0 Gardados para despois

O único treito de AVE que terá Lugo, de 7 quilómetros, entra en servizo 11 anos despois de iniciarse as obras

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


En novembro de 2006 o Ministerio de Fomento adxudicou a construción da denominada variante da Pobra de San Xiao, en Láncara, un treito de 7,2 quilómetros na liña ferroviaria entre Ourense e Lugo co que evitar varias curvas e 14 pasos a nivel que ralentizaban notablemente a circulación. As obras iniciáronse a comezos de 2007 e tiñan un prazo de execución de 40 meses, polo que debían estar rematadas a mediados de 2010. Porén, o treito vén de abrirse ao tráfico este luns, 11 anos despois de empezar os traballos e con oito de atraso sobre o remate previsto.

Deseñada para 220 quilómetros por hora, a variante da Pobra de San Xiao abre ao tráfico limitada a 160

Segundo Adif, a empresa pública que xestiona a rede ferroviaria, a variante da Pobra de San Xiao, á que denomina tamén “variante de La Puebla de San Julián”, “forma parte do trazado proxectado para levar os servizos de alta velocidade ferroviaria ata a cidade de Lugo”. Pero a realidade é que a variante foi deseñada para unha velocidade máxima de 220 quilómetros por hora e agora entra en servizo limitada a 160 quilómetros por hora mentres non se realizan máis melloras no resto da liña. Ademais, Fomento xa non contempla entre os seus plans conectar Lugo cunha liña de alta velocidade, senón que esa variante é froito dos plans de mellora das liñas convencionais do tren galego impulsados hai case dúas décadas e que, co paso dos anos, pasou a ser publicitada como un primeiro treito do AVE a Lugo. Foi ao tempo que o presidente Feijóo deixaba de lado a promesa electoral que lanzou en 2009 de que a Xunta construiría o tren de alta velocidade a Lugo e logo pasaría a factura a Fomento.

Durante esta década de lenta construción da nova variante, Adif anunciou en varias ocasións a súa inminente apertura nunca concretada, mesmo en documentación oficial remitida á Comisión Nacional da Competencia, que apercibiu á empresa pública polos seus incumprimentos. Na nota de prensa coa que Adif anunciou á fin a súa apertura sinálase que “o novo percorrido posibilita o aumento da velocidade máxima de circulación de trens no treito, que pasará de 80-95 quilómetros por hora a 160, coa conseguinte redución dos tempos de viaxe”. Porén, esa redución aínda non foi trasladada por Renfe aos seus horarios comerciais. Adif tamén sinala que a variante foi construída para dúas vías pero que nesta primeira fase de melloras da liña Ourense-Lugo só se instalou unha, como no resto do percorrido.

Adif vén de encargar os estudos para suprimir 36 pasos a nivel entre Ourense e Lugo pero non hai data para a construción de novas variantes da obsoleta liña actual

Con Lugo fóra dos plans para a alta velocidade, a variante da Pobra de San Xiao serve de modelo para unha posible mellora a medio prazo da liña ata Ourense, a onde si chegará o AVE desde a Meseta durante a próxima década. Adif traballa coa idea de construír outras dúas variantes similares entre Ourense e Lugo en treitos onde a liña actual obriga aos trens a circular moi lentos e de electrificar o treito entre Monforte e Lugo. Mentres deseña esas melloras, a empresa pública vén de encargar os estudos para suprimir 36 pasos a nivel no resto da liña, nos treitos onde non se construirá un novo trazado. Porén, Fomento non ofrece datas para o remate de ningunha desas actuacións de mellora da obsoleta liña actual, na que as incidencias técnicas son recorrentes.

Mellora do tren a Lugo

CC BY-SA Praza Pública (Fonte: Adif e Eixo Atlántico)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.