O pasado setembro fixéronse vinte anos dende que o Parlamento aprobou por unanimidade de PP, BNG e PSdeG o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). En pleno tardofraguismo, cun presidente da Xunta cun devalo político e físico acrecentado pola crise do Prestige, os populares galegos daban en abeirar un documento chamado a desenvolver a Lei de Normalización Lingüística de 1983, froito dun amplo traballo en grupos de persoas expertas que combinaron reflexións xerais sobre a situación do idioma con recomendacións moi concretas para potencialo.
Ao Goberno de coalición PSdeG-BNG correspondeulle comezar a aplicar o Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no tardofraguismo. O PP desmarcouse e, cando volveu á Xunta, reduciuno a un "remuíño de ideas", mera "referencia"
Como é sabido, o consenso en torno á lingua foi efémero. Menos dun ano despois da aprobación definitiva do PXNLG, o PP perdía a Xunta, dando lugar a que o primeiro Goberno galego apoiado nun Parlamento con maioría de esquerdas fose o encargado de editar, divulgar e comezar a aplicar o plan. Así o fixo en eidos coma o ensino, cun decreto que en 2007 puxo en práctica a recomendación do plan para que un mínimo do 50% das materias escolares fosen impartidas en galego. O decreto foi inicialmente pactado co PP, que pouco despois se desmarcou del alegando unha suposta ansia de "imposición" que axitou ata retornar ao Goberno, con Alberto Núñez Feijóo e o seu gabinete reducindo o Plan Xeral a un "remuíño de ideas" ou unha mera "referencia".
Dúas décadas despois, o actual Goberno galego do PP asegura estar disposto a un novo "pacto pola lingua" pola vía da edición dun novo Plan Xeral. Sen "liñas vermellas", pero con condicións de inicio coma o mantemento do denominado decreto do plurilingüismo, a norma que en 2010 fixo retroceder as presenzas mínimas do galego nas aulas. A mesma que os populares presentaran como antídoto ao decreto que desenvolvía o PXNLG e que tanto o BNG coma o PSdeG ven preciso retirar dunha mesa de negociación que suma atrancos antes de nacer en sentido estrito.
Paradoxalmente, os grupos máis críticos coa política lingüística sostida polos gobernos de Feijóo e Rueda tentan empurrar os populares a cumprir un plan aprobado baixo outra maioría absoluta do propio PP.
Tamén os movementos integrados na plataforma Queremos Galego reclaman a derrogación como unha das "medidas urxentes" a prol do idioma que, sinalan, son aínda máis perentorias á luz dos recentes datos do IGE que, por primeira vez, reflicten o castelán como lingua predominante no país. O colectivo aposta por que o "novo rumbo" para a lingua parta duns "puntos mínimos" baseados no Plan Xeral de 2004 e na súa "actualización" cos "recursos necesarios para levalo a cabo".
Esa reclamación ecoou tamén o pasado domingo no concorrido acto de Queremos Galego na compostelá Praza da Quintana. Paradoxalmente, os grupos máis críticos coa política lingüística sostida polos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda e tamén as dúas forzas políticas da actual oposición tentan empurrar os populares a cumprir un plan aprobado baixo outra maioría absoluta do propio PP. "O PXNLG, como grande acordo nacional pola lingua, debe ser reactivado como punto de partida dunha nova política a favor do noso idioma e da súa normalización", sintetizan.
A persistencia do Goberno no mantemento do decreto de 2010 preséntase como un dos atrancos de partida para o posible pacto, pero non é o único
A persistencia do Goberno no mantemento do decreto de 2010 preséntase como un dos atrancos de partida para o posible pacto, pero non é o único. Nas últimas semanas, os ofrecementos de consenso verbalizados polo conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, e mais polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, conviven no debate político coa caricaturización do BNG como "policía do galego" por parte da máis alta dirixencia do PPdeG. Mesmo con mofas cara a un deputado do Bloque por parte da secretaria xeral dos populares, Paula Prado, por provir dunha familia de "toda la vida" que "hablaban castellano y ahora hablan gallego", conduta que López Campos e García aseguran querer potenciar pola vía do prestixio público da poboación neofalante.
As discrepancias aireadas polo dimisionario Daniel Chapela acrecentan o mar de fondo lingüístico que persiste no PPdeG dende a ruptura do consenso en 2007 e fan medrar o escepticismo sobre a vontade real de chegar a un acordo
Eses atrancos veñen reflectir o mar de fondo lingüístico que persiste no PPdeG dende a ruptura do consenso en 2007 e que ata agora agromou en contadas e discretas ocasións. Por exemplo, con críticas internas á participación na sinatura da Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega que A Mesa Pola Normalización Lingüística promoveu en 2015.
Maior eco están a ter nos últimos días as discrepancias aireadas por Daniel Chapela, ata agora coordinador de cultura na dirección do PPdeG, ao anunciar a súa dimisión e baixa no partido. En entrevista con Praza.gal nas horas posteriores a facer pública a súa decisión -tamén fortemente marcada polas discrepancias coa voceira do PP en Bueu, onde é concelleiro-, Chapela amosa o seu convencemento de que o pacto pola lingua non vai chegar porque a facción dirixente do PPdeG está "dando pasos para que rebente", "voando as pontes" co resto de forzas políticas, atacándoas por manifestárense canda Queremos Galego ou negándose a ceder na cuestión do decreto das linguas do ensino.
Para Queremos Galego, as afirmacións de Chapela "confirman" que "tamén no PPdeG hai xente, falante ou non, que quere mudar o rumbo do idioma". Na mobilización do pasado domingo "mostrouse unidade pola lingua, mais precisamos todas as mans", di o seu voceiro e presidente da Mesa, Marcos Maceira. Mentres, nas bancadas da oposición as consideracións do dimisionario alimentan o escepticismo sobre a vontade real de chegar a un novo acordo, de regresar ao consenso tecido hai vinte anos e rachado hai dezaoito.