Os prexuízos impulsados contra o galego acentuaron o seu acelerado retroceso

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

A pasada semana, a poucas xornadas do Día das Letras Galegas, Alberto Núñez Feijóo presentouse no Parlamento como o salvador do galego. O presidente da Xunta contrapuxo o seu labor co deterioro que, ao seu ver, sufriu a lingua propia durante o goberno bipartito de hai máis de nove anos. O xefe do Executivo galego pasou por riba de estatísticas, estudos e evidencias que alertan do importante devalo que sofre o idioma desde hai décadas, acentuado pola política lingüística do Goberno do PP desde a súa volta ao poder, a implantación do polémico decreto do plurilingüismo na escola e os prexuízos difundidos nunha batalla política que usou o galego como ariete. 

Feijóo presume de salvador do galego en contra de todos os estudos e estatísticas que confirman o seu devalo, sobre todo nos últimos anos

Así o advertiu a Real Academia Galega (RAG) no seu último estudo sobre a situación da lingua, publicado no pasado mes de febreiro, e no que advirte da creba da transmisión interxeracional do idioma e dos "usos minguantes do galego pola xente máis nova". Nesta recente análise sobre a saúde do galego, a entidade sinala o polémico Decreto 79/2010 --que veu substituír o anterior que garantía un mínimo do 50% das materias no ensino obrigatorio en galego-- como un dos causantes do "retroceso" do idioma no ámbito educativo e tamén como posible influxo na diminución do seu uso entre os mozos a nivel xeral.

A RAG lembra que os procesos de substitución lingüística do galego polo castelán na xente máis nova, que se desaceleraran entre 2003 e 2008 (ver gráfico anterior), volveron reforzarse entre 2008 e 2013, polo que, segundo a Academia, "cómpre explorar" a relación desta tendencia coa aplicación do devandito decreto, "dado que estes datos van parellos á súa aplicación", o que "puido influír de forma substancial".

A RAG sinala o decreto do plurilingüismo por "crebar a tendencia de mellora da presenza do galego nas aulas e do seu uso formal e informal"

O decreto do plurilingüismo "crebou a tendencia de mellora da presenza do galego nas aulas e do seu uso formal e informal", sentencia a RAG, cuxo estudo mostra como a poboación co galego como lingua inicial caeu 20 puntos en só dúas décadas no país. A súa conclusión é clara: "Algo está fallando cando o noso ordenamento legal desde os inicios da autonomía prevé avanzar cara a unha situación de normalidade do galego e de igualdade co castelán e, pola contra, unha parte crecente dos e das galegas sente unha presión cada vez máis forte para abandonar o galego e adoptar o castelán".

 Un estudo do Consello da Cultura advirte de como callou o mito da imposición e das "actitudes belixerantes" co idioma entre a mocidade

Malia non ser o único problema, nin moito menos, os prexuízos creados polo discurso lingüístico da dereita no Estado, e sobre todo en Galicia, xoga un papel clave no afastamento que a mocidade amosa da lingua galega, en moitos casos sen complexo ningún. O mito da imposición callou entre os máis novos, tal e como certificou un completo informe do Consello da Cultura Galega (CCG), que advirte de  "actitudes belixerantes" minoritarias pero "moi negativas" e "sen parangón ao falar do castelán" e que comproba como parte da mocidade cre que o galego "non é acaído para aprender contidos técnico-científicos" logo de que a Xunta vetase a lingua propia para esas materias co decreto do plurilingüismo. 

 

"El gallego nos hace perder el tiempo"

Nunha reportaxe sobre a situación do galego no ensino elaborada pola Radio Galega, os prexuízos e os mitos inseridos entre os máis novos amósanse con toda a súa crueza. "Nuestra profesora nos transmite que tenemos que utilizar demasiado el gallego y acaba haciendo que no nos guste"; "me parece que nos hace como perder el tiempo, en asignaturas que podríamos tener unos conocimientos más importantes, las estudiamos en gallego y eso nos acaba haciendo olvidarlas". Así responden alumnos de 4º da ESO dun instituto de Vigo, pero non é nada difícil atopar este discurso nun centro escolar de case calquera vila ou cidade galega. 

Con todo, tal e como destaca ese informe sobre Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia, as aulas seguen a ser un oasis. A mocidade abandona o galego a medida que sae delas e se achega ao lecer. Unha enquisa realizada ao abeiro dese informe indica que o 60% do alumnado exprésase maioritariamente en castelán cos seus compañeiros nos centros de ensino e que a exposición do galego entre a xente nova é maior nas relacións familiares e de veciñanza e baixa sobre todo con parella e amizades. 

A conclusión dese completo informe do CCG é que a mocidade valora o galego pero é pesimista e mantén prexuízos sobre a normativa e o ensino. O Consello  da Cultura destaca que mesmo a xente nova monolingüe en galego do rural amosa "unha auto-representación que identifica a lingua como de persoas brutas" e que o mito da imposición callou moito: "Reivindícase a liberdade de usar o castelán nas materias en galego pero non ao revés". 

Ao tempo, o Consello da Cultura cre que "cómpre intervir sobre a transmisión familiar da lingua galega para deter/reverter o proceso de desgaleguización inicial". E respecto disto, ao igual que fixera o Consello de Europa en diferentes ocasións, insta a Xunta a "unha oferta de educación infantil en galego que garanta o ensino nesta lingua nos primeiros anos de escolarización, tal e como recolle a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias". RAG, oposición parlamentaria, entidades a prol da normalización e o mundo da cultura levan tamén anos reclamado un maior impulso para o idioma propio. Sen éxito. 

O 40% dos centros infantís das cidades non emprega para nada o galego e o 76% usa maioritariamente o castelán

O caso é que , segundo os últimos datos, o 40% dos centros infantís das cidades non emprega para nada o galego e o 76% usa maioritariamente o castelán. As cifras tíranse do último informe da Mesa pola Normalización Lingüística sobre a lingua galega en Educación Infantil de 3 a 6 anos. É un problema antigo pero empeorado a cada estudo. Así, apenas o 18% dos nenos e nenas aprende a falar en galego no país, segundo a última Enquisa estrutural a fogares do IGE que analizou o uso do idioma propio. 

Apenas o 18% dos nenos e nenas aprende a falar en galego en Galicia

Esta porcentaxe, con datos de 2013, supón un rápido descenso dende o 32,43% de 2003. É unha realidade semellante á que amosaba a pregunta sobre a lingua empregada por pais e nais cos seus fillos e fillas. Tan só o 18,5% lles falaba sempre en galego, algo máis da metade que unha década antes. Pola contra, o 38,6% dos pais e nais fálalles sempre en castelán e outro 21,6% usa máis o castelán que o galego.

A Revista Galega de Educación tirou destes mesmos datos para facer unha fonda análise sobre o retroceso do galego na infancia, resumida nestes once gráficos. Deles tíranse datos como que hai máis dun 22% rapaces e rapazas en Galicia que afirman non saber nada ou case nada falar galego.

Xa que logo, nesa enquisa do IGE reflíctese que o galego non deixa de perder terreo. Así, entre 2008 e 2013 descende a suma daqueles que declaran falar "en galego sempre" ou "máis galego que castelán" dende o 56,4% até o 50,9% e crece a porcentaxe de monolingües en castelán (pasa do 20,05% ao 25,95%). Porén, si que se observa un cambio de tendencia no que respecta ás persoas monolingües en galego, que aumentan levemente: do 29,96% ao 30,84%. Abrindo o foco e comparando os datos de 2013 cos de 2003, o descenso na porcentaxe daquelas persoas que falan sempre ou predominantemente en galego é constante, dende o 61,2% de hai dez anos ate o xa referido 50,9% actual.

O que é máis preocupante para a lingua galega é que esta tendencia negativa non semella que se vaia frear inmediatamente, á vista dos datos por idades do IGE. Cada xeración fala menos galego que a anterior: Tres de cada catro rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74,88%) son castelanfalantes, once puntos máis que hai cinco anos. Na franxa seguinte, a evolución é semellante: O 63,3% dos mozos e mozas galegas entre os 15 e os 29 anos son castelanfalantes.

A porcentaxe de persoas que falan sempre ou case sempre en galego baixou máis de dez puntos nunha década: do 61,2% ao 50,9%

Como advirte a RAG, hai unha "tendencia á bilingüización e monolingüización cara ao castelán" na sociedade galega desde os anos 90 e un "modelo de política lingüística de baixa intensidade". Os datos estatísticos non fan máis que afondar nesta precaria situación do idioma. E levan anos advertíndoo, sobre todo centrándose no devalo que se produce entre a mocidade e a diferenza que hai no seu uso segundo o ámbito

De abrirmos o foco, o caso é que o galego deixou de ser xa a lingua maioritaria da poboación. Estes son os datos que emanan do censo de poboación e vivendas do INE e que o IGE debullou en 2014, á espera dun novo informe para este ano. Xa que logo, no período comprendido entre 2001 e 2011, as persoas que din falar "sempre" galego caeron trece puntos e xa non son maioría.

Os últimos datos sobre idioma do INE, debullados polo IGE, indican que o galego xa non é a lingua maioritaria en Galicia

Na anterior vaga deste estudo o 57% da poboación do país tiña o galego como lingua de uso cotián. Mentres, o 30% sinalaba que o empregaba "ás veces" e o 13%, nunca. Unha década despois os falantes habituais de galego pasan de achegarse ao 60% a non acadar nin o 45%. Concretamente, quen usa "sempre" o idioma propio de Galicia é o 44% do total, mentres que é falado "ás veces" polo 45% da poboación e "nunca", polo 11%.

Por zonas, tal e como destacaba xa a enquisa do IGE, constátase que a castelanización é maior nas áreas urbanas de Vigo, A Coruña, Ferrol e Pontevedra, pero que avanza tamén en comarcas como O Morrazo ou Ourense e os seus concellos veciños, nas que a proporción de galegofalantes descende ao redor de dez puntos en cinco anos.

A castelanización é maior nas áreas urbanas de Vigo, A Coruña, Ferrol e Pontevedra e en tan só 8 concellos aumenta o uso do galego

Segundo os datos do INE, só en 8 dos 315 concellos do país -314, se se ten en conta a fusión de Oza dos Ríos e Cesuras- aumentou o uso cotián do galego a respecto da anterior edición do estudo, elaborada en 2001. De atendermos ás cidades, a cidade máis desgaleguizada en termos idiomáticos é Ferrol, non só por amosar a menor porcentaxe de falantes habituais de lingua galega, un 12% do total, senón tamén porque é o espazo urbano no que máis veciñanza di non falar "nunca" galego, un 23% que a sitúa moi por riba da media galega. Tamén están por riba desa media do 11% as cidades da Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo, mentres que quedan por baixo Ourense (11%) e Compostela (8%). Nas sete cidades o grupo de poboación máis numeroso é o que di falar galego "ás veces".

Malita todos estes datos, o Goberno de Feijóo segue a presumir da súa política lingüística e mesmo de impulsar a lusofonía en Galicia. O propio presidente da Xunta, ante os desalentadores datos do IGE, atribuía ás familias boa parte da responsabilidade da perda de galegofalantes. "Nunca tantos nenos coñeceron mellor o galego", argumentaba, para dicir a continuación que o problema é que "despois non o falan nos ámbitos familiar ou de lecer". 

Pero a lingua galega recibiu, sobre todo desde a chegada de Feijóo á Xunta, catro golpes que pouco ou nada teñen que ver coa familia: no ámbito político, no educativo, no administrativo e no económico. Respecto deste último apartado, a normalización lingüística é a área de xestión da Xunta que máis orzamento perdeu dende a chegada de Feijóo ao poder. Nos orzamentos de 2018, os fondos para normalización lingüística creceron un 11,7% (de 6,82 a 7,62 millóns de euros), pero a cifra total é pouco máis da terceira parte da que había en 2009 (21,5 millóns).

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.