xuvenís neste eido. Como obxectivos máis concreto, o plan marca o "establecemento dun programa de actuacións específicas que faciliten a incorporación ao galego da mocidade, especialmente dirixidas a neofalantes xuventude de fóra de Galicia, grandes cidades, mocidade castelanófona, transmisión familiar ou uso da tecnoloxías da información e a comunicación". Dende A Mesa e outros colectivos, non obstante, ínstase a que xunto a estas medidas chegue un novo decreto de uso do galego no ensino que derrogue o de 2010.