De "remuíño de ideas" a unha mera "referencia". O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) supuxo un fito na política lingüística do país próximo á aprobación da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Este documento, rematado no ano 2004, foi elaborado por un bo número de profesionais e, tras recibir achegas de todos os grupos parlamentarios, foi aprobado por unanimidade no penúltimo ano de mandato de Manuel Fraga. No retorno ao poder en 2009 tras unha campaña apoiada, entre outros aspectos, nunha suposta "imposición" da lingua propia, os conservadores desdeñaron o plan que apoiaran cinco anos atrás. O daquela novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, desdeñouno ao identificalo co tal "remuíño" e agora, a piques de facerse dez anos da aprobación, o seu departamento di que é unha "referencia" máis na súa política lingüística.
Entre os preceptos aprobados en 2004 por unanimidade figurou unha emenda do PSdeG, que o PP de Fraga aceptou sen alterala, pola cal o Executivo se comprometía "a presentar ante o Parlamento a programación anual para o desenvolvemento das medidas propostas" no PXNL, algo que non aconteceu no pasado 2013. En setembro dese ano a deputada do BNG Ana Pontón rexistrou unha pregunta na que advertía a Educación de que, "a poucos meses de rematar o ano" a devandita programación "non foi presentada", e instaba a Consellería a aclarar "por que razóns incumpre a obriga de presentala". A resposta nin sequera chegou en 2013, senón que entrou no Rexistro da Cámara o 22 de xaneiro e fíxoo sen demasiadas aclaracións e admitindo implicitamente que non presentou a programación comprometida.
O Goberno de Fraga aceptou que a Xunta presentase "a programación anual para o desenvolvemento das medidas propostas" no plan
Na súa resposta a Consellería explica que este departamento autonómico "ofrece á Cámara galega diversa información, tanto a petición propia como a petición dos grupos parlamentarios, respecto das accións e da política lingüística que está a desenvolver". Así, di a Xunta, "se fixo na comparecencia que tivo lugar" o pasado 16 de abril, na que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explicou "as liñas de actuación do seu departamento, onde saíu a debate o devandito plan e houbo un repaso dos programas de dinamización da lingua galega" e das "accións referidas á formación e capacitación lingüística, investigación e proxección exterior do galego, entre outras cuestións".
Neste escenario, continúa a resposta oficial, é "coñecido, como queda de manifesto en reiteradas intervencións públicas e no propio Parlamento", que "a política lingüística que está a realizar a Xunta" parte "do convencemento de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións", ademais de ter unha "vontade política de crear actitudes positivas cara á lingua". Así, abonda, "o Goberno galego está a aplicar unha política lingüística fundamentada no mandato legal derivado do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística". "Ao tempo", conclúe, o Executivo "toma como referencia o Plan Xeral de Normalización Lingüística". Sen noticias, non obstante, da súa programación e cumprimento.