O uso do galego estáncase. A precaria evolución na transmisión interxeracional, no ensino e no prestixio social provocan que a lingua propia manteña a día de hoxe os problemas que os datos revelaron hai xa cinco anos, sen mellora ningunha pero sen un grande empeoramento tampouco. O galego resiste, malia todo, como idioma maioritario da poboación galega pero segue a ser moi minoritario entre as xeracións máis novas.
Na actualidade, algo máis do 30% da poboación de Galicia fala sempre en galego, case a mesma porcentaxe (-0,63) que en 2013, segundo a Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do galego que publicou este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE) en referencia aos últimos datos, de 2018.
Máis do 52% da poboación usa o galego sempre ou máis có castelán, case a mesma porcentaxe de hai cinco anos pero 5 puntos menos que hai unha década
O uso sempre do galego mantense mentres que aumenta un chisco (1,43 puntos) a procentaxe de poboación que fala máis galego que castelán, ao situarse no 21,72%, aínda que tamén aumenta a porcentaxe daquela que fala máis castelán que galego, ao pasar do 22,3% de 2013 ao 23,3 de 2018. Ademais, algo máis do 24% da cidadanía galega fala sempre en castelán, 1,85 puntos menos que hai cinco anos.
Xa que logo, o uso do galego case non mudou no último lustro, pero a situación é moito menos optimista de comparar os datos cos de hai dez ou quince. Na actualidade usa o galego sempre ou máis galego que castelán o 52,3% da poboación, case o mesmo dato que hai cinco anos (51,5%) pero uns cinco puntos menos que hai unha década (57%) e case dez por baixo que en 2003 (61,5%). A utilización da lingua propia mantense estable nos últimos anos pero non se recupera da crise que paseniñamente a afecta.
Obviamente, a situación non é igual dependendo da idade. Mentres o 48,5% das persoas de 65 ou máis anos fala habitualmente só en galego e un 25% utiliza máis o galego que o castelán, entre a rapazada de 5 a 14 anos, tan só o 14,3% fala sempre en galego e o 11,9% máis en galego que en castelán (26,2%). Case o 74% restante emprega sempre o castelán ou máis castelán que galego.
O 73% da rapazada entre 5 e 14 anos emprega sempre o castelán ou máis castelán que galego
A situación entre os máis pequenos é case idéntica á de 2013, pero moito peor para o galego que hai unha década. Daquela, máis do 36% falaba só en galego ou máis galego que castelán fronte ao 26,2% actual. Hai quince anos, esa porcentaxe elevábase ao 40,3%. De novo, como en termos globais, case un descenso dun punto no uso da lingua por cada ano.
O panorama do galego é tamén revelador de ter en conta os datos sobre o seu coñecemento. En 2018, o 88,1% dos galegos e galegas de 5 ou máis anos di saber falar moito ou bastante o galego, fronte ao 86,93% de 2013, o 89,2% de hai unha década e o 89,6% de hai quince anos.
Case un de cada catro rapaces galegos de entre 5 ou 14 anos sabe falar galego pouco ou nada
De repararmos só nos máis pequenos, as persoas de entre 5 e 14 anos, o 76% din saber falar moito ou bastante o galego fronte ao 24% que di que pouco ou nada, un de cada catro rapaces. Hai dez anos, era o 83,6% fronte ao 16,4%.
Ademais, a familia segue a ser a principal vía de aprendizaxe do idioma galego. O 83,36% dos galegos e das galegas aprendeu a falar o galego neste ámbito, pero ao cinxirse á poboación menor de 30 anos a escola supera á familia como medio de aprendizaxe: o 93,7% das persoas neste grupo de idade aprendeu o galego na escola e o 70% coa familia.
En canto á percepción do uso do galego, os datos son tamén reveladores. Máis do 30% da poboación galega de máis de 16 anos considera que o galego fálase pouco ou nada, unha porcentaxe que é maior nas provincias da franxa atlántica, on valores de 33,4% na Coruña e do 34,6% en Pontevedra. Pola contra, na provincia de Ourense a porcentaxe baixa ata o 19,34%. Ademais, case o 32% considera que a utilización da lingua propia é "normal".
Para decatarse das diferentes percepcións que hai sobre o idioma, abonda con se fixar nas respostas á pregunta de se se considera que na actualidade se fala máis galego que hai cinco anos. Para a metade da poboación o uso da lingua non mudou, para case o 24% fálase menos e para algo máis do 26% fálase máis.
Os datos son, ademais, moi semellantes aos que as persoas deron ao responder as mesmas preguntas hai cinco anos.
No que ten que ver coa lingua habitual de escritura, o castelán segue a ser a lingua máis utilizada polas persoas que viven en Galicia, independentemente de cal sexa o idioma que empreguen na fala. A porcentaxe de poboación que habitualmente escribe en galego é tan só do 16,7%.
Tan só o 16,7% da poboación galega escribe habitualmente en galego
Así, de compararmos os datos segundo a lingua na que falan habitualmente, obsérvase que entre as persoas que sempre falan en galego, unicamente o 36,2% escribe habitualmente na mesma lingua fronte ao 63,8% que o fai en castelán.
Por outra banda, e en canto aos medios de comunicación, o 17,7% da poboación galega de 16 ou máis anos ve a televisión sempre en galego ou máis en galego que en castelán, aínda que hai un 26,6% que sempre a ve en castelán. Á hora de escoitar a radio, o 14,3% faino sempre en galego ou maioritariamente en galego.
Máis da metade da cidadanía só le libros en castelán e o 70% navega pola rede sempre nese idioma
Onde está moito menos estendido o galego é noutros medios de comunicación. O 59,1% dos e das residentes en Galicia sempre le a prensa en castelán, o 54% só le libros en castelán, o 69,5% navega pola rede sempre neste idioma e o 52% emprégao sempre nas redes sociais.