Xoaquín Monteagudo, Concha Losada, Armando Requeixo e Edita de Lorenzo están entre os responsables das comisións de traballo para "actualizar" o Plan xeral de normalización da lingua galega, que vai coordinar de novo o profesor e académico Manuel González
"Máis importante que acertar nunha medida concreta é crear unha ilusión colectiva, que haxa unha sinerxía de todos os grupos sociais, que desde os empresarios ata os traballadores se sintan solidarios, e que teñan conciencia de que algo está cambiando e se inaugura unha nova era para o galego". O catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, académico de número da Real Academia Galega –na que é o responsable do dicionario–, membro do Instituto da Lingua Galega e presidente de PuntoGal Manuel González recunca como coordinador do proceso para renovar o Plan xeral de Normalización da Lingua Galega, vinte anos despois da experiencia que levou a acadar o consenso no actual plan de 2004.
"Vinte anos despois, con todos os cambios sociais que vivimos, require que este documento se actualice", salientou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que presidiu xunto ao secretario xeral da Lingua, Valentín García, a primeira reunión cos dez coordinadores dos grupos de traballo de actualización do plan xeral. "Temos aos mellores para iniciar este camiño. Hai un consenso amplo tanto na parte social como na parte política", afirmou para engadir que "hai que facer un último intento" para que quen aínda non está "se sume a este proceso".
Os responsables das comisións de traballo son a doutora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela Diana Santiago, a profesora da Universidade de Vigo Edita de Lorenzo, o experto en promoción da lingua galega na universidade e en formación de adultos Manuel Núñez Singala, o presidente da Asociación de funcionarios pola normalización lingüística e avogado Xoaquín Monteagudo, o catedrático de Lingua e Literatura galegas Armando Requeixo, a presidenta do Museo do Pobo Galego e profesora da Facultade de Medicina Concha Losada, a produtora e avogada Patricia Hermida, o presidente do Foro Enrique Peinador e recoñecido promotor da lingua galega en distintos ámbitos Xosé González, a sanitaria e escritora infantil Rosalía Morlán e o experto en relacións exteriores Xosé Lago.
O equipo ao que o Goberno encomenda "actualizar" o PXNLG recolle o testemuño do que traballou no proxecto aprobado por unanimidade en 2004
O conselleiro avanzou que traballan no marco dun "escenario entorno a doce meses para ter este documento completamente elaborado" para, a partir de aí, que "o documento consiga impacto e implicación social". "Non vale de nada que teñamos un pacto político, non é suficiente que fagamos un documento técnico impecable se ao final non somos quen de involucrar a sociedade galega", sostivo López Campos ao remate da xuntanza que tivo lugar na Cidade da Cultura.
O equipo presentado este 26 de decembro polo Goberno galego recolle, dalgún xeito, o testemuño doutro. O que hai máis de dúas décadas tivo a misión de elaborar o primeiro Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que a actual Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude se propón "actualizar".
Aquel traballo xa estivera nas mans dunha comisión técnica presidida polo profesor e académico Manuel González que desenvolveu o seu labor da man de sete comisións sectoriais. Á fronte da dedicada á Administración estivera o xurista Xoaquín Monteagudo, que tamén repite neste 2024. Bieito Silva liderara a de Educación, Familia e Mocidade e quen dende 2009 é director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, presidida a de Medios de Comunicación e Industrias Culturais.
O plan de 2004 tivo que comezar a despregalo o Goberno de coalición PSdeG-BNG. Entre as primeiras medidas estivo o decreto do galego no ensino do que, malia transcribir o PXNLG, o PP se desmarcou alegando "imposición"
A catedrática experta en historia da economía galega María Xosé Rodríguez Galdo presidira a comisión de Economía e Xosé María Fraga Bermúdez, médico e profesor, coordinou a de Sanidade. O crego e dinamizador cultural Xosé Manuel Carballo fora o encargado da subcomisión de Servizos Sociais, Crenzas Relixiosas e Inmigración dentro dun apartado de "sociedade" no que tamén figuraba Xaime Subiela como presidente da subcomisión de Asociacionismo, Deporte, Lecer e Turismo. Felipe Senén, como presidente da comisión de Proxección Exterior da Lingua, pechaba o organigrama.
Os traballos desenvolvidos por estas comisións e as persoas que colaboraron con ela cristalizaron no amplo documento do PXNLG que o Parlamento aprobou por unanimidade de PP, BNG e PSdeG en setembro de 2004. Os tempos electorais e da súa aprobación propiciaron que, menos dun ano despois da súa aprobación, o Goberno encargado de comezar a aplicalo xa non fose o do PP de Manuel Fraga, senón o Executivo de coalición de PSdeG e BNG.
Entre as primeiras medidas do Plan que o Goberno de socialistas e nacionalistas desenvolveron estivo a de garantir que un mínimo do 50% de toda a docencia no ensino obrigatorio fose impartida en galego. Plasmárono en 2007 nun decreto que chegou a transcribir literalmente o PXNLG aprobado con Fraga na Xunta, o que non impediu que o PP se desmarcase alegando unha suposta "imposición" do galego en Galicia que tamén atribuían ás Galescolas, a nova rede de escolas infantís que primaban o uso do galego e que tamén implicaban desenvolver o Plan.
Aquel decreto a prol do galego no ensino foi derrogado pouco despois do retorno do PP a San Caetano en 2009 mentres quen fora primeiro conselleiro de Educación do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, Jesús Vázquez, reducía o PXNLG a un "remuíño de ideas". Unha simple "referencia" da que quedaron sen cumprir ou chegar a aplicar non só os preceptos relativos ás escolas, senón outros moitos en ámbitos tan diversos como reformular as subvencións aos medios de comunicación editados en castelán por publicar contidos en galego -apoiar polo efectivamente publicado e non "a priori"-, potenciar o uso normal do idioma no repertorio das orquestras de verbena ou pular por un maior compromiso da Igrexa católica na materia.
De plan institucional a reivindicación
Os amplos incumprimentos do fixado no PXNLG, co ensino como mostra máis obvia, deron lugar ao paradoxo de que o que naceu como un plan institucional fose reivindicado nos últimos anos, sobre todo, polo tecido social e asociativo de defensa da lingua galega. Así o evidenciou esta mesma semana o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, nunha xuntanza co conselleiro López Campos a respecto dese eventual novo pacto pola lingua.
Nese encontro, Maceira subliñou que a entidade leva "quince anos reclamando por todas as vías a aplicación e reactivación" do PNXLG, "engadindo ademais propostas consensuadas con axentes sociais" e por iso "temos toda a disposición" a facer achegas sempre e cando o obxectivo sexa "avanzar na normalización" da lingua. Trátase, lembro Maceira a López Campos e García, de "seren valentes, perderen o medo ao idioma" e garantir que as medidas que se adopten cheguen efectivamente a aplicarse.
Ao retornar á Xunta o PP reduciu o noutrora plan unánime a "remuíño de ideas" e colectivos como A Mesa, lembrou esta semana o seu presidente a López Campos, levan "quince anos reclamando por todas as vías" que se aplique
"Consideramos que é posíbel abrir un tempo novo para a lingua", sostivo Maceira tras ese encontro no que "as únicas liñas vermellas que deben desaparecer" son "as que impiden desenvolvese na lingua propia de Galiza excluíndoo do ensino, na Administración, na xustiza, nos xoguetes" ou "nos servizos de saúde", exemplificou. Neste sentido, advertiu, colectivos como A Mesa ou a plataforma Queremos Galegos non van "lexitimar" o proceso de elaboración dun novo PXNLG se "non ten como obxectivo reverter a emerxencia lingüística".
Precisamente, un dos obxectivos que marcou José López Campos este xoves tras a primeira toma de contacto cos responsables das comisións de traballo foi "conseguir reverter esta tendencia que están tendo todas as linguas cooficiais". En concreto, o conselleiro detallou que buscan facer "un documento solvente" que conteña "medidas efectivas", ademais dun "calendario de actuación" que terá que contar cun "compromiso orzamentario" engadido.
"Á hora da verdade, a única maneira de garantir o éxito é implicar ao conxunto da sociedade", incide Manuel González
O encargado de liderar a remuda deste plan xeral, Manuel Gónzalez, incidiu en que "á hora da verdade, a única maneira de garantir o éxito é implicar ao conxunto da sociedade". Por iso sinalou a importancia de consultar aos grandes referentes de todos os sectores para elaborar este novo documento técnico.
Arredor do 15 de xaneiro volverán reunirse os coordinadores para pechar a composición de cada un dos grupos de traballo. Para os diferentes equipos sectoriais buscarán “persoas que coñezan ben o sector e teñan un compromiso demostrado con respecto á lingua galega”, segundo aclarou González, quen engadiu que non serán grupos pechados para poder incorporar tamén perfís diferentes a medida que avance o traballo. “O importante é asegurar que todos somos copartícipes, que todos estamos na ilusión de chegar a unha nova etapa e que entre todos imos conseguir cambiar a deriva que está sufrindo a lingua neste momento”, aseverou.