"Dicir que non vas derrogar o decreto do plurilingüismo é voar as pontes para un pacto pola lingua"

Daniel Chapela, conducindo o acto do PPdeG polo Día das Letras Galegas de 2024 CC-BY-SA PPdeG

Daniel Chapela (Bueu, 1999) vén de dimitir como coordinador de Cultura do PP de Galicia, posto que ostentaba na dirección do partido dende 2022, cando Alfonso Rueda remudou a Alberto Núñez Feijóo na presidencia. O filólogo e escritor abandona tamén a militancia no partido polo que concorreu ás municipais de 2023 como número 6 da candidatura dos populares no seu concello, Bueu, onde prevé continuar exercendo a oposición como edil non adscrito nun momento no que asegura "non pensar" en ningunha outra militancia partidaria.

O ata agora coordinador de cultura do PPdeG explica as razóns da súa dimisión e baixa no partido

Chapela admite que nos motivos da súa marcha pesan as desavinzas coa líder local do PP bueués, Elena Estévez, pero asegura que o detonante definitivo ten que ver coa "incompetencia" do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, en materia de política lingüística. Nomeadamente, tras os datos do IGE que acreditan o decrecemento no uso do idioma e o xeito en que está a xestionar o ofrecemento dun novo pacto pola lingua, cuestión para a que "non está preparado" e na que, considera, López Campos e altos cargos da dirección do partido están a "voar as pontes" coas demais forzas políticas.

Pesan máis na súa dimisión as discrepancias políticas a respecto da xestión da Xunta en lingua e cultura ou as súas diverxencias coa voceira municipal do PP en Bueu?

Tomei a decisión o domingo, creo que con iso respondo. 

Foi o acto político de Queremos Galego pola lingua e as reaccións posteriores o que o fan dicir "ata aquí"?

Especialmente as reaccións. Cando a xente fai unha concentración, especialmente nunha concentración que eu considero apartidista, non concordo co conselleiro... O que hai que facer é tomar nota da mensaxe que che traslada a xente e non se está tomando nota. E ademais estanse dando pasos para que rebente o pacto pola lingua.

Daniel Chapela, á esquerda, coa 'número 2' do PPdeG, Paula Prado, e o anterior conselleiro de Cultura, Román Rodríguez © @danielchapela1

No seu comunicado de renuncia refírese a ese pacto pola lingua. Por que di que se están a dar pasos para que non chegue a producirse?

Porque cando ti estás criticando o Partido Socialista por ir a unha manifestación que o único que pide é protexer o galego, son pasos destinados a dinamitalo. É un xeito de actuar que vimos noutros momentos da historia. Na época da reforma estatutaria, por exemplo, facéndoa saltar polos aires por unha palabra no prólogo. Eu hoxe lía á Mesa [pola Normalización Lingüística], que pediu dúas reunión co conselleiro e non llas deu. Eu reuninme coa Mesa en varias ocasións, sempre a petición miña. Ás veces hai cuestións que evidentemente non che gusta que che digan, pero tes que estar e tomar nota. Centrarse en reunións coa RAG, co Consello da Cultura... parte dunha perspectiva moi elitista da lingua cando tes milleiros de persoas enchendo a Quintana dicindo unha cousa diferente. E dicir de forma velada que non vas derrogar o decreto do plurilingüismo é voar as pontes co resto de axentes sociais e forzas políticas. 

"O pacto pola lingua pasa por derrogar o decreto do plurilingüismo. Non creo que o actual conselleiro sexa competente para xestionar ese pacto, é unha persoa sen preparación"

Para min, o punto de partida é a derrogación dese decreto. Podo entender por que se fixo, non entro nunha crítica a 2010 e a esas decisións. Fíxose nun momento e hoxe o que toca é dicir á xente que o pacto pola lingua pasa por esa derrogación. O decreto, ademais, establece cousas que non teñen que ser malas de seu, como determinadas cotas. Pero a cuestión está en se de verdade a mensaxe máis importante que temos que dar á xente é que non se poden dar Matemáticas en galego se queren. Iso non é protexer a lingua. Eu concordo con Valentín García en que as linguas non gañan falantes con normativas, pero as normativas son importantes porque son unha declaración de intencións. Cando se fala de non politizar a lingua... Cando nos reunimos as forzas políticas estamos facendo política. Ou apostamos ou non apostamos pola lingua e eu non creo que o actual conselleiro sexa unha persoa competente para xestionar ese pacto, porque é unha persoa sen preparación.

Fala vostede no seu comunicado de renuncia dun “novo equipo claramente incompetente” na Consellería de Cultura, “especialmente para tratar a área de Lingua”. Que mudou para mal, desde o seu punto de vista, na política cultural e lingüística da Xunta a respecto dos anos previos, nos que vostede comezou a implicarse politicamente?

"Hai que ter altura de miras, estamos vivindo unha emerxencia lingüística. Co cambio de conselleiro chega xente que non entende o país, a cultura e a lingua"

Cambiou de ter unha persoa competente a unha claramente incompetente á fronte. Pasar a ter un conselleiro que non acepta reunións con ninguén, que vive nunha atalaia marabillosa e non quere escoitar críticas. Cambiaron as declaracións, as palabras. Non se pode estar utilizando palabras grosas para falar deste tema cando o IGE che está dicindo que o galego deixou de ser a principal lingua de Galicia. Podes facelo, pero estáste definindo. E non caben reinterpretacións, ti dixeches o que dixeches: non podes acusar o PSOE de querer monolingüismo por ir a unha manifestación de Queremos Galego; eu non puiden ir ese día, pero ía ir, e irei á do 23 de febreiro. Eu discordo de moitas cousas cos partidos da oposición, pero neste caso a cuestión está en que hai que ter altura de miras e a situación que estamos vivindo é de emerxencia lingüística co galego, aínda que se negue, porque o que nos di é que no futuro non hai falantes. Non cabe dicir que no País Vasco ou Cataluña están peor, porque partimos de dinámicas distintas. Aquí partimos dun 90% de galegofalantes e agora estamos nun 45%. E neste caso, co cambio de conselleiro chega xente que non entende o país, a cultura e a lingua. Podo entender perfectamente por que o nomearon, pero non entendo que o nomeasen para esta área. Román Rodríguez estaba facendo un traballo bo. Claro que non nos gusta ter unha manifestación sobre este tema, pero se teño unha manifestación na porta é que algo pasou, algo se fixo mal. 

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, o pasado 2 de outubro na presentación do poemario 'Biscoito de laranxa' de Daniel Chapela CC-BY-SA Xunta

Vostede vén sendo considerado un dirixente, en tanto que coordinador dunha área do partido, moi próximo ao secretario xeral da Lingua, Valentín García...

Téñolle un especial cariño, prefiro non falar...

Eu pregúntolle e respóndame o que considere. Vostede vén sendo considerado dentro dun partido un dirixente moi afín, moi próximo a Valentín García...

Si, si

... considera que mudaron os seus enfoques ou ten menos marxe para actuar co novo conselleiro? Porque o seu discurso é fundamentalmente o mesmo, defende os mesmos marcos...

O que cambia é a marxe de manobra. Se na consellería queren escoitar a alguén. A cuestión é que antes había un conselleiro que quería escoitar as propostas e as críticas. Pero neste caso o conselleiro non quere escoitar a ninguén. Sempre me lembra moito aquel conto de Hans Christian Andersen sobre o rei espido; hoxe síntome un pouco así, como ese neno do conto. Claramente é unha persoa que non está preparada para o momento no que vivimos na área de lingua. Non é un momento de pax lingüística, senón de máximo problema, con datos que nos din que o galego morre e o conselleiro vive na súa atalaia de San Caetano e non quere escoitar. Levo pedindo unha reunión da comisión de cultura [do PP] dende abril e déronma para este xoves. Pode ser un magnífico alcalde da Estrada, pero non está capacitado para ser conselleiro. Non controla ningunha das áreas: nin Cultura, nin Xuventude, nin Lingua. Se cadra, en Infraestruturas sería un conselleiro marabilloso. Pero para Cultura e Lingua, non.

Algunhas destas críticas que fai lembran un pouco á época do tardofraguismo, no que se simplificou a existencia de dúas almas no PPdeG, aquilo das boinas e dos birretes. Coas obvias obvias diferenzas a respecto de hai vinte anos despois… É compatible ofrecer un Pacto pola Lingua pola mañá e caricaturizar a oposición como “policía do galego” pola tarde?

"Non lle cuspes nun ollo a quen ten que pactar contigo. Que é a policía do galego? Querer que se fale galego nas escolas? Daquela, eu son a policía do galego"

Claro, é que esa campaña é absurda. É taxativamente absurda. E o que me sorprende que calquera persoa con dous dedos de fronte poida aprobala. Hai cousas que non se fan e xa está. Non lle cuspes nun ollo a quen ten que pactar contigo. Que é a policía do galego? Querer que se fale galego nas escolas? Daquela, eu son a policía do galego. Claro que queremos galego nas escolas. Queremos que se fale galego na rúa? Evidentemente. Ante declaracións como as de Paula Prado contra Iago Tabarés no Parlamento porque a súa familia falaba castelán e agora fala galego, eu digo: estás lanzando unha campaña a prol dos neofalantes e agora criticas os neofalantes? É evidente que é bo que haxa neofalantes, oxalá máis como Iago Tabarés e máis xente que chegue de fóra e fale galego. Eu son neofalante e sempre terei un cariño especial a quen empece a falar galego. 

 "A loita soterrada que teñen cara a persoas como Santalices demostra que hai persoas que nos definimos como conservadoras e nacionalistas que non temos cabida e non ten sentido que esteamos"

E despois poste a discutir co presidente do Parlamento, que ao final é minar a institución. Podes pertencer a un partido, ter unha forma de concibir as cousas, pero a institución merece un respecto por parte de todos os seus membros. E Miguel Santalices é un grandísimo presidente do Parlamento; sabe escoitar á oposición, dá pasos fundamentais coma os actos en torno a Alexandre Bóveda ou a declaración de Castelao como primeiro presidente. E non é lóxico que dende o partido que preside o Parlamento se mine a institución, que é a cousa máis valiosa que temos. Santalices faino fenomenal porque acredita na institución. E precisamente esa loita soterrada que teñen cara a persoas como Santalices demostra que hai persoas que nos definimos como conservadoras e nacionalistas que non temos cabida e non ten sentido que esteamos. 

José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, no pleno do Parlamento este 19 de novembro CC-BY-SA Mónica Arcay Carro

E supoño que ponderou na súa decisión que ao dimitir, reforza o marco de que defender a lingua e a cultura galegas dende as siglas do Partido Popular, dende posicións conservadoras e galeguistas, non pode ser. Ou non pode ser neste Partido Popular...

Diría imposible, non complicado. É como unha caixa na que ninguén quere escoitar e calquera persoa que vaia nesta liña non é ben recibida. Eu teño que agradecer a Alfonso Rueda que me escollese como coordinador de Cultura. Pero a cuestión está en que cando ves que nada é posible, que non é posible artellar cousas na escuridade e decides rematar. Para min a cuestión é que a xente ten que ser consciente de que hai xente conservadora e nacionalista galega. Existe, como as meigas, habelas hainas [ri]. Eu coñezo moita xente así. E a realidade é que esa xente ás veces está nos espazos crendo que pode transformar as cousas. Pero chega un momento no que te decatas de que non é posible. Hoxe en día até xente que que fala castelán no PP está dicindo que hai que facer algo coa lingua, que non se pode perder, e esa voz non chega a San Caetano.

Así e todo, cando o presidente Rueda lle asigna a responsabilidade en 2022, persistían voces no partido, mesmo en postos moi relevantes, vostede mesmo mencionaba antes a secretaria xeral, que seguían axitando marcos coma o da "imposición do galego". Sentíase cómodo entrando a formar parte dunha dirección que dá cabida a esas posturas e mesmo as fai ascender?

"A única lingua que se impón en Galicia é o castelán"

Hai momentos nos que o que fas é calibrar, como calquera persoa que milita nun partido, e pensas en todas as cousas boas que podes construír. Eu, evidentemente, non concordo con ese marco comunicativo nin con ese discurso. A cuestión está en se podes conseguir outras cousas para a lingua, para a cultura e para o país. Pero cando ves que toda esa situación se suma ao resto, a datos demoledores. Xa estás cunha mensaxe co que eu non concordo, porque a única lingua que se impón en Galicia é o castelán. Pero mentres poidamos conseguir cousas que transformen a realidade para ben, eu son unha persoa construtiva. Agora ben, cando a túa mensaxe vai ser destruír e voar todas as pontes, eu non podo comungar con iso. Se non estás disposto a facer ningún cambio, non ofrezas un pacto. Calquera persoa con dous dedos de fronte sabe no momento en que ofrece un pacto que unha condición irrenunciable é a derrogación do decreto do plurilingüismo e hoxe iso non está sobre a mesa. E é máis, estanse voando as pontes co resto de partidos, criticándoos por ir a unha manifestación. 

Anuncia que vai continuar como edil independente, como non adscrito, na corporación de Bueu. Apela aos compromiso adquiridos na campaña. Supoño que esperará que lle digan que continuar sen as siglas do PP tamén é rachar cun compromiso de campaña...

Ao contrario. Eu pedín a confianza para que houbese un representante da miña aldea na corporación. É o que vou facer dende agora e até que remate o mandato. Para min o malo sería marchar, ese non é o xeito. Os veciños son o primeiro. E o país, Galicia. O que non ten cabida deixar a acta, esa non é a solución das cousas. Hai que medir, trátase de seguir defendendo os meus compromisos. Eu non podería durmir polas noites se lles digo adeus aos veciños e os deixo; non está na miña natureza nin na miña forma de concibir as cousas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.