Pontón nega que o ataque dos EUA e Israel a Irán "defenda nin a democracia nin ás mulleres, nin ningún tipo de avance social"": "Só buscan o control xeopolítico e dos recursos petroleiros"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado este luns polos efectos en Galicia do ataque dos Estados Unidos e Israel a Irán iniciado a pasada fin de semana. O presidente dixo que "evidentemente unha situación de guerra nunca é desexable e sen dúbida impactos positivos dubido moito que os teña". Unha afirmación de Rueda que chega despois de que líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo, xustificase o ataque porque supón que "cae un tirano" e porque axudará ás mulleres iranianas que "non aceptan vivir sen liberdade".
Para Rueda, no económico "haberá que agardar, porque o subministro de petróleo e combustibles no noso país está bastante diversificado e polo tanto o impacto debe ser menor que noutras zonas". "Pero loxicamente por moitas razóns, aínda que vostede íase á derivada económica, unha situación de guerra, de conflito, non é desexable nunca", concluíu o presidente, respondendo en xeral sobre calquera impacto dunha guerra á pregunta xornalística que se lle formulou sobre os efectos económicos en Galicia.
Desde o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, criticou que tras os ataques "non hai ningunha acción que defenda nin a democracia nin ás mulleres, nin ningún tipo de avance social" senón que "o único que buscan é o control xeopolítico e dos recursos petroleiros que hai na zona". "A comunidade internacional ten que dar unha resposta que estea a altura, non como estivo facendo no caso de Palestina, mirando para outro lado", salientou
"Trump está levándonos a un mundo cada vez máis inseguro e inxusto, a un mundo onde ademais todo isto nos pode vir de rebote cunha maior inflación e empeorando as nosas condicións de vida", alertou a líder do BNG. "Non queremos a ningún sheriff americano controlando o mundo. O que defendemos son os dereitos, a liberdade, o dereito internacional e que os conflitos teñen que ter unha solución pacífica", concluíu a nacionalista.