Queremos Galego reivindicará o 17M o esforzo do "pobo" por normalizar a lingua fronte ao desleixo da Xunta

Queremos Galego presenta a mobilización do 17 de maio © Queremos Galego

"En galego día a día". Ese é o lema que a plataforma Queremos Galego escolleu este ano para a manifestación do 17 de maio en Compostela. A plataforma cidadá pretende reivindicar o "apoio social crecente á lingua galega" que "contrasta", segundo denuncia, coa actitude da Xunta, que en palabras do colectivo "mantén un 155 lingüístico de facto" no país. 

Queremos Galego reivindica o "apoio social crecente" á lingua galega fronte á actitude da Xunta e o seu "155 lingüístico"

A plataforma cidadá, da que forman parte máis de 500 colectivos sociais, presentou este luns unha mobilización que sairá ese xoves 17 ás 12 horas da Alameda compostelá e percorrerá as rúas da cidade para reivindicar "o día a día das persoas que fan a lingua viva" pero para denunciar tamén que son a estas persoas "ás que se lles exixe un esforzo que non terían que facer se quixesen utilizar unha lingua plenamente normal".

"Este día a día é o que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática", advirte o voceiro de Queremos Galego Marcos Maceira, que asegura que “en Galiza é o propio Goberno galego, co presidente Feixó á cabeza, quen actúa como un vulgar delegado do Goberno español, renegando das funcións que lle dá o Estatuto de Autonomía e da alta representación de Galiza que debería exercer”. Como consecuencia, dixo, “o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e carece de apoio do seu propio goberno”.

"Este día a día é o que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática"

Para Maceira, "o 155 de Feixó anula as competencias e a capacidade da Xunta de actuar e lexislar a favor do galego". Referiuse a todos os artigos a prol da lingua propia no Estatuto, a Lei de Normalización Lingüística ou a acordos parlamentarios unánimes como o Plan Xeral de Normalización Lingüística que non se cumpren nin se impulsan."En Galiza nin se aplica nin se aproba ningunha lexislación a favor do galego mais si se aplican as máis de 500 disposicións legais que obrigan ao uso do español en diferentes ámbitos”, lembra. 

“Existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos”, engadiu Maceira respecto dunhas asociacións que estarán representadas no acto final da manifestación do Día das Letras. 

A plataforma cidadá lembra que "é o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario", fronte ao desleixo da Xunta

“É o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas da Xunta e coa mobilización diaria consegue avances. Grazas ao activismo social o galego conseguiu pequenas vitorias que dan mostra forza do pobo galego, mais tamén de todo o que falta por avanzar”, insistiu Maceira, que citou como exemplos deses avances impulsados pola sociedade o feito de que as compañías de seguros comecen a cumprir a lei e ofertar pólizas en galego, que compañías de telefonía móbil rectificasen respecto da desaparición das opcións en galego, ou que transnacionais modificasen regulamentos internos que impedían o uso do galego. “Canto mellor estaría o galego se a administración actuase minimamente?”, preguntouse.

Ante esta situación, denuncia Maceira, a "única" resposta da Xunta "é a propaganda, como o anuncio dun novo plan, desta vez para a mocidade". Así, instou a Secretaría Xeral de Política Lingüísitica e ao presidente "a comezar por eliminar as prohibicións de uso do galego e a consideración como lingua extranxeira no ensino".

Segundo anunciou Queremos Galego, ao longo dos próximos días e até a data da convocatoria desenvolveranse diversos actos nas comarcas galegas para informaren da convocatoria. Na web queremosgalego.gal indicaranse os horarios e prezos dos buses que se porán a disposición de todas as persoas que desexen acudir a Compostela a "impulsar a plena normalización da lingua galega".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.