Rueda critica "a politización" dos actos para mudar a política lingüística do PP

Acto en defensa do galego este domingo en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O presidente da Xunta salienta que houbo "moitas bandeiras independentistas" no acto deste domingo apoiado por ducias de entidades, incluídos BNG e PSdeG

Un día despois da gran concentración este domingo na praza da Quintana de Santiago para reclamar que a Xunta mude o rumbo da súa política lingüística o presidente da Xunta constatou que o acto para reclamar unha mudanza de políticas estivo politizado. Rueda, preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns pola mobilización, amosou o seu "máximo respecto para as persoas que se foron manifestar", pero a continuación engadiu a crítica: "non creo que sexa unha boa cousa a politización". 

Segundo o presidente da Xunta este domingo houbo unha "apropiación" da defensa da lingua. Na Quintana, di, había "moitas bandeiras independentistas e logotipos dunha opción política", sen indicar cal, nun acto que contou co apoio de BNG e PSdeG así como de ducias de entidades de todo tipo.

Sobre as conversas políticas que está a manter o conselleiro de Cultura e Lingua para acadar un novo pacto político e social pola lingua o presidente advertiu que "non se pode formular un pacto no que para acadar un consenso haxa que aceptar si ou si o que nos formulan os partidos da oposición". "A nosa liña vermella sempre foi a liberdade de utilización de linguas e o fomento do galego", concluíu Rueda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.