Rueda recibe a cuarta residencia doada por Amancio Ortega coa terceira pendente de subcontratar desde outubro

Rueda na recepción da residencia de maiores doada pola Fundación Amancio Ortega na Coruña este mércores CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os dous primeiros centros, en Santiago e Lugo, foron adxudicados a unha fundación privada e os de Pontevedra e A Coruña, recibidos en outubro e agora respectivamente, aínda están en concurso con varias empresas aspirantes

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, recibiu este mércores a cuarta das residencias de maiores que a Fundación Amancio Ortega está a executar nas sete cidades galegas para doalas á Xunta, centros que Feijóo prometera en 2017. A residencia, con 150 prazas, aínda tardará en entrar en funcionamento xa que o Goberno galego está a demorar os procedementos para subcontratar a xestión de cada centro, tras renunciar a asumila directamente con recursos da Xunta, como fai con outras residencias máis antigas. O argumento para subcontratalas é, en todos os casos, que a Xunta ten cartos pero non quere dotarse de máis persoal propio.

Rueda na recepción da residencia de maiores doada pola Fundación Amancio Ortega na Coruña este mércores CC-BY-SA Xunta de Galicia

No caso das dúas primeiras residencias doadas por Amancio Ortega, en Santiago e Lugo, a Xunta decidiu restrinxir os concursos públicos para a súa xestión a entidades sen ánimo de lucro, o que rematou cos dous centros subcontratados á polémica Fundación Fesan grazas a que rebaixou un 12% o custo das prazas. Ademais, a primeira residencia, en Santiago, tardou un ano en estar "a pleno rendemento" ao non lanzar a Xunta os concursos públicos desa e da de Lugo ata recibilas formalmente.

As dúas seguintes residencias xa rematadas foron a de Pontevedra, recibida o pasado 30 de outubro, e a da Coruña, recibida este mércores. Para elas dúas a Xunta mudou de procedemento de subcontratación e deixou de restrinxilo a fundacións de xeito son varias as empresas do sector da xeriatría que aspiran a facerse cos contratos. Nos dous casos os concursos públicos están aínda na fase de valoración de ofertas. 

Ademais, a Xunta está disposta a pagar medio millón máis ao ano ás empresas que xestionen as residencias da Coruña e Pontevedra que á fundación á que entregou as de Lugo e Santiago.

Rueda na recepción da residencia de maiores doada pola Fundación Amancio Ortega na Coruña este mércores CC-BY-SA Xunta de Galicia

Malia que o 30 de outubro, ao recibir a residencia de Pontevedra, Rueda avanzou que comezaría a recibir residentes "no primeiro semestre de 2025", este mércores o presidente volveu demorar a data e dixo que "comezará a funcionar ao longo do mes que vén", oito meses despois de recibir o centro.

A Valedora do Pobo lamentou en setembro que cando estean abertas as sete residencias e Amancio Ortega "aínda serán insuficientes"

O pasado setembro, no seu informe anual, a Valedora do Pobo volveu criticar a demora de "anos" para que unha persoa con dependencia e co dereito recoñecido a unha praza nunha residencia pública ou concertada acabe ocupando efectivamente esa praza. A Xunta replicoulle que xa está a traballar para ampliar a oferta grazas ás residencias doadas por Amancio Ortega, pero a Valedora retrucou que "cando estean en funcionamento esas prazas aínda serán insuficientes para atender ás persoas con gran dependencia".

Rueda na recepción da residencia de maiores doada pola Fundación Amancio Ortega na Coruña este mércores CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.