0 Gardados para despois

Feijóo preséntase como o salvador do galego e o impulsor do achegamento á lusofonía

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentouse este mércores no Parlamento de Galicia como o salvador do idioma galego fronte ao deterioro que ao seu ver se produciu durante o bipartito de PSdeG e BNG que gobernou Galicia entre 2005 e 2009, hai máis de nove anos. Feijóo tamén gabou o seu traballo para aproximar Galicia á lusofonía.

“Teñen na TVG debuxos animados do século XX para nenos e nenas do século XXI”, critícalle Ana Pontón

Foi a portavoz do BNG, Ana Pontón, a que, na última sesión de control ao Goberno galego antes do Día das Letras Galegas, pediu explicacións a Feijóo polo deterioro que está a sufrir o uso da lingua propia, segundo reflicten os estudos ao respecto da Real Academia Galega (RAG). Pontón salientou a caída do seu uso entre os máis novos e atribuíu a responsabilidade á Xunta polas súas políticas educativas que restrinxen o seu uso na escola e polo abandono por parte do Goberno galego de iniciativas que no pasado axudaron á normalización. “Seguen a ter na TVG os mesmos debuxos animados que tiña eu de nena, debuxos do século XX para nenos e nenas do século XXI”, exemplificou Pontón.

A resposta de Feijóo foi a de volver a tirar dos datos de coñecemento do galego, non de uso, que reflicten tamén os mesmos informes da RAG, para presentar a situación da lingua como mellor que hai unha década. O único problema que admitiu o presidente foi que “o seu uso entre os máis novos nas zonas urbanas non está acompasado co seu nivel de coñecemento, e aí está o problema”, pero sen indicar que está a facer o seu Goberno para reverter esa situación.

Feijóo ampárase nos datos de coñecemento do galego, non de uso, para presentar a situación da lingua como mellor que hai unha década

Pontón lembrou a Feijóo que en 2009 “chegou á Xunta a cabalo desa gran mentira da imposición e leva durante todo o seu mandato facéndolle un escrache á nosa lingua”. A resposta do presidente foi que “os rapaces son libres, quedaron fartos da política lingüística do BNG”, e reiterou a legalidade do seu contestado decreto de uso das linguas no ensino.

Este mércores Feijóo mesmo se presentou como o responsable do maior achegamento de Galicia á lusofonía. “É a primeira vez que a República portuguesa condecora este Goberno por facer unha política de proximidade e de respecto cara ao mundo lusófono”, dixo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O presidente culpa a PSOE e Marea Atlántica da lentitude de proxectos do Estado na Coruña e Lugo

Había tempo que o presidente Feijóo non citaba a Venezuela para desviar a atención doutros temas de actualidade ou cargar directamente contra En Marea, do mesmo xeito que no anterior mandato o facía contra AGE. Volveuno facer na sesión de control deste mércores malia que non se lle preguntou por nada que lle puidese dar pé. Foi a conto dunha pregunta de En Marea sobre os terreos portuarios da Coruña cando o presidente aproveitou, sen vir a conto, para criticar que ese grupo rexistrase no Parlamento varias preguntas dirixidas á Xunta sobre a situación de Abanca tras a intervención por parte do Goberno de Venezuela de Banesco, propiedade do mesmo grupo financeiro. Unha intervención que Feijóo atribuíu a “un goberno amigo das mareas de Podemos” no marco dunha sesión de control ao Goberno galego que o presidente volveu converter, como adoita, en sesión de control á oposición.

O presidente evita comprometer unha data para a mellora do trazado do tren Ourense-Lugo

Así o fixo cando o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, lle pediu explicacións pola lentitude do reequilibrio territorial das provincias de Lugo e Ourense. Feijóo, que evitou comprometer unha data para as melloras anunciadas este luns por Fomento para a liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, culpou o PSOE da lentitude da autovía entre esas dúas cidades. “Vostedes estaban a aumentar o déficit público, recibiron a chamada da señora Merkel e modificaron a constitución”, díxolle ao PSdeG, obviando o apoio do PP a esa modificación.

Feijóo volve recuperar Venezuela como elemento de crítica contra En Marea

Do mesmo xeito, despois de que o portavoz de En Marea, Luís Villares, lle pedise explicacións polo acordo entre Xunta e Fomento que permite a privatización de parte dos peiraos do centro da Coruña, o presidente xustificouno na necesidade de financiar  o Porto Exterior. “Vostede está en contra do ferrocarril a o Porto Exterior”, criticou Feijóo a Villares, facéndoo extensible a Marea Atlántica, á que acusou de poñer impedimentos aos novos proxectos para a cidade fronte ao que presentou como actuación súa directa, tras a catástrofe do Prestige, para lograr eses novos peiraos.