Unha guerra de Irán sen fin apunta a un dos outonos e invernos máis caros para o gas, a luz e a gasolina

Descarga dun buque gaseiro na planta de Reganosa © Reganosa

Os expertos cren que a guerra no Golfo podería estenderse ata o próximo ano, unha noticia fatídica para os prezos da enerxía

Estados Unidos renovou a semana pasada os bombardeos sobre Irán, difuminando calquera posibilidade de acordo a curto e medio prazo para poñer fin ao conflito, que supera xa os seis meses de duración. Se durante a primavera preocupaba que houbese suficiente subministración enerxética para abordar a calor do verán e o incremento do turismo, a vista está posta agora nun período aínda máis complexo, a elevada demanda provocada polo frío do outono e o inverno. Esta tensión trasladouse aos prezos, que apuntan a facturas excepcionalmente caras de luz, gas e combustible.

O prezo da electricidade márcao fundamentalmente o gas natural, cuxa cotización no mercado europeo é hoxe un 130% superior á de hai un ano, arredor dos 70 euros/MWh, debido á escaseza de subministración e aos reducidos almacenamentos da Unión Europea. Como o gas marca o prezo da electricidade durante as horas de maior consumo, ambos van da man.

En consecuencia, un fogar medio en España con tarifa regulada (PVPC) pagará ao redor de 53,55 euros este setembro, segundo calculan os analistas do comparador enerxético Hello Watt, o que equivalería á factura máis cara para ese mes desde 2022. Como os problemas que sofre o mercado non parece que vaian desaparecer nos próximos meses, a previsión é que a situación só vaia a peor.

Unha bandeira de Irán entre os cascallos despois dun bombardeo © @araghchi

Eses inconvenientes son, en esencia, dous. Por unha banda, o conflito en Oriente Medio e o parón das exportacións de Qatar reduciron nunha quinta parte a subministración mundial de gas natural licuado (GNL), o que chega por barco. "O feito de que Qatar paralizase os seus contratos fai que o seu principal comprador, Asia, compita agora con Europa por facerse co gas natural dos Estados Unidos, e iso incrementa o seu prezo", valora Antonio García, experto en Enerxía da Universidade Pontificia Comillas.

Pola súa banda, Víctor Burguete, investigador de Xeopolítica Global e Seguridade do CIDOB (Barcelona Centre for International Affairs), explica que, efectivamente, o conflito parece estancado e non hai movementos que leven a pensar nunha solución, polo menos ata o ano que vén. "Todo apunta a un conflito de longa duración, e é probable que a finais de ano sigamos nunha situación similar á actual", valora o analista.

O gas encarecerase aínda máis

Ao mesmo tempo, as empresas gasistas da Unión Europea apostaron na primavera que a guerra terminaría ao longo do verán e pospuxeron as súas compras de combustible para encher os seus inventarios de cara ao outono. Pero iso non ocorreu e moitos países, principalmente Alemaña, chegaron a setembro cuns niveis de almacenamento historicamente baixos.

As reservas globais do continente atópanse hoxe ao 66%, cando o normal é que a estas alturas estivesen ao 83%, mentres que as de Alemaña, o maior consumidor de gas do bloque, están ao 54%. Estes almacéns son clave porque albergan arredor dun terzo da demanda invernal de gas natural da Unión, de xeito que dan marxe aos Estados membros para non ter que compralo a última hora, cando os prezos tenden a subir.

O experto da Universidade Pontificia Comillas engade un terceiro problema a ter en conta: a partir do 1 de xaneiro, a Unión Europea debe cortar toda importación de GNL ruso, que ata o pasado mes de maio seguía supoñendo o 12% do total. Isto tradúcese en que, a medida que se aproxime esa data, os prezos do gas natural poderían subir aínda máis, afectando tamén á factura da luz.

O petróleo, outra fronte aberta

O prezo da gasolina tamén apunta alto, aínda que cun matiz. Este mes de setembro reactivouse o desconto completo do Goberno sobre o Imposto Especial de Hidrocarburos para o diésel, con 20 céntimos de rebaixa por litro, fronte aos 10 céntimos de agosto, despois de que este carburante se encarecera un 15,7% en xullo. A gasolina só sufrirá unha rebaixa de cinco céntimos por litro en setembro debido a que se encareceu un 7,3% en xullo, lonxe do limiar do 15% que activa esta cláusula.

Este parche suavizará parcialmente a forte subida do combustible, que se vende agora en España un 42% máis caro que hai un ano no caso da gasolina e un 61% máis caro no caso do diésel, sen contar impostos e segundo o último boletín da Comisión Europea, do 31 de agosto.

Unha parte da suba responde, como o gas, ao buraco de produción provocado polo peche case total do Estreito de Ormuz, por onde antes da guerra adoitaba transitar o 20% do cru mundial. Por ese paso marítimo apenas circulan agora barcos por medo a sufrir ataques desde a costa iraniana. Na última semana de agosto só atravesaron o estreito 107 embarcacións, segundo a consultora de materias primas Kpler, cando antes da guerra facíano máis de 130 cada día.

Este luns, ademais, dous petroleiros –un saudita e outro con bandeira de Liberia– foron alcanzados por proxectís, unha proba de que Ormuz continúa sen ser un roteiro seguro, a pesar das garantías que tratou de dar os Estados Unidos nas últimas semanas para acougar o mercado do cru.

Sobre o mercado petroleiro, Víctor Burguete recoñece que os prezos non subiron tanto como se esperaba ao principio do conflito –o petróleo brent encareceuse un 36% desde finais de febreiro–, pero tamén é certo que esa contención logrouse mediante uns parches que cada día que pasa son máis débiles, polo que non é descartable que o diésel e a gasolina aumenten de prezo nos próximos meses.

"Pensabamos que o abastecemento de combustible no verán sería crítico, pero tivemos un alto o fogo temporal que liberou millóns de barrís de petróleo, descubrimos que China tiña moita capacidade para reducir as súas importacións, tiramos de almacenamentos… pero son colchóns que se van terminando, especialmente o de recorrer aos inventarios", afirma.

Non é só Ormuz, tamén Rusia

No último informe, de comezos de agosto, a Axencia Internacional da Enerxía estima que a subministración mundial de cru en 2026 caerá en 4,3 millóns de barrís, un 4% menos que o ano pasado, "xa que o aumento da produción en América só compensa parcialmente as perdas de subministración procedentes de Oriente Medio e Rusia".

Como sinala a axencia da OCDE, Rusia é outro dos problemas aos que se enfronta o fluxo global de cru, xa que os ataques de Ucraína con drons sobre as súas refinerías incrementáronse nos últimos meses, obrigando a recortar as súas exportacións de produtos refinados. Segundo a consultora Rystad, Rusia refinou en xuño e xullo algo máis de 3,5 millóns de barrís de petróleo cada día, a menor cifra en dúas décadas e un 30% menos que a media dos últimos anos.

De feito, Josu Jon Imaz, conselleiro delegado da española Repsol, dixo na súa última presentación de resultados, a peche de xullo, que as avarías na industria rusa eran probablemente o maior inconveniente para suavizar a subida dos combustibles. "Creo que Rusia podería ser mesmo máis importante que o Estreito de Ormuz hoxe en día para o mercado europeo, xa que probablemente entre o 45% e o 50% das refinerías rusas están actualmente fóra de servizo, ao redor de 900.000 ou 1.000.000 de barrís diarios de destilados", afirmou o directivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.