0 Gardados para despois

A mocidade valora o galego pero é pesimista e mantén prexuízos sobre normativa e ensino

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

A mocidade galega valora positivamente a lingua galega pero mantén prexuízos respecto da normativa estándar e amósase pesimista respecto do seu futuro malia recoñecer que son eles, os máis novos, os que teñen a clave para impulsala. Deste breve xeito poderíase resumir unha das conclusións do informe Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia, elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e aprobado polo seu plenario o pasado 6 de abril. 

A mocidade, mesmo a castelánfalante, non despreza o galego pero é pesimista sobre o seu futuro e segue amosando prexuízos

O informe foi elaborado a partir de entrevistas a mozos e mozas de  15 a 25 anos entre decembro de 2015 e febreiro de 2016, optando por un cuestionario -en colaboración co Seminario de Sociolingüística da Academia- para a parte cuantitativa, mentres que para a parte cualitativa establecéronse tres grupos presenciais de discusión, diferenciados entre si polo tipo de hábitat (Frades, Viveiro, Vigo).

A conclusión á que chega o CCG é que "a vía máis eficaz" para incrementar o uso da lingua galega entre a mocidade é a creación dun espazo de “solidariedade co galego”, movidos pola "afectividade e a emotividade” e por riba das vías máis institucionais coma o ensino e os medios de comunicación. Do informe tírase tamén  un "patrón maioritario" de valoración positiva do galego, mesmo entre os castelánfalantes, pero tamén de pesimismo sobre o seu futuro. 

O CCG conclúe que "o máis eficaz" para incrementar o uso do galego é crear espazos de "solidariedade co galego" con "afectividade e emotividade"

Ademais, o hábitat de residencia amósase coma o marcador máis relevante para entender os usos lingüísticos da mocidade, onde o urbano é o hábitat con menos uso do galego, fronte as vilas ou ao rural, onde o contacto é superior. Con todo, é a falta de transmisión xeracional, de pais a fillos, a que se revela coma a causa fundamental de desgaleguización.

No informe, ademais, revélanse tamen moitos dos prexuízos que aínda pairan sobre o galego e que se fan moi evidentes nos grupos de discusión da análise cualitativa. Alí, por exemplo, é a propia xente nova monolingüe en galego e do rural a que amosa "unha auto-representación que identifica o galego como unha lingua de persoas brutas". Tamén, no mesmo grupo, existe a consideración de que o idioma que eles falan é "dunha variedade de baixa calidade, un castrapo", malia que coinciden tamén en reivindicar a autenticidade do galego propio como algo "do país" ou "do bo".

A mocidade monolingüe en galego do rural amosa "unha auto-representación que identifica a lingua como de persoas brutas" 

Alén diso, e aínda que os datos amosan que os mozos e mozas consideran ter unha alta competencia en galego, as entrevistas revelaron "a inseguridade respecto da normativa ou do seu uso". Os mozos non se identifican co “galego estándar” dos medios de comunicación, chegando a dicir que na escrita séntense máis cómodos en castelán. Como lembra o CCG, "instrumentalízanse os cambios normativos no galego como parte da distancia que explica ese desprazamento da lingua oral".

Pero o Consello da Cultura advirte que se ve "como permanente un proceso de cambios normativos que tivo lugar hai máis dunha década" e cuxos efectos, no caso dos entrevistados, "non deberen de ser moi salientables por razóns meramente de idade" ao apenas ter previamente a esas mudanzas pouco contacto coa escrita". Ademais, obsérvase tamén "unha explícita referencia ao galego normativo como unha variedade allea ás experiencias vitais dos/das falantes tradicionais". 

O CCG asegura que "se instrumentalizan os cambios normativos como parte da distancia que explica ese desprazamento da lingua oral"

"Este distanciamento é aínda moi habitual en Galicia, tendo en conta que o proceso de estandarización é aínda relativamente recente e, ademais, continúa a ser contestado, tanto desde posicións elitistas coma desde a autoridade que dá falar un galego tradicional, nomeadamente entre unha mocidade consciente das dinámicas sociolingüísticas polas que transita o galego actual", conclúe o CCG. 

O documento tamén deixa claro como, "por razóns de diversa índole", tamén callou entre algunha mocidade -nomeadamente na urbana- o mito da imposición do galego no ensino, chegando a xente nova a "reivindicar a liberdade á hora de empregar o castelán nas materias en que é obrigatorio aprender en galego" pero "non explicitando tal liberdade a favor do galego". "Isto é consecuente coa representación da imposición da lingua galega, que ten unha certa preeminencia na poboación urbana castelanfalante", advirte o CCG, que ve como "se desliga o galego das obrigas e asúmese que só o castelán ten este privilexio". 

Por outra banda, malia que a escola é un lugar importante para aprendizaxe da lingua, non funciona como lugar de dinamización do uso do galego e non contribúe a mudar o status da lingua, aínda que o informe sinala que "hai que cambiar o modelo de ensino entre os 0 e 6 anos para o que é precisa unha oferta de educación infantil en galego". 

O mito da imposición tamén callou entre moitos mozos: "reivindícase a liberdade de usar o castelán nas materias en galego pero non ao revés"

Con todo, as estatísticas revelan que as familias “preparan” os nenos para o cambio tamén lingüístico que agardan na escola, "o cal supón un importante factor de desgaleguización". Ao tempo, as relacións horizontais supoñen un importante factor de desgaleguización, xa que “a mocidade manifesta ter un comportamento lingüístico acomodaticio” nos contactos coas súas amizades.

Ademais, o informe do CCG sinala que o Plan Xeral de Normalización Lingüística segue tendo “plena validez” e que a medida básica para solucionar a baixa implantación da lingua galega na mocidade sería, en realidade, “deseñar un plan de fomento da lingua galega para toda a sociedade, pois se non é así é inviable que se acaden melloras efectivas entre a xente moza” . Tamén avoga por excluír o galego da “loita partidista” na política.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.