Fomento tira de autobús para presentar a futura mellora do tren a Lugo tras descartar que teña AVE

O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, co presidente Feijóo viaxando en tren entre Sarria e Lugo Dominio Público @FeijooGalicia

Lugo non vai ter AVE, malia que o 10 de xaneiro de 2009 Alberto Núñez Feijóo, daquela candidato á presidencia da Xunta, prometese que el construiría a conexión desa cidade e de parte da provincia con Ourense e o resto da rede e pasaría despois a factura ao Ministerio de Fomento se este non o facía. Este luns, a un ano das eleccións municipais, o agora ministro, Íñigo de la Serna, presentou os seus plans de futuro para a liña, que pasan por mellorar o trazado de 30 dos 117 quilómetros da vía actual cun investimento duns mil millóns para o que non hai prazo. Antes, outras melloras por 238 millóns permitirán reducir para 2021 a viaxe entre Ourense e Lugo a unha hora. Para  facer estes anuncios Fomento organizou unha curta viaxe en tren ata Lugo coa que amosar un treito recentemente mellorado, excursión para a que tivo que recorrer a autobuses para chegar ao seu punto de partida, evidenciando así o deficiente servizo ferroviario da provincia.

Unha década despois de que Feijóo prometese construír el unha nova liña se non o facía o ministerio, este anuncia sen prazo mil millóns para mellorar o trazado de 30 dos 117 quilómetros desde Ourense

Ao tempo que anunciaba os seus plans de futuro para a liña entre Ourense e Lugo, Fomento quería amosar a autoridades e xornalistas a recentemente posta en servizo variante da Pobra de San Xiao, un treito de novo trazado de 7 quilómetros que tardou 11 anos en rematar para evitar varias curvas e pasos a nivel da vella liña. Pero ningún dos escasos trens diarios que circulan en sentido Ourense-Lugo o fai no horario matinal que conviña ao ministerio.

Así que para chegar en tren a Lugo na mañá deste luns tras circular pola variante da Pobra de San Xiao a Fomento non lle quedou máis remedio que fretar un tren especial, un Alvia de longo percorrido, ao que subiu os seus invitados en Sarria, a só 40 quilómetros da cidade. Pero para iso tivo que desprazar ata alí a eses invitados en autobús, mesmo medio de transporte que logo volveu empregar en Lugo para volvelos mover da estación de tren ata a sede da Subdelegación do Goberno na que o ministro realizou os seus anuncios, a un quilómetro de distancia.

O que alí dixo foi que o seu plan de futuro para a liña Ourense-Lugo, descartado o AVE, pasa por outras dúas melloras similares á realizada nesa variante da Pobra de San Xiao. Isto é, construír outras dúas variantes, de 12 quilómetros nos Peares e de 18 en Rubián, que eviten os treitos máis lentos da liña actual. Pero Adif, a empresa pública que xestiona a rede ferroviaria, aínda está a realizar os estudos previos para esas actuacións, polo que non teñen prazo, mentres que o seu custo oscilaría, segundo a opción que se elixa, entre os 800 e os 1.200 millóns.

Á espera dos treitos de novo trazado, sen prazo, Adif está a redactar os proxectos para outras melloras do trazado actual, como a electrificación entre Lugo e Monforte e a supresión de pasos a nivel

Antes, a mesma Adif xa está a redactar os proxectos para outras melloras do trazado actual, como a electrificación do treito que falta por estalo entre Lugo e Monforte e a supresión de pasos a nivel. Son actuacións todas elas que, ante a constatación de que o AVE non se faría, xa viñan sendo propostas como mal menor pola Deputación e o Concello de Lugo así como por outras vilas intermedias co apoio do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal. Segundo indicou este luns Fomento, esas outras actuacións de mellora a curto prazo suporán un investimento de 283 millóns.

O obxectivo fixado por Fomento, á espera da futura execución das dúas novas variantes, é que as melloras que se realicen a curto prazo permitan que en 2021 Lugo poida estar conectada con Ourense en algo menos dunha hora e con Madrid en algo menos de catro horas. Será un ano máis tarde que a gran rebaixa de tempos que chegará ao resto de Galicia cando entre en servizo en 2020 o groso da liña agora pendente entre Zamora e Ourense. Porén, para aquela aínda estará sen rematarse o aínda hoxe non iniciado último treito duns 14 quilómetros entre Taboadela e Ourense que suporá o remate auténtico do AVE a Galicia e que non chegará ata mediados da próxima década.

É con esa perspectiva de mellora da conexión con Lugo coa que agora o presidente Feijóo xa non fala de que esa cidade terá AVE, malia a súa promesa de hai unha década, senón de “estender” ata Lugo as vantaxes que terá o AVE a Madrid que pase por Ourense.

Variantes de trazado prometidas por Adif pero que aínda están en estudo Dominio Público Ministerio de Fomento

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.