0 Gardados para despois

O retroceso do galego na infancia, en 11 gráficos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"As familias que gardan con paixón a lingua galega trasladándoa viva de pais e nais a fillos están aí, no rural e no urbano. As mestras e mestres que con consciencia profesional educan e favorecen o desenvolvemento das criaturas ‘desde a casa cálida das nosas palabras, que son pan tenro’ tamén están aí, por veces contra vento e maré (...) Porén, aquí están tamén as familias que apagaron a lingua da casa, como un traste vello ou con medo aprendido no franquismo e aínda sostido e adubado hoxe, interrompendo a transmisión interxeracional; como así mesmo aí o están as e os ensinantes despreocupados e insensibles dispostos a ‘españolizar’ e a facer prácticas de aula que, a miúdo, promoven a selectividade social. E a Xunta de Galicia, co seu Decreto de 2010, que acurralou parte dos esforzos que tamén nos centros urbanos se emprendían en colexios públicos, sobre todo, e especificamente na Educación Infantil". 

O último número da Revista Galega de Educación está dedicado de forma monográfica ao ensino infantil e á súa importancia para a transmisión e conservación da lingua. Os datos achegado polo IGE en 2013 renovaron as voces de alarma pola moi negativa situación da lingua galega e a rápida substitución polo castelán, sobre todo nos ámbitos urbanos e entre a mocidade e a infancia. Os nenos e nenas de 5 a 14 anos que falan só ou predominantemente en galego pasaron de ser o 40,3% en 2003 a ser o 25,11 en 2013.

 

É máis: crece o número de rapaces e rapazas que afirman non saber falar apenas en galego. En 2013 eran xa o 22,7%. De igual xeito, aqueles e aquelas de manifestan ter un gran dominio da lingua descenderon nunha década dende o 57% (2003) ata o 40%. 

 

A familia

Que papel xoga a familia? No 2003 xa eran maioría os nenos e nenas a quen os seus pais e nais lle falaban en castelán sempre ou de forma maioritaria (54% fronte a 45%). En 2008 a diferenza ampliárase (56-37), disparándose en 2013: 60% fronte a 27%, cun 8% de familias nas que se empregan as dúas linguas por igual.

 

Preguntados os pais e nais, as tendencias confírmanse, cun 62% de homes e mulleres entre 16 e 49 anos que se comunican en castelán cos seus fillos e fillas.

 

Isto fai que nesta xeración de nenos e nenas (que tiñan entre 5 e 14 anos en 2013) tan só o 18% aprendeu a falar en galego, pouco máis da metade que unha década atrás (32%). Outro 31% fíxoo nos dous idiomas, e un 45% só en castelán.

 

O que non muda demasiado é o papel dos avós e avoas, cando menos entre o 2008 e o 2013 (non hai datos do 2013). A metade fálanlles aos seus netos e netas en galego e a outra metade en castelán.

 

A familia fora tradicionalmente o medio polo que os nenos e nenas aprendían a falar en galego. Isto é así para o 95% dos e das maiores de 65 anos, e para o 88 das persoas entre 50 e 65 anos. Porén, o IGE indica que nas últimas décadas foron máis os rapaces que coñeceron o galego pola escola que polas súas familias (87% fronte a 68%), nunha pregunta que permitía a multirresposta.

 

A escola

Pero que papel xoga a escola? Os datos de 2003, 2008 e 2013 permiten observar as diferenzas derivadas das políticas educativas aplicadas polos gobernos de Manuel Fraga, de Emilio Pérez Touriño e de Alberto Núñez Feijoo. En 2008 advírtese un aumento dos nenos e nenas que din recibir todas as materias en galego (ata o 18%) ou a maioría (54%). Pola contra, en 2013 dispárase o número de alumnos e alumnas que teñen a maior parte das clases en castelán (46%), aínda que sen chegar aínda ao 50%.

 

Na última década o que si creceu de forma clara foi a porcentaxe de nenos e nenas que din falar cos seus compañeiros e compañeiras de clase en castelán, mesturado -iso si- co galego.

 

A estatística revela que os comportamentos lingüístico na escola veñen moi determinados pola lingua na que habitualmente falan os nenos e nenas. Aqueles e aquelas que falan maioritariamente en galego utilizan tamén o galego cos e coas compañeiras, e os e as castelanfalantes empregan o castelán. Detéctase, iso si, un 18% de galegofalantes que si usar máis o castelán neste ámbito.

 

A lingua empregada polos nenos e nenas para falar cos mestres e mestras tamén foi mudando, gañando espazo o castelán de forma lenta pero constante.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.