A Xunta de Galicia reuniu na tarde deste pasado mércores máis de cen profesionais de diferentes ámbitos para encetar a que pretende ser unha "renovación" do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) que acade, en palabras do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, "un gran consenso de país que permita seguir mellorando os usos sociais" do idioma.
Así o manifestou pola mañá, no Parlamento, no que solicitou "altura de miras" á oposición sobre unha renovación integrada por once grupos de traballo sectoriais, baixo a coordinación do membro de número da Real Academia Galega Manuel González na procura de "actualizar" o PXNL "para adaptalo á realidade social, demográfica e lingüística dos nosos días".
A oposición desconfía do proxecto para renovar o Plan de Normalización polos antecedentes das políticas lingüísticas da Xunta do PP: "Nin hai bilingüismo nin é harmónico"
Boas palabras e intencións das que non se fían aínda nin a oposición nin destacadas entidades sociais a prol da lingua. Na Cámara, a deputada do BNG Mercedes Queixas pediu "recoñecer o diagnóstico e mudar o rumbo das políticas" arredor do galego ante unha "emerxencia lingüística" que vén "contrastada" por "datos oficiais". Ademais, ante as cifras que alertan do declive do idioma, preguntou ao PP onde estaba "a imposición" que defende.
Pola banda do PSdeG, Silvia Longueira tamén amosou as súas "dúbidas" sobre as intencións reais da Xunta para impulsar o galego, vistas as iniciativas, por exemplo, a prol do castelán na CRTVG, e insistiu en que o "bilingüismo harmónico" que pregoa o PP "nin é bilingüismo nin é harmónico".
O inicio dos traballos para a renovación do PXNL chegou con polémica, xa antes da reunión da tarde, cando o conselleiro López Campos incluíu entre a documentación e os datos claves para "coñecer coa maior exactitude posible cal é a situación da lingua galega en toda a sociedade” a enquisa encargada pola Xunta a Sondaxe. Situou en igualdade de condicións este inquérito á Enquisa estrutural a fogares do IGE —que revelou que por primeira vez o galego xa non era a lingua maioritaria en Galicia— ou as recomendacións da Carta Europea das Linguas Minoritarias.
Desde o Executivo galego destácase que esta enquisa privada, encargada só uns días despois de coñecerse os datos da do IGE, "recolle a resposta de 1.200 nais e pais con fillos en idade escolar e que amosan que unha ampla maioría das familias está satisfeita ou moi satisfeita co uso do galego no sistema educativo". De feito, a Xunta conclúe que "non hai ningún idioma discriminado" a partir deses datos.
A Xunta sitúa a enquisa privada encargada a Sondaxe ao mesmo nivel que a do IGE para "coñecer coa maior exactitude posible cal é a situación do galego na sociedade”
"Oito veces menos persoas consultadas que a realizada polo IGE, estamento oficial da Xunta para este tipo de traballos", lembroulle Longueira ao conselleiro. "Ao parecer, eses datos non gustaron", insistiu a deputada socialista, na liña de Mercedes Queixas, do BNG, que cualificou de "desleal e hipócrita" a defensa que fixo da enquisa privada encargada polo Goberno galego.
Foi nese debate no Parlamento onde membros da plataforma Queremos Galego e activistas pola lingua irromperon cunha cantiga e proclamas reclamando políticas activas para a defensa e impulso do galego, sendo amoestados pola vicepresidenta da Cámara, Elena Candia, que pediu o seu desaloxo.
Queremos Galego irrompeu no Parlamento para reclamar políticas en defensa do galego; A Mesa, no acto cos cen expertos para denunciar "o teatro organizado pola Consellería para non facer nada"
Á tarde, no inicio da xuntanza dos máis dun cento de expertos, o presidente e a vicepresidenta d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e Celia Armas, e mais Sofía Rama, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), denunciaron o "veto" a numerosas entidades sociais que non foron convidadas a participaren no proceso. Ademais, apuntaron a iniciativas do PP ou a Xunta, como a posibilidade de facer un exame de oposición para a CRTVG en castelán ou a exclusión do galego na normativa de intelixencia artificial, como probas da falta de vontade real a prol do idioma ou da "contradición" que supoñen respecto á suposta renovación do PXNL.
"Se tivesen un mínimo de dignidade estarían dimitindo neste momento. Isto é un absoluto teatro organizado pola Consellería para non facer nada; a proba é o que están facendo nos últimos tres meses", dixo Marcos Maceiras, que pediu un proceso "amplo, participado e plural" antes de abandonar o acto. "Este traballo é un puro paripé", engadiu Armas.
"Podemos entender que haxa certa desconfianza, pero que vexan os perfís das persoas que hoxe están aquí, o seu nivel de profesionalidade, implicación e compromiso, para decatarse de que este é un gran momento para o galego. E espero e desexo que esteamos á altura", dixo logo na súa intervención López Campos, que asegurou que aínda hai "tempo para os que non se sumaron".
Para López Campos, o deste mércores foi "un día importante" por cumprirse "a folla de ruta" trazada desde que se iniciou o denominado Pacto pola lingua. "Antes de finais de ano termos nomeados os responsables da actualización do PXNL", comprometeuse.
Os grupos de traballo nos que se divide o labor para esta "renovación" do Plan abranguen eidos como os dereitos lingüísticos, as tecnoloxías, a oferta e dotación de recursos lingüísticos, a administración, o sistema escolar, a transmisión patrimonial do idioma, o lecer, a familia, os medios de comunicación, as industrias culturais, a economía, a sanidade, a sociedade, a proxección exterior do galego ou a lusofonía.
Expertos en numerosos eidos
Todos eles estarán baixo a coordinación de Manuel González, quen xa se encargou deste labor durante a elaboración do plan. Ademais de membro de número da Real Academia Galega, foi coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades, na época de Goberno de Manuel Fraga, no que se aprobou o PXNL, así como catedrático emérito da USC, membro do Instituto da Lingua Galega de distintas institucións europeas de estudos lingüísticos así como promotor de .Gal.
Ademais do coordinador xeral, Manuel González, cada comisión sectorial contará cun responsable. Serán a doutora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela Diana Santiago, a profesora da Universidade de Vigo Edita de Lorenzo, o experto en promoción da lingua galega na universidade e en formación de adultos Manuel Núñez, o presidente da Asociación de funcionarios pola normalización lingüística e avogado Xoaquín Monteagudo, o catedrático de Lingua e Literatura galegas Armando Requeixo, a presidenta do Museo do Pobo Galego e profesora da Facultade de Medicina Concha Losada, a produtora e avogada Patricia Hermida, o presidente do Foro Enrique Peinador e recoñecido promotor da lingua galega en distintos ámbitos Xosé González, a sanitaria e escritora infantil Rosalía Morlán, a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira, e o experto en relacións exteriores Xosé Lago.