0 Gardados para despois

"Fálalle galego". A lingua no ensino infantil, protagonista da Revista Galega de Educación

Redacción | @prazapublica

"As nosas palabras. O compango da vida dos nenos. Moitos datos socio-lingüísticos, e moitas evidencias do que observamos arredor nosa poñen de manifesto que, en particular, nos espazos urbanos e cada vez máis nos vilegos as nosas palabras, en galego, veñen deixando de ser a música da vida que renova as nosas comunidades, as nosas contornas, o cheiro a mañá fresca de primavera con sol". A Revista Galega de Educación, editada por Nova Escola Galega dedícalle o seu número 65 ao ensino infantil e á presenza nel da lingua galega. O monográfico foi presentado este mércores na sede da Real Academia Galega, nun acto no que participaron Mariló Candedo (presidenta de NEG), Henrique Monteagudo (secretario da RAG), Xaquín Loredo (investigador do Seminario de Sociolingüística e autor dun dos artigos presentes no número) e Antón Costa (membro do Consello de Redacción da revista).

Inclúe unha ducia de traballos de sociolingüístas e outros expertos e expertas que analizan a actual situación, proxectos e experiencias en marcha e perspectivas de futuro

O monográfico, que tamén inclúe un editorial que defende a centralidade da escola pública e o laicismo, inclúe unha ducia de traballos de sociolingüístas e outros expertos e expertas que analizan a actual situación da lingua galega no ensino infantil e na infancia. Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización lingüística) analiza A realidade do galego nas aulas de Educación Infantil. Estudo nas cidades de Galiza. Francisco López (Presidente de Avoaescola) achega un texto titulado A Educación Infantil da primeira infancia, chave do futuro do galego. E Mª Belén Escariz Ferrín (CEIP de Quintela – Moaña) outro sobre Normalización lingüística: desde a emoción á competencia lingüística.  Ademais, preséntase un vocabulario infantil ilustrado realizado pola Mesa e un Taboleiro de boas prácticas lingüísticas en Educación Infantil obra colectiva de subscritores/as e de membros de Nova Escola Galega. 

Brauli Montoya (Universidade de Alicante) escribe sobre a Transmisión interxeracional da lingua. Contextualización e factores determinantes. A revernacularización. Montoya examina a reprodución das linguas, cal é a normalidade na transmisión e por que se produce a interrupción desa transmisión; despois analiza os factores que provocan a indución ao abandono dunha lingua e, finalmente, trata a revernacularización, "a última esperanza de toda lingua en perigo de extinción".

"Nos espazos urbanos e cada vez máis nos vilegos as nosas palabras, en galego, veñen deixando de ser a música da vida que renova as nosas comunidades, as nosas contornas, o cheiro a mañá fresca de primavera con sol"

Xaquín Loredo (Real Academia Galega) afonda na Estabilidade e cambio da lingua de transmisión familiar nos usos lingüísticos da poboación infantil galega. Neste traballo, Loredo céntrase na lingua transmitida no contexto familiar aos nados na primeira década do século XXI, investigando a intensidade coa que estes nenos camiño da adolescencia reteñen ou cambian a lingua recibida nos contornosde socialización habitual, amais introdúcese o lugar de residencia (rural vs. urbano) para indagar como inflúe nos niveis de retención lingüística.

Nel Vidal (Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua) fala sobre o proxecto Apego, o proxecto da CTNL que busca trasladarlles ás nais e aos pais argumentos positivos e axeitados para que lles transmitan o galego ás crianzas, facilitarlles información, formación, materiais e recursos para ese fin, e crear espazos e situacións para a socialización en galego dos nenos e das nenas.

De igual xeito, Marta Besada explica o proxecto Chámame, fálame, unha campaña para a transmisión interxeracional da lingua posta en marcha polo Concello de Santiago. A situación dramática na que se atopa a lingua galega en canto a uso e mesmo coñecemento, particularmente no referido ás primeiras idades, foi o que impulsou a desenvolver esta acción desde o Concello compostelán, buscando promover o uso dos antropónimos galegos, achegarlles ás familias argumentos que apoien a transmisión interxeracional da lingua e asociar a difusión do galego aos procesos de socialización e aprendizaxe lingüística nas familias.

Finalmente, a empresa Fabaloba amosa o proxecto ALÍ, que coordina, consistente en recursos en galego para a Educación Infantil, destacando a necesidade "de loitar en positivo con aqueles recursos dos que dispomos, uns recursos que, en contra do que se puidese pensar, son excelentes, tanto en cantidade como en calidade". "O seu escaso uso non obedece á inexistencia destes recursos, senón máis ben á súa falta de visibilidade e coñecemento", engade.

"Precisamos sentir sen vergoña as nosas palabras. Precisamos o compango sen a necesidade do heroísmo das condutas militantes, porque se abren vías de auga no barco e chove na casa. Precisamos desenguedellarnos, o que é máis doado do que parece, se coidamos da árbore da dignidade cívica", conclúen os e as responsables da revista no texto que encabeza este número.

O número 66 da publicación estará tamén centrado na infancia e na mocidade

Ademais, os e as responsables da Revista Galega de Educación xa adiantan que o número 66 da publicación estará tamén centrado na infancia e na mocidade, afondando "na análise e no debate das políticas e das estratexias educativas arredor dos nenos e nenas que, en razón da súa específica situación persoal e familiar, precisan dunha atención personalizada". "Unha atención na que interveñen, ben no deseño ben no seu desenvolvemento, chanzos da Administración –e da sociedade civil– moi dispares que non sempre resulta doado poñer de acordo", engaden.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.