0 Gardados para despois

O Consello de Europa volve pedir á Xunta que impulse máis o galego no ensino

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

O Consello de Europa volve reprender a Xunta pola súa política lingüística. Como xa fixera en anteriores informes, o Comité de Expertos da institución para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias censura as actuacións do Goberno galego, sobre todo no que ten que ver co ensino, no seu cuarto informe sobre o cumprimento da Carta no Estado español e insta as autoridades españolas e galegas a cumpriren os acordos que o Executivo central ratificou coa sinatura deste tratado internacional en 2001. 

O Consello de Europa amosa a súa preocupación pola "redución gradual" do galego no ensino medio

"A lingua galega está amplamente presente na vida pública, incluída a das administracións rexionais e locais. No ámbito educativo, o Comité de Expertos está preocupado pola redución gradual da presenza do galego no ensino medio. Coa introdución do modelo trilingüe, a proporción do galego viuse reducida no ensino primario e secundario", di o Consello de Europa nas súas conclusións sobre un informe que insiste nos reproches que xa amosara no ditame de 2012 e cuxas críticas foran en moitos casos desdeñadas pola Xunta

O Consello de Europa insiste en que Galicia non cumpre cos acordos da Carta Europea das Linguas nin no ensino infantil, nin no primario nin en secundaria e repara nas limitacións que ao fomento e normalización do galego supón o Decreto 79/2010 -coñecido como decreto do plurilingüismo-, que con fonda polémica substituíra ao decreto do goberno do bipartito coa chegada de Feijóo á Xunta. 

O Comité de Expertos destaca que o devandito decreto "limita o ensino en galego a un máximo do 50% co propósito final de reducilo a un terzo" e advirte de que isto "entra claramente en contradición cos compromisos escollidos polas autoridades de acordo coa Carta que esixe a educación predominantemente en galego". Por iso, o Consello de Europa insta "encarecidamente" a Xunta que impulse o galego na educación e lembra que os compromisos adquiridos no tratado internacional continúan sen se cumprir "nin en preescolar, nin en primaria, nin en secundaria". 

O Comité de Expertos insta "encarecidamente" a Xunta a impulsar o galego no ensino e lémbralle que segue a incumprir a Carta Europea 

As conclusións chegan logo de que este Comité de Expertos avaliase con numerosas entrevistas a autoridades e colectivos a situación do galego. E son así de duras coa política lingüística malia as discutibles cifras que a Xunta achegou ao Consello de Europa, que destaca que a Administración galega sitúa no 43,3% as clases en galego na rede Galiña Azul fronte ao 56,5% en castelán, ou un 46,6% de aulas en lingua propia fronte ao 53,4% en lingua castelá na etapa de 3 a 6 anos. 

O informe achega tamén datos de Inspección en Galicia polos que, no curso 2012-13, unha media do 51% das horas impartidas en primaria terían sido en galego, fronte ao 47,5% en castelán e o 1,6% en lingua estranxeira. Pero ademais, o Consello de Europa ten en conta tamén os datos achegados por diversas organizacións a prol da lingua ou do ámbito educativo no que se destaca a escasísima presenza do galego en preescolar, especialmente nas cidades, o veto á lingua propia nas materias científicas ou a introdución dun trilingüismo que acaba por "minguar o número de horas impartidas en galego".

Así, reclama nas súas conclusións "continuar asegurando que a oferta de educación trilingüe non afecta de forma negativa a protección das linguas rexionais ou minoritarias". 

 

Eivas na xustiza e na sanidade

Noutros ámbitos, o informe é tamén especialmente duro. O Comité de Expertos insta os gobernos do Estado e galego a modificaren a lexislación para dar efectivo cumprimento ao uso do galego na xustiza pero tamén na administración. Así, considera que "aínda é inadecuada a proporción de documentos administrativos dispoñíbeis para a poboación en galego ou en formato bilingüe", polo que os compromisos adquiridos coa sinatura da Carta Europea das Linguas permanecen tan só parcialmente cumpridos. 

O informe urxe o Estado e a Xunta a facer as modificacións legais que permitan o uso efectivo do galego na xustiza e na administración

En canto á xustiza, o Consello de Europa solicita que se modifiquen as normativas legais para garantir que as autoridades xudiciais poidan dirixirsen en galego a aquel particular que o reclame, que se "tomen as medidas necesarias para aumentar a proporción de persoal da xustiza que sexan quen de empregar o galego nos tribunais" e que se "desenvolvan cursos axeitados tanto para o persoal xudicial como para os avogados". 

No ámbito sanitario, o informe tamén sinala eivas e urxe as autoridades a asegurar a posibilidade dos galegofalantes de ser atendidos na súa propia lingua. Un reproche máis que advirte do incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. 

Este tratado europeo fora asinado en 2001 polo Estado español. As Cortes Xerais deron o seu visto e prace á participación no acordo e, xa en 2002, o daquela ministro de Exteriores, Josep Piqué (PP), rubricaba o correspondente instrumento de ratificación, isto é, o documento no que o Goberno de España especificaba o grao de cumprimento da Carta ao que se comprometía. Elixiu, na maior parte dos artigos, a maior protección posible para o galego, o catalán e o éuscaro. E implica, entre outras moitas cousas, garantir a posibilidade de recibir o ensino preescolar, primario e secundario na lingua propia ou que os procedementos xudiciais se poderían desenvolver con normalidade en idiomas oficiais distintos do castelán.

O Goberno español asinou a Carta optando pola maior protección posible para o galego na maioría dos artigos

Ante este negativo informe para a política lingüística do Goberno galego, A Mesa pola Normalización Lingüística cre que “demostra máis unha o nivel de agresividade contra o galego que se acadou na etapa actual da Xunta”. "O galego precisa feitos e accións concretas e non só declaracións de intencións”, o seu presidente, Marcos Maceira, que considera que a Administración leva a cabo un "ataque continuado ao galego, nomeadamente no ensino, aínda que non só”. "O presidente Feijóo debe mudar radicalmente o rumo se non quere provocar un dano irreparábel ao noso idioma, di. "Non llo dicimos só desde a Mesa, a sociedade lévallo dicindo ano tras ano e agora, outra vez, dinllo desde o Consello de Europa", remata. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta lembra que o galego "segue a ser maioritario" en Galicia

A Xunta reaccionou ao informe do Consello de Europa crítica coa súa política lingüística lembrando que "o galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia, cun dos máis altos graos de coñecemento entre todas as linguas minoritarias de Europa" e destaca que a situación tras o anterior informe "mellorou considerablemente". 

A Xunta recoñece "certas carencias na Xustiza ou asistencia sanitaria" e destaca o incremento dos medios privados en galego

A Administración galego recoñece que o ditame "sinala certas carencias no uso das cooficiais na Xustiza ou a asistencia sanitaria", pero repara tamén no feito de que se desataque "o incremento do número de medios de comunicación audiovisual privados que emiten parte da súa programación na lingua propia". Ademais, reparata tamén que entre as recomendacións principais se pida “continuar asegurando que a oferta de educación trilingüe non afecta negativamente á protección e promoción das linguas minoritarias”.

A Xunta asegura que a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística xa manifestou a súa "vontade de seguir as recomendacións do Consello de Europa" e indicou que, nalgúns puntos, xa están en marcha medidas de mellora de recente aplicación. Así, por exemplo, para o ámbito da Xustiza, advirte que a partir do 1 de xaneiro implantouse o “expediente electrónico” que facilita o emprego da lingua galega en igualdade de condicións ca o castelán e lembra que recentemente se presentou no Parlamento de Galicia un Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Socioeconómico.

A Xunta repite as estatísticas do IGE sobre o uso do galego destacando os poucos datos positivos e lembra a estreita colaboración cao Generalitat de Catalunya e o Goberno de Euskadi "en materia de política lingüística no ámbito europeo, amais de participar conxuntamente en proxectos comúns que inciden na promoción do uso do galego, o catalán e o éuscaro", como son a Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD) ou o Protocolo de colaboración asinado en 2007 co fin de deseñar e promover iniciativas comúns na aplicación da CELRM.