0 Gardados para despois

Día da lingua materna: Apenas o 18% dos nenos e nenas aprende a falar en galego

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este martes 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Materna, en recoñecemento do Día do Movemento pola Lingua, que se conmemora en Bangladesh desde 1952, cando varios estudantes morreron a mans da policía paquistaní durante as protestas en defensa do idioma bengalí. Neste 2017 a data está dedicada á educación plurilingüe. A declaración deste ano da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, incide en que "as linguas reflicten o que somos e estruturan os nosos pensamentos e identidades" e sinala que "non pode haber un diálogo xenuíno, nin unha cooperación internacional eficaz sen o respecto á diversidade lingüística, que abre paso á comprensión verdadeira de cada cultura". A declaración conclúe que "canto máis saibamos valorizar as linguas, máis ferramentas teremos para construír un futuro digno para todos".

A lingua materna (tamén chamada lingua de instalación, lingua natural ou lingua nativa) é o primeiro idioma que aprende unha persoa. Ata hai unhas poucas décadas, independentemente do idioma empregado no ensino ou dos hábitos lingüísticos posteriores, a lingua de berce, o idioma en que a inmensa maioría de nenos e nenas aprendían a falar era o galego. Isto comezou en tempos recentes, como amosan as cada vez máis preocupantes estatísticas. 

En 2013, segundo a Enquisa estrutural a fogares do IGE, tan só o 18,35% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos aprenderan a falar só en galego, cun rápido descenso dende o 32,43% de 2003. O 45,49% comezara a falar en castelán e un 31,46% nos dous idiomas por igual.

Unha realidade semellante á que amosaba a pregunta sobre a lingua empregada por pais e nais cos seus fillos e fillas. Tan só o 18,52% lles falaba sempre en galego, algo máis da metade que unha década antes. Pola contra, o 38,57% dos pais e nais fálalles sempre en castelán e outro 21,57% usa máis o castelán que o galego.

A pesar que nas últimas décadas son clara maioría os nenos e nenas que aprenden a falar en castelán, o galego segue a ser a lingua inicial para a maior parte da poboación (un 40,86%), fronte a un 30,88% que ten o castelán como lingua materna e un 25,26% que afirma ter sido educado nas dúas. En calquera caso, a realidade é moi distinta en función do hábitat urbano, vilego ou rural. Mentres nos concellos de menos de 10.000 habitantes, as persoas que aprenderon a falar en galego son clara maioría (62,68%), nas cidades esta porcentaxe descende ata o 23,94%

Neste outro gráfico vemos tamén as grandes diferenzas por áreas xeográficas, entre as comarcas urbanas e o resto do país.

Este mapa, finalmente, recolle os datos de uso do galego, concello por concello, presentes no último censo, correspondente a 2011. Unha boa parte das localidades que conforman Ferrolterra, as áreas metropolitanas da Coruña e Vigo ou a comarca de Pontevedra presentan cifras de galegofalantes inferiores ao 20 e ao 30 por cento. Outras áreas urbanas, de Santiago a Lugo e Ourense, móvense algo por riba do 40 por cento, Mentres, no resto do país a proporción de persoas que din falar sempre en galego é moi superior. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

As "10 razóns para falarlle galego" de Apego

No Día Internacional da Lingua Materna, Apego lembra as 10 razóns para falarlle galego aos fillos e fillas dende o principio, destacando os beneficios persoais e colectivos que isto ten para nenos, nenas, familias e para o propio país e subliñando que "a transmisión de nais e pais a fillos e fillas é chave para o futuro de calquera lingua". Apego é un proxecto dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carnota, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vimianzo e mais da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Estas son algunhas desas 10 razóns.

  • Somos galegos e galegas (...) A nosa maneira de ser vén definida por todo isto e todo isto ten nome propio porque o galego é a nosa lingua; a lingua propia de Galicia (...) Recibímola en herdo e en herdo correspóndenos deixala
  • A chegada dun novo membro á familia é un momento de cambios; pode ser un bo momento para tentalo co galego
  • Se ti falas, eles e elas falan. Vas ser un modelo a seguir para o teu fillo ou para a túa filla.
  • Igual que acontece coas plantas, os tipos de comidas, a música e as paisaxes, a existencia de moitas linguas fai o mundo máis diverso, máis interesante.
  • Se medran co galego no futuro poderán decidir se seguen ou non fieis á nosa lingua; non terán que preguntarse por que non falan na lingua propia da terra á que pertencen
  • O galego non só axuda a aprender novas linguas; o desenvolvemento da área lingüística axuda tamén ao desenvolvemento do pensamento matemático, por exemplo.
  • Todos os nenos e nenas que falan galego saben tamén castelán; o caso inverso non sempre se dá. Todos os nenos e nenas galegofalantes son bilingües. Os/as que só falan castelán, non.
  • Para os galegos e galegas, o mantemento da nosa lingua contribúe a unha vida mellor.