O galego, cuestión de ámbitos

% de uso habitual do galego por ámbitos e prácticas Dominio Público Praza Pública

Os datos sobre o uso do galego, feitos públicos polo IGE o pasado venres, permiten observar diferenzas nas escollas lingüisticas: na casa ou fóra, cos compañeiros de traballo ou cos superiores, cos amigos ou á hora de ir ao médico ou ao banco. E tamén na escola.

 

Na casa

A lingua que os pais e nais empregan para falar cos seus fillos e fillas é moi distinta en función da idade dos proxenitores. Entre os menores de 50 anos o castelán xa é a lingua maioritaria de relación, usándose o galego só no 38,08% dos casos, fronte ao 44,76% de 2008 e ao 50,72% de 2003. Nos pais e nais maiores de 50 anos, a lingua maioritaria continúa sendo o galego.

No que respecta ás parellas, a lingua maioritaria segue sendo o galego, cun 51,1% do total, dez puntos menos que en 2003 (61,88%). Porén, hai moitas diferenzas por idade: por debaixo dos 50 anos, a lingua máis usada é o castelán, sendo o galego a lingua de uso nos menores de 30 anos no 36,35% dos casos e entre os 30 e os 39 no 36,08%. Os datos da lingua empregada para falar cos amigos e amigas son moi semellantes. O 50,7% usa o galego, descendendo cun ritmo semellante dende o 2003 (61,43%). Porén, por idades o castelán domina entre os menores de 15 anos (76,69%) dos 15 aos 29 anos (64,05%) e dos 30 aos 49 anos (56,98%).

 

Na escola

A escola é xunto coa familia o máis importante espazo de aprendizaxe e socialización lingüística. Os datos do IGE amosan que se en 2008 o 14,3% dos e das estudantes afirmaban recibir "todas as clases" en galego, en 2013 esa porcentaxe caeu ata o 2,15%, moi lonxe tamén dos datos de 2003 (8,32%). Tamén descende, iso si, a porcentaxe de persoas que afirmaron recibir todas as aulas en castelán (do 6,34% ao 3,08%). A categoría que máis crece é a daqueles que recibiron "maioritariamente" a súa formación en castelán, que pasaron do 32,78% en 2008 ao 51,08% en 2013

Cambia notablemente a lingua na que os e as estudantes responden os exames. Para os e as menores de 17 anos (no ensino primario e secundario) a lingua máis empregada é o castelán (52,6%), algo moi distinto do que sucedía hai cinco anos, cando o 64,67% dos exames eran respondidos en galego. Porén, cómpre sinalar que que en 2003 a proporción de uso do galego era aínda máis baixa que agora (42,34%). Pola súa banda, as persoas que teñen máis de 17 anos responden os seus exames, maioritariamente, en castelán, na universidade, formación profesional superior e bacharelato, e nunha proporción moi elevada (67%). Nestes casos o uso de galego (33%) mantense estable con respecto a 2008 (34,8%) e crece con respecto a 2003 (20,31%).

A relación dos alumnos e alumnas de primaria e secundaria cos seus mestres ten lugar en castelán (62,47%), que crece doce puntos en cinco anos (dende o 50,69%). No ensino superior a presenza do castelán é aínda máis importante (69,09%), crecendo dende o 2008 (65,54%). Na relación cos compañeiros e compañeiras de clase o castelán é hexemónico, tanto entre os menores de 16 anos (72,31%) coma nos maiores de 17 (73,04%), mantendo unha tendencia crecente na última década.

 

No traballo

As relacións laborais son diversas. Ao longo do día podemos tratar con compañeiros e compañeiras, con xefes e xefas e con subordinados e subordinadas. Tamén con clientes. En cada unha destas situacións temos que facer unha escolla lingüística, que pode ser diferente. O que é común a todas, segundo os datos do IGE, é que o uso do galego é cada vez menor. 

A lingua habitual para falar cos compañeiros e compañeiras de traballo xa non é o galego, lingua que si empregan maioritariamente o 48,47% dos habitantes, unha caída de once puntos con respecto a 2003 (59,99%) e de catro puntos con respecto a 2008 (52,58%). Pontevedra (38,57%) e A Coruña (46,78%) están por debaixo da media, fronte ao dato de Ourense (59,73%) e Lugo (71,37%). Cando a conversa se produce cun subordinado ou persoa ao cargo, a porcentaxe xeral de uso de galego cae até o 43,91% (55,39 en 2003). E se a persoa se dirixe a un superior ou superiora, a porcentaxe cae aínda máis, até o 39,68% (48,99% en 2003).

O mesmo pasa cos clientes e clientas. A lingua usada para falar neste caso é o galego unicamente no 45,49% dos casos (57,32% hai dez anos). Atopamos grandes diferenzas entre as provincias atlánticas: 32,83% en Pontevedra e 43,57% na Coruña, e as orientais: 71,15% en Lugo e 68,94% en Ourense.

 

Medicina

As visitas ao centro do saúde ou ao hospital sempre foron un dos espaos sociais máis castelanizados en Galicia e ao igual que outros ámbitos cada vez o é máis. Tan só o 44,26 por cento dos e das cidadás lle fala en galego ao seu ou súa médico, cinco puntos menos que en 2008 (49,24%) e nove puntos menos que hai dez anos (53,87%). Entre os menores de 30 anos a proporción descende até o 32,36% e entre os 30 e os 49 anos é do 34,9%. Nos concellos de menos de 10.000 habitantes o galego aínda se usa de forma maioritaria para tratar estes temas de saúde (61,72%), o contrario que nas cidades, onde a porcentaxe cae ao 19,85%, e as vilas de máis de 20.000 habitantes, onde se sitúa no 36,88%. 

 

Comercio

O galego tamén se emprega cada vez menos á hora de relacionarse cos e coas comerciantes. O 47,07% fala en galego neste ámbito de forma maioritaria, fronte a un 52,93% que usa o castelán. En relación co 2008 o uso do galego no comercio descende cinco puntos (52,28%), e o descenso é de dez puntos con respecto a 2003 (57,2%). Ao igual que noutros ámbitos, o uso do galego é menor en Pontevedra (37,05%) e crece na Coruña (45,89%), Ourense (50,41%) e Lugo (66,12%). A tendencia por idades é semellante á que se rexistra nos demais espazos sociais: O uso do galego nos menores de 30 anos é do 30,38% e de 30 a 49 anos a proporción é do 39,72%.

 

Banca

A situación é semellante na banca. O 46,32% emprega o galego cando vai ao banco, fronte ao 50,28% que o facía hai cinco anos e ao 56,73% que o facía en 2003. Nas localidaes de menos de 10.000 habitantes a proporción é aínda moi elevada (74,74%), pero nas cidades (20,39%) e grandes vilas (38,86%) a situación é moi distinta.

 

Administración

O galego xa non é maioritario á hora de tratar coa administración, pero só por unhas décimas (49,61%). Tamén aquí se reproduce a mesma tendencia negativa, cun descenso de dez puntos en dez anos, con respecto ao dato de 2003 (59,49%). 

% de uso habitual do galego por ámbitos e prácticas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.