A xente nova fala cada vez menos galego ou, directamente, nin tan sequera sabe falalo. Segundo os últimos datos do IGE sobre o coñecemento da lingua propia no país, practicamente un cuarto (23,9%) da rapazada entre os 5 e os 14 anos non sabe expresarse no idioma.
É este, se cadra, o dato máis desolador da enquisa realizada polo IGE e que reflicte un estancamento no uso do galego pero tamén un futuro nada positivo de ter en conta o uso que del fan as novas xeracións. Así, ese case 24% de rapaces e rapazas que non saben falar o idioma supón case oito puntos máis que hai dez anos (16,4%) e un e pico máis que en 2013.
Case un de cada catro nenos galegos, o 24%, non sabe falar galego, oito puntos máis que hai unha década; o 44% exprésase sempre en castelán
É a xeración que se atopa agora escolarizada no ensino obrigatorio e que, polo tanto, contacta co galego na escola, no colexio ou no instituto en base á política lingüística instaurada polo goberno de Feijóo hai unha década a través do polémico decreto do plurilingüismo.
Sabe e usa menos o galego que a xeración anterior. E é, ademais, un grupo de idade no que o aumento daquelas persoas que usan sempre o castelán aumentou espectacularmente, ao pasar do case o 30% de hai dez anos ao 44,1% da actualidade, 14 puntos máis.
Xa que logo, e despois dunha década con novo decreto do plurilingüismo e nova política lingüística, os nenos e nenas galegos falan menos a lingua propia e moito máis o castelán.
No caso da mocidade entre 15 e 29 anos, a xeración que estaba a estudar no ensino obrigatorio hai dez anos, a porcentaxe de persoas que usa exclusivamente o castelán tamén aumentou na última década, aínda que non tanto, ao pasar do 25,5% de 2008 ao 31,9% da actualidade.
Tan só o 26% dos nenos e nenas galegas falan en galego sempre ou acotío, dez puntos menos que hai unha década
A realidade é teimuda. Os cativos e cativas de entre 5 e 14 anos que falan en galego sempre ou maioritariamente son minoría. Representan a tal hora o 26,1% fronte ao 36,1% de hai dez anos. Son dez puntos menos nunha década. Xa que logo, máis do 63% usa exclusivamente ou maioritariamente o castelán na súa vida diaria.
A situación, aínda que algo mellor, tampouco é especialmente boa entre a mocidade (de 15 a 29 anos). Segundo os últimos datos do IGE, o 37,4% desta xente nova fala en galego sempre ou acotío, o que supón máis de cinco puntos menos que en 2008.
No que respecta aos que falan sempre en castelán ou máis castelán que galego, son o 62,6%, cinco puntos máis que en 2008.
En canto ao ámbito familiar, o 44,3% da poboación de Galicia que ten fillos ou fillas fálalles en galego sempre, o 31,2% sempre en castelán, o 13,9% máis castelán que galego e o 9,5% máis galego que castelán. No tocante aos fillos e ás fillas, cabe destacar que arredor do 39% fala sempre en galego cos seus proxenitores e arredor do 37% sempre en castelán.
Ademais, como é habitual nos resultados destas enquisas, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. O 34,1% da cidadanía habitualmente fala sempre en galego cos amigos e coas amigas. Porén, o 39,4 % comunícase co profesorado dos seus fillos e fillas exclusivamente en castelán e o 34,1% sempre utiliza este idioma cos especialistas sanitarios.