Comida subcontratada e 35 traballadoras para 100 anciáns: o que permite a Xunta nas residencias de Amancio Ortega

Rueda e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote, na entrega á Xunta da residencia de maiores de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Política Social privatiza a xestión dos novos centros de maiores nas sete cidades limitándose a esixir requisitos mínimos da lei de contratos públicos ou da normativa de servizos sociais

As residencias de maiores que está a construír a Fundación Amancio Ortega para despois doar á Xunta nas sete cidades galegas terán xestión privada, segundo decidiu o Goberno galego. Será cuns contratos nos que a administracións limítase a esixir requisitos mínimos da lei de contratos públicos ou da normativa de servizos sociais

Así, os adxudicatarios poden subcontratar elementos como a comida. Tamén reducir o persoal ao mínimo de 35 traballadoras de atención directa por cada cen persoas residentes.

Rueda o pasado 30 de outubro ao recibir a nova residencia de maiores de Pontevedra doada pola Fundación Amancio Ortega e documento que contempla un 5% de beneficio para a empresa que se faga coa súa xestión privatizada CC-BY-SA Praza Pública

As dúas primeiras residencias doadas por Amancio Ortega, en Santiago e Lugo, de 120 prazas, foron adxudicadas hai un ano á polémica Fundación Fesan grazas a que rebaixou un 12% o custo das prazas, facendo que a súa oferta económica se impuxese ás mellores ofertas técnicas doutras dúas entidades sociais. Pero para a terceira residencia, a de Pontevedra, tamén de 120 prazas, recibida o 30 de outubro a Consellería de Política Social permite que se presenten ao concurso non só entidades sociais privadas senón calquera empresa do sector, á que está disposto a pagar ata 3,6 millóns de euros ao ano, medio millón máis ao ano que á fundación adxudicataria dos centros de Lugo e Santiago.

A empresa que se faga coa residencia de Pontevedra pode non comunicar á Xunta que subcontratará servizos como a comida ata que gañe o concurso

No concurso aberto para esta terceira adxudicación a Xunta vén de responder a varias consultas recibidas de posibles empresas interesadas. Unha delas preguntou expresamente se pode "subcontratarse o servizo de manutención cunha empresa especializada", e Política Social así o confirma sinalando que os seus pregos de condicións limítanse a fixar os requisitos mínimos xerais establecidos na lei de contratos do sector público. A empresa, ademais, pode non comunicarlle esa subcontratación ata que gañe o concurso, xusto antes de comezar a execución do contrato.

Os pregos do novo concurso, como xa facían os das residencias de Lugo e Santiago, tamén se limitan a fixar os requisitos mínimos de rateo de persoal de atención directa establecidos pola normativa de servizos sociais, sen esixir melloras. Unha normativa que data de 1996 e que se limita a reclamar 35 traballadoras por cada 100 persoas residentes.

Rueda e Flora Pérez, presidenta da Fundación Amancio Ortega, na residencia de Pontevedra entregada á Xunta o pasado 30 de outubro CC-BY-SA Xunta de Galicia

No caso das residencias de Lugo e Santiago a fundación gañadora fíxose co contrato mellorando apenas ese requisito básico e ofrecendo 37 traballadoras por cada 100 residentes, malia que outra fundación ofrecía 39. Agora, no concurso de Pontevedra a Xunta volve repetir as mesmas esixencias e limita igualmente a valoración das posibles melloras por riba do mínimo legal. 

Ese apartado do persoal só conta o 15% no global do concurso. Ademais, o seu sistema de valoración fai que non se teña en conta ningunha mellora que poida chegar a ser ofertada por riba das 45 traballadoras por cada 100 residentes.

Fronte a estas cifras froito dunha normativa dos anos 90 e de deixar posibles melloras en mans do mercado, a nivel estatal as referencias xa son outras. En 2022 o Goberno de España e as comunidades autónomas negociaron unha actualización no marco do Consello Territorial de Servizos Sociais. O documento finalmente acordado, con todo tipo de melloras no eido da atención a maiores e dependentes, contou co respaldo de entidades do sector, pero del desmarcáronse varias comunidades, entre elas Galicia.

Rateos de persoal acordadas en 2022 polo Estado e as comunidades, documento do que se desmarcou a Xunta CC-BY-SA Praza Pública

O documento de 2022 fixou unha folla de ruta de rateos en progresivo incremento durante os próximos anos, establecendo a 31 de decembro de 2024 e para residencias de persoas con discapacidade, como é o caso das novas da Xunta, unha cifra de 43 traballadoras por cada 100 residente para persoal coidador, xerocultor ou similar e de 51 para "persoal de atención directa conxunta". Unha rateo que debera ir en aumento en anos posteriores. "Ao votar en contra de dito modelo, Galicia non ten que aplicalo", é a argumentación da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.