No ano 2007 os gobernos de Galicia, Euskadi e Catalunya uníronse para impulsaren a protección e promoción do galego, o éuscaro e o catalán mediante un protocolo xeral de colaboración en materia lingüística que tiña na súa cerna a defensa dos dereitos contemplados na Carta Europea das Linguas. Ese documento foise anovando con reivindicacións concretas e, nos últimos anos, tamén coa incorporación dos gobernos das demais autonomías plurilingües: Navarra, Comunitat Valenciana e Illes Balears.
Todas elas xuntáronse este pasado mércores en Pamplona para faceren o seguimento anual do protocolo e poñer en común a situación de cadanseu idioma, "co obxectivo de identificar retos compartidos e avanzar en liñas de acción coordinadas", segundo destaca a Xunta. Entre todos os retos e enfoques da sesión de traballo, un destacou por riba dos máis, tal e como sinalan varios dos gobernos participantes na súa avaliación do encontro: o da mocidade e as accións máis acaídas e necesarias para promover e incrementar o uso da lingua propia entre a xente nova.

"A mocidade estivo moi presente no enfoque dos distintos territorios, con especial atención ás políticas lingüísticas que promoven o uso das linguas propias en contextos educativos e sociais nos que os máis novos teñen un papel protagonista", destaca nun comunicado a Xunta, que estivo representada no encontro polo secretario xeral da Lingua, Valentín García. Nese ámbito, abordouse tamén o uso dos idiomas propios "en ámbitos non formais, especialmente entre a mocidade", como apunta Euskarabidea-Instituto Navarro do Éuscaro, institución que acolleu o encontro na capital navarra.
As autonomías plurilingües puxeron especial énfase no debate sobre as política lingüísticas para promover o uso das linguas propias entre a xente nova
Durante a sesión de traballo, fíxose unha posta en común entre todas as linguas propias do Estado, co obxectivo de identificar retos compartidos e avanzar en liñas de acción coordinadas. Un dos puntos máis destacado na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en política lingüística foi o compromiso de todos os membros de "avanzar conxuntamente na demanda de que todas as linguas cooficiais do Estado estean plenamente integradas nas plataformas de televisión, con especial atención á programación infantil e aos contidos audiovisuais como os debuxos animados".
Ademais, tal e como sinalan a Xunta e outros dos gobernos autonómicos membros, informouse sobre os avances na elaboración dunha unidade didáctica sobre a cultura do plurilingüismo en España, que está sendo impulsada desde a Plataforma Estatal para a Promoción das Linguas Propias. Tamén se destacou no debate e nos intercambios entre diferentes gobernos autonómicos a importancia de contar cun espazo necesario para "analizar, desde o punto de vista das linguas propias, unha sociedade cada vez máis plural e diversa en canto á orixe da súa poboación", tal e como destacou a vicepresidenta e conselleira de Memoria e Convivencia, Acción Exterior e Éuscaro do Goberno de Navarra, Ana Ollo.
Os avances na elaboración dunha unidade didáctica sobre o plurilingüismo en España ou o desenvolvemento da IA en galego, catalán e éuscaro ocuparon tamén o debate
Tamén se avaliou, engade a Xunta, "o desenvolvemento do proxecto de intelixencia artificial en galego, catalán e éuscaro, que as diferentes administracións puxeron en marcha de xeito simultáneo e con metodoloxías converxentes". Valentín García, na súa intervención, puxo en valor todo o traballo feito desde o Goberno galego ao abeiro do Pacto pola lingua e co obxectivo de "impulsar e prestixiar o uso do galego en toda a sociedade".

Ademais, informou que a Administración autonómica xa iniciou os trámites para crear un selo que valore o compromiso de empresas e institucións coa lingua galega. “Este recoñecemento, anunciado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, poderá terse en conta en convocatorias e procedementos públicos e servirá, ademais, como criterio de desempate”, explicou.
A reunión do Protocolo coincidiu en Pamplona coa xuntanza da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística, unha plataforma europea con sede en Bruxelas integrada por administracións públicas, entidades sociais e institucións académicas que traballan a prol das linguas minorizadas e na que tamén participa a Xunta. Esta rede celebrou en Pamplona a súa asemblea xeral e a súa conferencia anual baixo o título Desenvolvemento sostible das zonas de alta vitalidade para as linguas minoritarias.