O Goberno galego saca a concurso o 25% das prazas públicas que xa ten concertadas en residencias privadas para renovar eses contratos en lugar de xestionar esas prazas directamente en residencias públicas
O Consello da Xunta decidiu este luns destinar 50 millóns de euros a renovar o 25% das prazas públicas de maiores que ten concertadas en residencias privadas en lugar de asumilas con xestión directa en novas residencias públicas. Serán 930 prazas das preto de 4.000 que a Xunta ten concertadas en centros privados de toda Galicia. Ademais, o Goberno galego tamén conta con outras máis de 4.000 prazas en residencias públicas da súa titularidade, pero boa parte delas non son xestionadas directamente pola Xunta senón que esta tamén entregou a súa xestión a empresas privadas.
Foi o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o que informou este luns na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno da decisión de convocar un novo concurso público para "licitar 930 prazas públicas en residencias privadas" por 50 millóns de euros. Segundo detallou, supoñen "arredor do 25% dos concertos que está mantendo a Xunta".
Esta é unha das primeiras decisións de calado neste eido que se toma coa nova conselleira de Política Social á fronte, Ángeles Vázquez, que hai unhas semanas substituíu a Fabiola García ao renunciar esta ao cargo para ser candidata o 29N
Rueda asegura que o novo concurso quere "primar a calidade asistencial sobre a oferta económica"
Segundo o detalle facilitado polo presidente, as prazas públicas que agora sairán a concurso para manter a súa xestión privada serán 211 na Coruña, 286 en Lugo, 222 en Ourense e 211 en Pontevedra. Rueda asegurou que o novo concurso público quere "primar a calidade asistencial sobre a oferta económica" e valorará mellor cuestións como as ratios de persoal por residente ou que conten con plans de formación continua.
A Xunta vén apostando pola xestión privada de prazas de maiores tanto de xeito concertado en residencias privadas como contratando a empresas privadas para que xestionen as súas propias residencias públicas. O argumento que vén dando é que ten cartos de sobra para realizar esas subcontratacións pero que non ten persoal suficiente nin para xestionar os seus propios centros.
A Xunta está a impulsar outras 24 residencias en vilas de mediano tamaño con 1.800 prazas que quere facer "mediante unha fórmula de colaboración público-privada" coa que cederá 700 para explotación privada
Nesta liña, o Goberno galego está a subcontratar a xestión das sete residencias de maiores que lle está a construír e ceder a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas, sete centros que suporán outras 900 prazas públicas que serán titularidade da Xunta pero cuxa xestión están a asumir entidades privadas.
Ademais, a Xunta está a impulsar outras 24 residencias en vilas de mediano tamaño cun total de 1.800 prazas pero quere facelas "mediante unha fórmula de colaboración público-privada" coa que cederá 700 para explotación privada, o que con toda probabilidade suporá que as prazas que queden de titularidade pública serán tamén xestionadas polas mesmas empresas privadas.